patrimonio

patrimonio

(

    1. s m

      Conxunto de bens, valores e créditos que se trasmite por herdanza.

    2. patrimonio familiar

      Patrimonio que algunhas lexislacións asignan a un núcleo familiar, con carácter inalienable e indivisible, co fin de asegurar a produción, só transmisible por herdanza a unha persoa.

  1. [DER]
    1. s m

      Conxunto de bens mobles e inmobles de valor cultural que pertencen a unha comunidade e que merecen un réxime especial de atención, coidado e protección.

    2. patrimonio cultural

      Conxunto de testemuños que forman a herdanza cultural dunha sociedade. Segundo a idea tradicional está constituído por unha serie de bens cun recoñecemento oficial, -como os máis destacados dun pobo ou dunha cultura determinada-, que han de ser preservados e legados ás xeracións futuras. Designa monumentos, grupos de edificios e sitios que teñan un valor histórico, estético, arqueolóxico, científico, etnolóxico ou antropolóxico, así como o patrimonio documental ou bibliográfico.

    3. patrimonio da humanidade

      Conxunto de monumentos, conxuntos ou sitios caracterizados por un valor excepcional desde o punto de vista histórico, artístico, estético, etnolóxico, antropolóxico ou científico, aos que o Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO lles concedeu un valor universal, coas esixencias previas de autenticidade e protección xurídica que garantan a súa conservación. O termo creouse en 1972, como resultado da celebración dunha convención sobre a protección do patrimonio cultural e natural celebrada en París e aprobada por todos os países membros da UNESCO. A característica fundamental era a pretensión de asociar a conservación da natureza coa preservación dos sitios culturais. En Galicia foron declarados Patrimonio da Humanidade o centro histórico de Santiago de Compostela (1985), o Camiño de Santiago (1993) e a muralla de Lugo (2000).

    4. patrimonio do Estado

      Conxunto de bens non afectos do uso xeral que pertencen ao Estado, ás comunidades autónomas e aos entes locais, segundo a lexislación española.

    5. patrimonio histórico español

      Conxunto formado polo patrimonio cultural, o patrimonio natural e os bens mixtos culturais naturais españois. Segundo a Constitución de 1978 o Estado español ten a obriga de garantir a súa conservación, promover o seu enriquecemento, fomentar e tutelar o acceso dos cidadáns e protexelos da espoliación.

    6. patrimonio nacional

      Conxunto de bens de titularidade estatal que, segundo a lexislación española, son afectos polo uso e servizo do rei e dos membros da familia real para o exercicio da alta representación que a Constitución de 1978 e as leis lles atribúen. Tamén se integran nel os dereitos e cargas sobre as fundacións e reais padroados. Cando é compatible co uso e servizo do rei ou dos membros da familia real, o Patrimonio Nacional pode utilizarse con fins culturais, científicos ou docentes.

    7. patrimonio natural

      Conxunto de formacións físicas, biolóxicas e xeolóxicas excepcionais, así como os hábitats de especies animais e vexetais ameazadas e as zonas que se caractericen por un alto valor científico, de conservación ou estético.

    8. patrimonio real

      Conxunto de bens, dominios, rendas, impostos e outras regalías que, na Idade Media, servían para sufragar os gastos do aparello estatal e, ao mesmo tempo, da casa do rei. Dunha banda figuraban as terras ou edificios que pertencían ao soberano e doutra as rendas derivadas das funcións públicas que exercía. Os encargados de administrar este patrimonio foron os alcaldes reais locais. A complexidade crecente do aparello estatal e as guerras continuas fixeron que os recursos do patrimonio resultasen cada vez máis insuficientes desde o s XIII.

  2. patrimonio de san Pedro [RELIX/HIST]

    Terras e bens que constitúen a dotación do papa, que o converteron primeiro nun gran terratenente, despois nunha autoridade civil e finalmente, nun soberano. Situados en Roma e nas provincias veciñas, chegaron a Córsega, Sardeña e Sicilia, ao norte de África, Galia, Dalmacia e ata Oriente. Procede das doazóns e adquisicións feitas desde o s IV. Reestruturado por Gregorio I o Magno (590), o patrimonio foi a base do Ducado de Roma, ampliado coas doazóns de Pipino I (754) e de Carlomagno (774), ata a súa integración nos Estados Pontificios.

Palabras veciñas

patrilocalismo | patrimonial | patrimonialista | patrimonio | patrinita | patrio -tria | Patriot