partícula

partícula

(

  1. s f

    Parte pequena de materia.

  2. s f [FÍS]

    Nome xenérico dos constituíntes fundamentais da materia, empregado especialmente cando se estuda o nivel máis elemental posible ou cando amosan a súa individualidade. O termo describe tanto obxectos aparentemente elementais (que, segundo os coñecementos do momento, non parecen constituídos por unidades menores) como obxectos compostos (constituídos por unidades máis elementais). A estrutura e os constituíntes da materia son obxecto de estudo da física de partículas, que ten como principais instrumentos de investigación o acelerador de partículas e os detectores. Unha determinada substancia caracterízase polas súas moléculas; a gran diversidade de moléculas pódese obter ao combinar de diferentes maneiras unha cantidade pequena de átomos (uns cen). O átomo é a unidade básica que caracteriza as propiedades dun elemento químico, e está determinado que son combinacións diferentes de só tres tipos de partículas: hai un núcleo, formado por protóns e neutróns, que está envolto por capas de electróns. Aínda así, a estrutura da materia non se pode explicar só con estas tres partículas. Existen moitas outras, como por exemplo o neutrino, o positrón, o mesón ou pión, o muón, etc. Desde 1947, descubríronse partículas que se denominan estrañas (o antiprotón e o neutrino muónico) e a partir de 1953 fóronse descubrindo outras de vida moi curta, as resonancias. O gran número de “partículas elementais” coñecidas estimulou os intentos de clasificación. Formáronse isomultipletos con partículas co mesmo isospín; así, o protón e o neutrón teñen o mesmo isospín e poden considerarse dúas manifestacións diferentes, caracterizado cada un deles por un valor da terceira compoñente de isospín, dunha única partícula, o nucleón. En 1964, M. Gell-Mann e G. Zweig, independentemente, propuxeron os quarks, entidades elementais que forman todas as partículas que experimentan a interacción forte. Esta idea coincidía, esencialmente, coa hipótese (1967) de Feyman sobre a estrutura dos protóns. A física contemporánea traballa cun modelo estándar da estrutura e constituíntes da materia. Neste modelo, a natureza pode ser explicada en termos duns poucos constituíntes fundamentais que interaccionan mediante catro interaccións fundamentais que son transmitidas polo intercambio dunhas partículas mediadoras, ou bosóns de calibre, axustándose a unhas leis de conservación. Os constituíntes fundamentais forman dous grupos: por unha banda, os seis leptóns (electrón e, neutrino electrónico í e , muón ì, neutrino muónico í ì , tauón ô, e neutrino tauónico í ô ) que se caracterizan pola súa carga eléctrica e polos números leptónicos. Por outra banda, os seis quarks, que se designan mediante a inicial do seu nome inglés: u (up ‘arriba’), d (down ‘abaixo’), c (charmed ‘encantado’), s (strange ‘estraño’), b (bottom ‘fondo’ ou beauty ‘beleza’) e t (top ‘cumio’, ou truth ‘verdade’), que se caracterizan polo isospín, a terceira compoñente do isospín, a carga eléctrica (que é fraccionaria) e polos sabores (ou aromas) dos quarks (denominados encanto C, estrañeza S, beleza B e verdade T). Cada unha das seis especies ou sabores poden presentarse en tres cores diferentes, denominadas vermello, verde e azul; a cor designa aquí un tipo de carga xenérica. Hai outras clasificacións posibles; por exemplo, tense clasificado os barións de spin 1/2 en nucleóns (o protón e o neutrón) e en hiperóns. Hai seis leptóns e seis quarks, estes últimos forman os mesóns e os barións. Á parte, cómpre considerar as partículas mediadoras, ou bosóns de calibre, que transmiten as interaccións fundamentais. Son o fotón (transmite a interacción electromagnética), os tres bosóns intermediarios ou febles (transmiten a interacción feble), os oito gluóns (transmiten a interacción forte) e o gravitón (que transmite a interacción gravitacional ou gravitación). Ademais, hai que ter en conta o denominado bosón de Higgs. Actualmente vaise cara a unha simplificación na clasificación das partículas.

  3. s f [FÍS]

    punto material.

  4. s f [LING]

    Termo que se aplica aos elementos de relación ou modificación invariables, que teñen unha función primordialmente sintáctica ou pragmática e non semántica, e a elementos que participan na formación de certas palabras. Así, son partículas os elementos que se engaden a palabras para cambiar o seu sentido, como son os afixos (sufixos e prefixos), e as palabras invariables que serven para expresar as relacións que se establecen entre as palabras (adverbios de negación, preposicións, conxuncións, interxeccións).

Palabras veciñas

partícipe | participial | participio | partícula | particular | particular | particularidade