1 pato -ta

1 pato -ta

(< voz onomatopeica)

  1. s [ANIMAL/ORNIT]

    Nome común que reciben as aves anátidas de tamaño medio, voo rápido e nas que existen diferencias entre femias e machos. As femias son de cores pardas e moi similares entre as diferentes especies, mentres que os machos son máis conspicuos e diferentes entre as distintas especies.

    1. s [ANIMAL/ORNIT]

      Nome común co que se coñecen as aves anátidas que se caracterizan porque só mergullan a metade do corpo para obter o alimento e porque poden erguer o voo sen ter que impulsarse cunha carreira previa. Adoitan vivir en encoros, ríos e lagoas onde se alimentan de plantas acuáticas, crustáceos e algún peixe.

    2. pato asubión [cast: ánade silbón] [Anas penelope, Fam dos anátidos]

      Anátido de 46 cm de lonxitude, caracterizado porque o macho ten unha mancha amarelada cruzándolle a cabeza, ás grises, o dorso máis escuro e o peito e a cabeza castaños. A femia é parda con pintas. Son principalmente vexetarianos. Viven en rías e zonas próximas ao litoral. Aniña en Asia e no N de Europa. En Galicia e no resto da Península Ibérica é invernante, polo que se pode observar a partir do mes de setembro.

    3. pato branco [port: pato branco; cast: tarro blanco; ingl: shelduck] [Tadorna tadorna, Fam dos anátidos]

      Anátido de 61 cm de lonxitude e de sexos moi semellantes. A plumaxe é branca, pero teñen a cabeza e o pescozo negro-verdosos, e o peito presenta unha banda avermellada que lle chega ata o lombo. O macho diferénciase porque posúe unha protuberancia nasal. O peteiro e as patas son vermellas. Aniña no N de Europa, e en Galicia é invernante, polo que se pode observar desde novembro ao longo do litoral.

    4. pato caribranco [port: zarro bastardo; cast: porrón bastardo; ingl: scaup] [Aythya marila, Fam dos anátidos]

      Anátido de 48 cm de lonxitude, caracterizado porque o macho ten a plumaxe da cabeza, do pescozo e do rabo negra, e a das costas e a do dorso branca. A femia é parda co ventre claro. Ambos teñen unha mancha ao redor do peteiro, que é azulado. Vive nas ribeiras que están protexidas, alimentándose de moluscos e crustáceos. É un invernante escaso en España, ao igual que en Galicia.

    5. pato chupón [port: zarro común; cast: porrón común; ingl: pochard] [Aythya ferina, Fam dos anátidos]

      Parrulo duns 46 cm de lonxitude, en que os machos son de cor gris clara coa cabeza vermella e o pescozo e a cola negros. As femias son pardas cunha mancha branca ao redor do peteiro e outra rodeándolle os ollos. Aniñan preto da auga, en encoros, lagoas e augas estancadas, e aliméntanse de plantas acuáticas e das súas sementes, moluscos e crustáceos. Está presente en Europa e en España, e en Galicia é invernante a partir de novembro. Pode atoparse nas beiras do Miño e en lagoas ou encoros próximos á costa.

    6. pato cinsento [port: frisada; cast: ánade friso; ingl: gadwall] [Anas strepera, Fam dos anátidos]

      Ave de 51 cm de lonxitude, que se caracteriza porque o macho ten o ventre branco, bandas escuras nos lados, gris o dorso e as patas alaranxadas. A femia é parda con pintas. É vexetariano aínda que pode alimentarse tamén de vermes e pequenos invertebrados. Vive nas rías, pero en Galicia só é invernante, ao igual que na meirande parte da Península Ibérica, agás no centro e S, onde cría.

    7. pato cristado común [port: negrinha; cast: porrón moñudo; ingl: tufted duck] [Aythya fuligula, Fam dos anátidos]

      Ave duns 43 cm de lonxitude, en que os machos teñen a parte ventral e as costas brancas, e o resto do corpo negro; na cabeza presentan unha crista cara a atrás. As femias son pardas e tamén presentan crista, aínda que máis curta. Os dous teñen o peteiro azulado coa punta negra, e os ollos amarelos. En Galicia e parte da Península Ibérica é invernante, e atópase no litoral e en encoros.

