pazo

pazo

(< lat palatĭu)

  1. s m

    palacio.

  2. s m [ARQUIT/ARTE]

    Casa señorial galega situada no campo, que se destinaba a residencia temporal ou habitual dunha familia fidalga. As súas proporcións son superiores ás das vivendas que a rodean e presenta signos heráldicos nas paredes, ademais de diversas construcións como a capela, o xardín e outras dependencias relacionadas coa súa finalidade económica, como o pombal, os alpendres ou os muíños. Construíronse principalmente no ss XVII e XVIII, na época de triunfo do Barroco, aínda que tamén poden ter unha orixe anterior, e constituíronse como centro de produción agraria en que se centralizaban as relacións económicas e sociais do réxime señorial. Esta tipoloxía rural trasladouse tamén ás vilas e cidades.
    O nacemento do pazo como residencia da fidalguía: contexto histórico
    Estas construcións xurdiron nun momento histórico concreto e como consecuencia da situación socioeconómica e política que existía en Galicia. Despois das reformas emprendidas polos Reis Católicos, a alta nobreza autóctona galega foi desprazada das súas terras -aínda que mantiña a propiedade de terreos e casas, residía na corte-, mentres que en Galicia permaneceu unha nobreza rural de segunda orde. Esta nobreza intermedia ou señores medianeiros eran os que posuían os foros en primeiro grao e que arrendaban ou aforaban de novo as terras aos pequenos campesiños. Ademais mercaba terras e rendas agrarias de campesiños endebedados ou empobrecidos e a fidalguía mostrou o seu poderío económico na mellora e construción das súas vivendas. Neste sentido, o pazo converteuse no medio de expresión dese poderío e a través dos brasóns mostrábase a súa vinculación coa nobreza.
    A arquitectura dos pazos
    Como estrutura arquitectónica, a súa orixe é múltiple. Para a gran maioría dos estudosos derivan das fortalezas e castelos medievais que perderon a súa función defensiva e militar e que se adaptaron ás necesidades da vida rural e civil. Pero tamén poden ter a súa orixe na tipoloxia do palacio urbano de Xelmírez de Santiago de Compostela, na dos palacios renacentistas e barrocos italianos ou na casa romana. Da gran maioría dos pazos conservados descoñécese o nome dos construtores ou mestres que os trazaron; só se coñecen algúns deles, como o pazo de Bóveda, obra de Domingo Antonio Lois Monteagudo, ou dos pazos urbanos, como o de Bendaña, de Clemente Antonio Fernández Sarela. Construíronse en pedra, fundamentalmente en granito e nas terras onde este non abundaba empregábase a pedra local, como nas zonas orientais onde se usou a lousa. Utilizouse tanto a cantaría como a cachotaría e en ocasións unha mesma construción empregaba só a cantaría para as partes nobres, mentres que no resto do pazo se utilizaba a cachotaría, lucida en moitos casos. Tamén se empregaban a madeira, en ventás, trabes e solos, e o ferro, en balaústres e reixas. As vivendas adoitaban ter tres tipoloxías: un só corpo, xeralmente de planta cadrada ou rectangular, con ou sen patio interior ou cun patio posterior; a unión de dúas ás formando unha planta en forma de L, o modelo máis empregado; ou a unión de tres corpos en forma de U. Ademais tamén se realizaban pazos con plantas irregulares. Na planta baixa, dedicada ás actividades agropecuarias, situábanse o lagar, a adega, o almacén e, en ocasións, as cortes para o gando; mentres, na planta alta ou nobre, dedicada á vivenda, estaban as dependencias máis importantes: a cociña, o salón, os cuartos e, nalgúns casos, o oratorio ou capela privada. As cubertas adoitaban ser a catro augas. A fachada principal orientábase ao N e nela situábase o brasón familiar e a escaleira de pedra que permitía o acceso ao piso principal. Podía estar exenta ou acaroada a un dos muros da casa, e rematar nun patín ou terraza. En calquera das fachadas da vivenda podían situarse balcóns e, na fachada orientada ao mediodía, a solaina. Unida á fachada podía construírse unha torre, ameada ou non, vestixio do pasado militar, ou incluso dúas, unha a cada lado, enmarcando a fachada. Destacaban tamén no exterior do pazo as ventás, que se abrían cara a fóra, e as chemineas, que adoitaban rematar en pirámide e con bólas. En ocasións, xunto ao patio principal, aberto ante a fachada principal, situábase outro patio secundario rodeado das dependencias agrícolas. A maioría dos pazos contaban cunha capela, exenta ou non. No primeiro caso podía situarse preto do portal de entrada cun acceso desde o recinto do pazo e outro exterior, ou comunicarse coa vivenda mediante unha pasarela ou estrutura similar. As capelas acaroadas ao pazo podían comunicarse internamente con el. O xardín adornábase con estanques e outros elementos decorativos. Todo o conxunto pechábase cun muro, interrompido polo portal de entrada, que podía ir brasonado, e, nalgúns casos, por torres defensivas.