Pedreira Fernández, Marcelino

Pedreira Fernández, Marcelino

  (Santiago de Compostela 1880 - A Coruña 1950) Mestre. Realizou estudos de maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela (1894-1897) e na de Madrid (1897-1898). Desde o curso 1902-1903 foi mestre da escola pública da rúa do Socorro, na Coruña e, pouco despois, da escola de nenos da rúa Orzán, ata o ano 1950. Centrou o seu labor docente no estudo do neno e na acción educativa nas distintas situacións e, neste sentido, participou no programa de clases nocturnas para obreiros, organizadas pola Escuela Popular Gratuita. Desde 1903 formou parte da organización das colonias escolares da Lagoa, nas Mariñas, e, desde 1906 dirixiu as Colonias Escolares de Niños Pretuberculosos. Ademais, a súa acción escolar completouse coa participación e dirección pedagóxica, compartida con X. R. García Niebla, do Patronato Local de Colonias, e coa colaboración na FETE e na Institución Vanguardia Pedagógica. En 1912, a través da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, realizou unha viaxe pedagóxica por Francia, Bélxica e Suíza que o achegou ás novas liñas de renovación didáctica e pedagóxica (sobre todo recibiu a influencia das orientacións pedagóxicas de J. H. Pestalozzi e doutros autores da escola nova). Posteriormente trasladou eses coñecementos ao seu labor diario, tanto na escola como nas colonias escolares. Escribiu Valor social y pedagógico de la Colonia Escolar e Excursión de maestros al extranjero. Año de 1912, memoria manuscrita da súa viaxe pedagóxica.