    8. pato cullerete [port: pato trombeteiro; cast: pato cuchara; ingl: shoveler] [Anas clypeata, Fam dos anátidos]

      Ave de 51 cm de lonxitude que se caracteriza polo seu gran peteiro aplanado. O macho ten a cabeza verde, o peito branco e as costas avermelladas. As femias son pardas con pintas, e teñen unha mancha alar azul. Come plantas e outros invertebrados acuáticos, e vive en rías, lagoas e esteiros. En Galicia pode observarse como invernante nos meses de setembro a febreiro.

    9. pato ferruxento [port: zarro castanho; cast: porrón pardo; ingl: ferruginous dick] [Aythya nyroca, Fam dos anátidos]

      Anátido de 42 cm de lonxitude de plumaxe ferruxenta no dorso e branca no ventre e na parte inferior das ás; a femia é case igual, xa que o dorso é pardo escuro. En Galicia é un invernante escaso e raro, pero é máis común en España, nas marismas do Guadalquivir e Levante.

    10. pato mandarín [Aix galericulata, Fam dos anátidos]

      Ave de 43 cm de lonxitude. O macho ten a cabeza con bandas de tres cores, o peito mouro e as costas de cor crema, mentres que a femia e cinsenta cunha risca branca nos ollos e outra rodeando o peteiro. En Galicia a súa presenza é accidental.

    11. pato mourelo [port: pato fusco; cast: negrón especulado; ingl: velvet scoter] [Melanitta fusca, Fam dos anátidos]

      Parrulo de 46 cm de lonxitude, que nos machos presenta plumaxe de cor negra con iridescencia verdosa na cabeza, cunha pequena mancha branca nas meixelas, branca no peito e ventre e negra no lombo. A femia ten a cabeza acastañada e o corpo cinsento con pencas pardas, e manchas brancas nas ás. O peteiro é curto e os ollos amarelos. É moi raro velo en Galicia e na Península Ibérica en xeral, xa que cría nas proximidades do Mar Báltico; nas costas galegas pode estar presente como invernante.

    12. pato pentumeiro común [port: pato negro; cast: negrón común; ingl: common scoter] [Melanitta nigra, Fam dos anátidos]

      Parrulo duns 48 cm, de plumaxe totalmente negra no macho e parda na femia, esta última, ademais, coas fazulas claras. En Galicia pode verse como invernante en paso.

    13. pato rabilongo [port: arraibo; cast: ánade rabudo; ingl: pintail] [Anas acuta, Fam dos anátidos]

      Ave de 56 cm de lonxitude. O macho ten a cabeza ferruxenta, o pescozo branco, e as costas e o lombo cinsentos. A femia e acastañada con pencas máis escuras. É invernante tanto en España como en Galicia, onde pode verse entre novembro e febreiro, nas zonas costeiras.

    14. pato rabudo [port: pato de cauda afilada; cast: havelda; ingl: long-tailed duck] [Clangula hyemalis, Fam dos anátidos]

      Parrulo de 53 cm de lonxitude o macho e 41 a femia que, ademais de polo tamaño, se diferencian pola plumaxe. A do macho é branca cunha banda negra no dorso e ás tamén negras, e unha mancha escura ao redor do ollo. A femia é de dorso pardo. En Galicia e no resto da Península Ibérica é unha invernante escasa.

    15. pato rubio [port: pato de bico vermelho; cast: pato colorado; ingl: red-crested pochard] [Netta rufina, Fam dos anátidos]

      Ave de 56 cm, en que o macho ten a cabeza vermella, ao igual ca as patas e o peteiro. O pescozo e mitra son negros e o resto do corpo é pardo e branco. A femia é parda, agás nas fazulas e no ventre, que son brancos. É común nalgunhas zonas de España, como no Guadalquivir, Ebro ou Elche, pero non en Galica, onde é moi raro o seu avistamento.

Palabras veciñas

Patmos | Patna | Pato | 1 pato -ta | 2 pato -ta | Pato Díaz, María Xesús | Pato Lorenzo, Cristina