Pastoriza, A

Pastoriza, A


Concello da comarca de Terra Chá, situado na provincia de Lugo no NL da Comunidade Autónoma de Galicia, a 43° 17’ 30’’ de latitude N e 7° 21’ O. Limita ao N con Mondoñedo (comarca da Mariña Central), ao L con Riotorto e Meira (ambos os dous na comarca de Meira), ao S con Castro de Rei, Cospeito (comarca de Terra Chá) e Pol (comarca de Meira), e ao O con Abadín (comarca de Terra Chá). Abrangue una superficie de 175 km 2 , en que acolle unha poboación de 3.690 h (2007), distribuída nas parroquias de Aguarda, Álvare, Baltar, Bretoña, Cadavedo, Crecente, Fomiñá, Gueimonde, Lagoa, Loboso, Pastoriza, Pousada, A Regueira, Reigosa, Saldanxe, San Cosme de Piñeiro, San Martiño de Corvelle, Úbeda e Vián. A súa capital está no lugar de Pastoriza, na parroquia do mesmo nome, a 150 km de Santiago de Compostela e a 40 km de Lugo. Está á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Mondoñedo.
Xeografía física
As terras da Pastoriza sitúanse na transición entre as chairas de Terra Chá e as serras setentrionais, feito que fai que exista unha clara contraposición entre o centro-sur do concello, claramente dominados pola planitude, e o N, onde os cordais montañosos se alternan cos vales. As terras centrais e meridionais acadan altitudes modestas (entre os 400 e 500 m), con escasas pendentes, excepto no extremo meridional, onde os contrafortes setentrionais da serra de Meira elevan as altitudes por riba dos 600 m. O N do concello conta cun relevo máis vigoroso, onde as altitudes medias oscilan entre os 500 e os 750 m. Destaca aquí a serra de Lourenzá e o cordal de Neda (Neda, 798 m) que segue unha dirección L-SO, que delimita os vales dos ríos Pequeno, Regueira e Úbeda mediante pequenas aliñacións con dirección N-S que rapidamente perden entidade. O concello da Pastoriza repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental, ao abrigo da influencia moderadora das masas de aire mariñas, feito que repercute nun réxime térmico asentado en temperaturas contrastadas e precipitacións moderadas. A temperatura media anual é de 11,5°C, cunha media en xaneiro de 5,3°C, e 17,5°C en agosto, que acada unha amplitude térmica extrema que chega aos 21,7°C. As precipitacións anuais medias son de 1.176 mm, cunha distribución estacional onde o 36% das precipitacións se recollen en inverno e o 12% en verán, mentres que rexistran valores medios a primavera co 27% e o outono co 25%. Desde o punto de vista hidrográfico encádrase na conca alta do río Miño, que atravesa o seu extremo meridional e segue unha dirección SL-O atravesando as parroquias de Fomiñá, Crecente e Baltar. Neste río verten as augas o Madanela, o Regueira e o Pequeno, ríos de curto percorrido que nacen nas serras que delimitan polo N o concello, e seguen sempre unha dirección N-S. A vexetación clímax está mesturada con grandes superficies cultivadas e pratenses. As plantacións de piñeiros e eucaliptos aparecen tan só nas áreas de contacto entre as serras e as chairas, mentres que os prados e o mato nas partes máis altas.
