Parlamento Europeo
Asemblea lexislativa, con sede en Estrasburgo, que supervisa a acción dos órganos executivos da Unión Europea, como o Consello de Ministros e a Comisión Europea. Elixida de forma directa polos cidadáns dos estados membros desde as primeiras eleccións de 1979, o número de deputados variou en función dos estados membros. Así en 2004 (VI lexislatura) estaba composta por 732, dos que 54 lle corresponden a España. Está composta polo presidente, que dirixe o conxunto das actividades do Parlamento e dos seus órganos e preside as sesións plenarias, as reunións da Mesa e as da Conferencia de Presidentes; a Mesa, composta polo presidente, por 14 vicepresidentes e cinco cuestores, órgano directivo da institución no ámbito regulamentario, competente en materia do presuposto do Parlamento, das cuestións administrativas, de persoal e de organización; e a Conferencia de Presidentes, órgano de dirección política composto polo presidente do Parlamento e os presidentes dos grupos políticos.