Xeografía humana
A poboación da Pastoriza viviu unha complexa evolución ao longo do s XX marcada por unhas perdas febles ata 1940, que foron máis acusadas a partir desa data, feito que provocou que en 2001 tan só acadase a metade dos efectivos cos que contaba en 1900, momento en que tivo o seu máximo demográfico. Entre 1900 e 1910 viviu momentos de retroceso, perdendo poboación a razón dun 0,51% interanual. Este retroceso amorteceuse na década seguinte (0,18% interanual entre 1910 e 1920), e incluso provocou unha etapa de estancamento entre 1920 e 1940, cando aumentou un 0,03% interanual. Entre 1940 e 1960 viviu unha notable regresión coa perda dun -0,70% interanual, que se freou entre 1960 e 1970 (medrou un 0,16% interanual), para pasar de novo, entre 1970 e 1991, a perder un -1,61% interanual, que parcialmente se viu diminuída entre 1991 e 2001 (-0,64% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -6,79%. As constantes emigracións son a principal causa do desfavorable comportamento demográfico, dirixidas fundamentalmente ás cidades de Lugo e A Coruña. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-10,3‰) a causa dunha baixa natalidade (4,6‰) e unha alta mortalidade (14,9‰). O avellentamento é visible, pois os menores de 20 anos representan o 12,7% da poboación e os de máis de 65 anos o 32,2%; o grupo dos adultos representa o 55,1%. A distribución por sexos é practicamente paritaria, onde as mulleres representan o 50,29 % dos efectivos fronte ao 49,70% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Pastoriza é do 53,8% (59,5% a masculina e 48,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 51,2% (56,5% a masculina e 46% a feminina) e a taxa de paro do 4,8% (4,9% a masculina e 4,6% a feminina). A dependencia da agricultura é o trazo máis significativo deste concello, o 60,8% da poboación ocupada traballa neste sector. A superficie cultivada esténdese polo 22,57% do territorio, practicamente monopolizado polos cultivos forraxeiros. O gando, cunha forte especialización leiteira, é a fonte de riqueza máis importante, razón pola que os prados e os pastos suman o 18,57% do territorio cultivado. A industria representa o 6,4% da man de obra, sen que existan apenas establecementos industriais de relevancia. A construción só ocupa o 7,3% dos traballadores. Os servizos representan o 25,5% do emprego, centrados nos escasos equipamentos terciarios do concello. A principal estrada do concello é a N-640.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos achados datan de época prehistórica, como se constata na presenza de numerosos castros na zona, entre outros o de Rea e o de Fomiñá. De época romana e sueva case non hai restos; só destaca unha estela romana antropomorfa e outros vestixios atopados nas Coras (Reigosa). As referencias escritas máis antigas pertencen ao Parochiale Suevum. Durante os ss V e VI produciuse a chegada dalgúns refuxiados procedentes das Illas Británicas a consecuencia das invasións xermánicas. Estes novos poboadores fundaron un bispado propio, o de Bretonia, con sé na actual parroquia de Bretoña, e que co tempo constituíu o bispado de Mondoñedo despois da destrución deste enclave polas invasións islámicas do s VIII. Desde entón pertenceu ao cabido de Mondoñedo e aos mosteiros de Meira e Lourenzá. Durante o Antigo Réxime as parroquias do concello repartíanse entre as xurisdicións de Bretoña e Reigosa, señorío do bispo de Mondoñedo e dalgúns señores laicos; Abadín e Lagoa, señorío de Manuel Luaces; Cadavedo, administrada polos mesmos veciños; Vilanova de Lourenzá, señorío do mosteiro de Vilanova de Lourenzá; Vilarente, señorío do bispo de Mondoñedo e da Encomenda da Barra, orde de Santiago; Castro de Rei, señorío do conde de Lemos; Crecente e Quintela, señorío de reguengo e de dous señores laicos; e Meira, señorío do mosteiro de Meira. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello de Vián, pertencente ao partido xudicial de Mondoñedo e en 1822, coa división de Galicia en provincias, incorporouse á de Lugo. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. As parroquias do concello da Pastoriza repartíronse entre os concellos de Vilanova de Lourenzá, Castro Maior, Vilarente, Bretoña, Castro de Rei da Terrachá e Meira. En 1840 xurdiu o actual concello da Pastoriza, que absorbeu o de Bretoña. Desde entón permaneceu sempre no partido xudicial de Mondoñedo e non sufriu variacións nos seus límites municipais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no campo da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, a igrexa parroquial de Santa María de Bretoña (s IX), que conserva inscricións referidas á súa consagración en honor de santa María da Paz. Da arquitectura civil destacan as casas de Eirexa, do Pacio, da Torre e da Hermida. Das festas que teñen lugar no concello destacan as de Santiago en Reigosa, a de Santa María en Bretoña, San Salvador en Pastoriza e a rapa das bestas do Campo de Oso, na parroquia de Bretoña.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Terra Chá
Extensión 175 Km2
Poboación Total 3690 h
Poboación Homes 1834 h
Poboación Mulleres 1856 h
Densidade de poboación 21.09 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias