peixe

peixe

(< lat pisce)

  1. [ANIMAL/ICT]
    1. s m

      ertebrado do grupo dos peixes.

    2. s m pl

      Grupo de cordados do subfilo dos vertebrados integrado por animais de sangue frío, respiración primariamente branquial e hábitat acuático. Son sempre animais mandibulados, xa que os ciclóstomos, mixinas e lampreas, aínda que comparten as mesmas características non se consideran peixes. Os peixes forman, con moita diferenza, o grupo de vertebrados máis numeroso, xa que se coñecen máis de 20.000 especies, a maioría deles óseos. As dimensións son moi variables, de maneira que o maior peixe coñecido é o tiburón balea, que pode chegar aos 15 m de lonxitude total, e o máis pequeno é un glóbido das illas Filipinas que apenas acada os 8 mm de lonxitude. O grupo dos peixes inclúe tres clases: placodermos, condritios e osteíctios. Os placodermos só comprenden especies fósiles e son os chamados peixes acoirazados. Os condritios teñen esqueleto cartilaxinoso, e os osteíctios, óseo. Os osteíctios comprenden catro subclases: os dipnoos, ou peixes pulmonados; os crosopterixios, peixes que deron lugar aos anfibios e que teñen un único representante actual, o celacanto; os actinopterixios, en que o grupo dos teleósteos agrupa o 90% das especies actuais de peixes, e os braquiopterixios. Desde o punto de vista da anatomía externa, caracterízanse pola forma de fuso, polo recubrimento de escamas (osteíctios) ou dentículos térmicos (condritios) e pola presenza dunha serie de aletas.

    3. peixe agulla brava [port: marinha-focinho-grosso; cast: aguja mula; ingl: broadnose pipefish] [Syngnathus typhle, Fam dos singnátidos]

      Peixe teleósteo da orde dos gasterosteiformes de ata 30 cm de lonxitude total. Presenta unha coloración variable, desde unha cor parda verdosa ata vermella. Ten un tubo bucal, e o macho, unha bolsa incubadora en posición ventral, características que comparten a maior parte dos representantes da orde. Habita nos bancos de algas e nas fontes e fondos areosos.

    4. peixe anxo [port: anjo do mar; cast: angelote; ingl: angelfish] [Squatina squatina, Fam dos escuatínidos]

      Peixe condritio dun tamaño próximo a 1 m, que pode acadar ata os 70 kg de peso. Está a medio camiño entre os tiburóns e as raias; amosa grandes aletas pectorais, que lle dan un aspecto esmagado. A súa cor é cinsenta coas partes ventrais claras. Achégase ás costas galegas na época estival.

    5. peixe araña

      araña.

    6. peixe arcea escamoso [cast: pez agachadiza de escamas] [Aldrovandia phalacra, Fam dos halosáuridos]

      Peixe abisal que pode acadar os 50 cm de longo. Ten un corpo moi longo, serpentiforme e comprimido, semellante a unha cinta. Ten unha aleta dorsal única situada cara a adiante e remata nunha cola con forma de aguillada. Presenta escamas grandes, que caen, liña lateral pouco visible e cabeza sen escamas. A cor é cinsenta no corpo e azul metálica na cabeza.

    7. peixe becada [cast: pez agachadiza] [Halosauropsis macrochir, Fam dos halosáuridos]

      Peixe abisal, angüiliforme, de menos dun metro de longo. De corpo alongado e azul, e coa liña lateral pintada e remarcada con escamas grandes; a cabeza espida e coa boca en posición ínfera.

    8. peixe boa [cast: pez boa; ingl: boa dragonfish] [Stomias boa, Fam dos estomiátidos]

      Peixe luminoso que pode acadar os 25 cm de lonxitude. Presenta un corpo serpentiforme, comprimido lateralmente, coma unha cinta, cabeza grande, máis alta ca o corpo, boca enorme, aberta, provista de dentes espazados, agudos. Da punta do queixo pendura unha barbela longa que remata en tres filamentos. Ten unha soa aleta dorsal colocada a carón da caudal. A cor é escura con reflexos azul prateados que se atenúa cara aos costados e ventre.

    9. peixe bobo [port: tiburão-frade; cast: tiburón peregrino; ingl: basking shark] [Cethorhinus maximus, Fam dos cetorínidos]

      Peixe condritio, que pode acadar os 10 m de lonxitude. Presenta unha cabeza moderadamente longa, fociño lixeiramente longo, aguzado e cónico, non deprimido, ollos pequenos, boca moi grande e arqueada, situada ventralmente. Amosa unhas fendeduras branquiais extremadamente longas, que se estenden sobre a superficie dorsal e ventral da cabeza, con branquias en forma de angazo. Ten 200 fileiras de dentes en cada maxilar, son moi pequenos e en forma de anzol. É peláxico, habita normalmente en mar aberto e, ás veces, pode achegarse á costa. Aliméntase do plancton que filtra coa súa enorme boca. Especie vivípara, cun período de xestación de máis de tres anos, as crías ao nacer superan o metro e medio de lonxitude.

    10. peixe cacho [port: escalo-do--norte; cast: bordallo, cacho; ingl: chub] [Leuciscus cephalus, Fam dos ciprínidos]

      Peixe de río da orde dos cipriniformes. Ten o corpo alongado coa boca situada cara a parte inferior do mesmo. Os exemplares máis vellos teñen o bordo da aleta caudal bastante curvo e orientado cara a arriba. Ten as escamas en punta e o dorso entre unha cor parda e verde, cos costados prateados e a rexión ventral case branca. Nos ríos galegos rara vez supera os 25 cm. A súa carne está chea de espiñas e captúrase na pesca deportiva.

    11. peixe cinta colorada [cast: pez cinta colorada] [Cepola rubescens, Fam dos cepólidos]

      Peixe teleósteo, da orde dos perciformes, único representante da súa familia nas costas galegas. Ten un corpo alongado e estreito coma unha cinta, de cor rosa ou asalmoada, con ollos grosos, que pode chegar aos 20 cm de lonxitude. Ten unha aleta dorsal moi alongada e remata nunha cola curta e filamentosa. Atópase facilmente nas pradarías de fanerógamas de mar ou nos fungos de lama.

    12. peixe cinto [port: peixe-espada branco; cast: pez sable; ingl: scabbardfish] [Lepidopus caudatus, Fam dos trichiúridos]

      Peixe de corpo serpentiforme, en forma de cinto, cun queixo prominente, con apéndices dérmicos na punta das mandíbulas. Aleta dorsal única, longa e ondulada, e a caudal, pequena e en forquita. A cor é prateada pero coa base das aletas amarelada. Ten unha carne relativamente graxa e con sabor ben definido.

    13. peixe cravo

      sabre cinsento.

    14. peixe crocodilo [cast: pez cocodrilo]

      Peixe do xénero Lampanyctus, da familia dos mitófidos. En Galicia soamente hai dos representantes: o L. crocodilus e o L. photonotus. O primeiro pode acadar os 25 ou 30 cm de lonxitude; presenta escamas luminosas, situadas na aleta dorsal adiposa, e placas luminosas no pedúnculo da cola, e fotóforos espallados polo corpo baixo a liña lateral. A segunda especie é idéntica á anterior, agás nunha ou varias escamas luminosas nas meixelas. Vive nas augas situadas aos 1.000 m polo día e aos 100 m pola noite. Acada un tamaño de entre 8 e 9 cm.

    15. peixe de prata [Clinitrachus argentatus, Fam dos clínidos]

      Peixe da orde dos perciformes, duns 10 cm de lonxitude. Ten dúas aletas dorsais -a segunda moi longa e semellante á anal-, as pelvianas en posición xugular, a caudal pequena e en forma de abano, e as peitorais relativamente grandes e tamén en forma de abano. Habita en zonas de pouca profundidade e nos fondos rochosos.

    16. peixe de san Martiño

      sanmartiño.

    17. peixe de san Martiño rosado

      sanmartiño rosado.

    18. peixe de san Martiño prateado

      sanmartiño prateado.

    19. peixe diaño mouro [port: salmonete-da-fondura; cast: pez diablo; ingl: bulls-eye] [Epigonus telescopus, Fam dos apogónidos]

      Peixe teleósteo, único representante da súa familia nas augas de Galicia. De corpo fusiforme, algo comprimido polos costados, ten dúas aletas dorsais, a primeira de sete espiñas duras e a segunda con raios brandos, entre os que se ve unha espiña solitaria. Ten unha coloración cinsenta escura, máis negra nos opérculos e iridescente coa luz, a mucosa interior da boca é negra.

    20. peixe dourado

      carpín dourado.

    21. peixe emperador

      emperador.

    22. peixe espada [port: espadarte; cast: pez espada; ingl: swordfish] [Xiphias gladius, Fam dos xífidos]

      Peixe teleósteo, da orde dos perciformes, que chega ata os 4 m de lonxitude. A súa principal característica é a prolongación, en forma de espada, do maxilar e do premaxilar da mandíbula superior, que pode acadar o terzo da lonxitude total do corpo; a mandíbula inferior é moito máis curta. De costumes peláxicos, só se achega á costa no verán, para desovar.

    23. peixe espada bicudo [Scombrolabrax heterolepis, Fam dos escombrolabrácidos]

      Peixe teleósteo que pode acadar os 23 cm de lonxitude. Ten ollos moi grandes e a marxe inferior do opérculo en forma de serra. É de cor acastañada e posúe escamas cicloides. É unha especie oceánica e vive entre os 100 e 600 m de profundidade. Aliméntase de crustáceos, cefalópodos e peixes de tamaño pequeno.

    24. peixe demo/pico

      faneca brava.

    25. peixe gladiador [cast: pez gladiador] [Leptostomias gladiator, Fam dos melanostomiátidos]

      Peixe teleósteo, único representante da súa familia nas augas de Galicia, corpo alongado, con dúas series de fotóforos nos costados. Ten unha coloración moura uniforme e tamaños que non superan os 40 cm de longo. Presenta, ademais, unha barbela filamentosa, ramificada na parte terminal, que pode acadar o tamaño da metade do animal.

    26. peixe guitarra

      Peixe do xénero Rhinobates. Ten o corpo alongado, cos extremos das aletas peitorais superpostos coas aletas ventrais, e a cabeza máis plana e ancha.

    27. peixe lanterna [port: escolarinho; cast: puntillo; ingl: lantern fish] [Myctophum punctatum, Fam dos mictófidos]

      Peixe de aproximadamente 10 cm de lonxitude, corpo alongado e comprimido lateralmente, coa cabeza e os ollos grandes. Ten dúas aletas dorsais, a segunda moi pequena e adiposa, fotóforos por debaixo da liña lateral e é de cor acastañada escura con brillos prateados. Vive entre os 700-1.000 m de profundidade.

    28. peixe lapa

      Peixe teleósteo, dos xéneros Lepadogaster, Diplecogaster e Apletodonda, que pertence á familia dos gobiesócidos. Son peixes de diminutas dimensións, ata uns 6 cm, que presentan unha mandíbula con dous ou tres cabeiros ben desenvolvidos e unhas aletas pélvicas transformadas en ventosa, coas que se fixan ás pedras. Teñen o corpo cuberto dun moco protector, sen escamas. Habitan nos fondos e nas zonas costeiras, cubertos de pedras e algas. Destacan o peixe lapa pato (Lepadogaster lepadogaster), o peixe lapa vermello (Diplecogaster bimaculata) e o peixe lapa verde (Apletodon dentatus).

    29. peixe lúa/roda [port: peixe--lua; cast: pez luna: ingl: ocean sunfish] [Mola mola, Fam dos mólidos]

      Peixe de gran tamaño, que pode superar os 3 m de longo e a tonelada e media de peso. Ten forma arredondada e boca pequena con dous dentes en pico. As aletas dorsal e anal son moi altas e xúntanse coa caudal. Segundo a súa alimentación, a carne pode chegar a ser tóxica. Similar a este, pero moitísimo máis pequeno e menos circular, é a especie chamada peixe lúa pequeno, Ranzania laevis, que non adoita superar o metro de longo.

    30. peixe machada [port: pai-velho; cast: pez hacha; ingl: silver hatchetfish] [Argyropelecus hemigymnus, Fam dos esternoptíquidos]

      Peixe da orde dos estomiformes que non adoita chegar aos 5 cm de lonxitude. Ten a cabeza e parte anterior do corpo altas, moi comprimidas lateralmente, co canto inferior tan fino coma o gume dunha folla de machada, e a parte posterior do corpo é baixa e delgada, comparable a un mango de machada. Habita nos mares das zonas temperadas e cálidas, a bastante profundidade.

    31. peixe martelo [port: peixe-martelo; cast: pez martillo; ingl: smooth hammerhead] [Sphyrna zygaena, Fam dos esfírnidos]

      Peixe condrictio que pode acadar os 4 m de longo. Presenta unha cabeza de forma moi característica, con dúas expansións laterais en cuxos extremos se sitúan os ollos. Ten coloración pardo-cinsenta, cos bordos das aletas escuros. Habita an augas profundas e é un bo nadador, capaz de agredir o home.

    32. peixe ourizo [port: peixe ouriço; cast: pez erizo; ingl: porcupine fish] [Diodon hystrix, Fam dos diodóntidos,]

      Peixe que pode acadar os 90 cm de longo, de corpo globoso e pel grosa, recuberta de espiñas longas e curtas, e un estómago dilatable que pode encher de auga ou aire, especial cando adopta unha actitude defensiva. Presenta unha aleta dorsal pequena moi atrasada, aletas peitorais anchas e a caudal arredondada. Ten unha coloración cinsenta ou castaña con bandas verticais e puntos. Aliméntanse de corais e moluscos, e esténdese por todo o mundo.

    33. peixe paiaso [cast: traquitero ártico] [Trachypterus arcticus, Fam dos trachiptéridos]

      Peixe teleósteo, de ata un metro de longo, é o único representante da súa familia nas augas galegas. Ten corpo alongado, comprimido lateralmente, semellante a unha cinta, moi prateado e cunha serie de manchas escuras, circulares e afastadas, colocadas en ringleira por riba da liña lateral. Presenta unha longa aleta dorsal, igual ca o resto das aletas, e de cor avermellada.

    34. peixe papagaio [Callanthias ruber, Fam dos serránidos]

      Peixe teleósteo que raramente supera os 20 cm de longo. Presenta unha cola prolongada con dous filamentos e unha aleta dorsal graduada e rematada en punta. Ten coloración rosada.

    35. peixe pau [port: donzela azul; cast: maruca azul; ingl: blue ling] [Molva dypterygia, Fam dos gádidos]

      Peixe teleósteo que pode acadar os 130 cm de longo. Ten o corpo de forma alongada con dúas aletas dorsais. É de cor ocre, coas aletas pélvicas e caudal escuras.

    36. peixe pelicano [cast: pez pelícano; ingl: pelican eel] [Eurypharynx pelecanoides, Fam dos eurifarínxidos]

      Peixe teleósteo serpentiforme, de ata un metro de lonxitude, único representante galego da súa familia. Presenta unha enorme cabeza en que se abre unha boca xigantesca e desdentada, e unha cola que vai decrecendo paulatinamente ata acabar nun filamento. É de cor moura e ten unha bolsa por debaixo da mandíbula inferior semellante á que presentan os pelicanos.

    37. peixe perla [cast: rubioca; ingl: pearlfish] [Carapus acus, Fam dos carápidos]

      Peixe teleósteo, que pode medir ata 20 cm de longo, con corpo longo, comprimido lateralmente, e estreito que lle confire unha morfoloxía afinada rematada en punta. Ten aspecto translúcido con 15 puntiños dourado-prateados dispostos pola parte anterior do corpo e nos opérculos.

    38. peixe porco [port: peixe porco; cast: cerdo marino; ingl: angular roughshark] [Oxynotus centrina, Fam dos oxinótidos]

      Peixe pequeno que apenas chega ao metro de longo. Presenta unha morfoloxía curiosa polas aletas dorsais con que se cobre, xa que se prolongan en forma de velas e están suxeitas cada unha delas por unha grande espiña que, amodo de mastro, as mantén ergueitas. Esta espiña está recuberta de pel, agás a punta. Na primeira aleta dorsal, a espiña está fincada verticalmente ou algo virada cara a adiante, mentres que a da segunda está virada cara a atrás. Ten cor cinsenta, cunhas manchas máis escuras na cabeza e nos costados.

    39. peixe porco [port: peixe porco; cast: pez ballena; ingl: tiggerfish] [Balistes carolinensis, Fam dos balístidos]

      Peixe de corpo elipsoide, comprimido polos costados, e protexido por placas óseas e cunha espiña defensiva na aleta dorsal. É de cor cinsenta con dúas bandas trasversais escuras moi anchas e pode chegar a medir 40 cm de longo. Cando se saca da auga emite uns gruñidos, semellantes aos dos porcos.

    40. peixe rato [port: quimera; cast: quimera; ingl: rabbitfish] [Chimaera monstrosa, Fam dos quiméridos]

      Peixe cartilaxinoso, de ata un metro de longo, único representante galego da súa familia. Ten unha cola que se vai estreitando ata rematar nun longo filamento e a liña lateral ramifícase ao chegar á cabeza. Por diante da dorsal ten unha espiña, con bordos dentados, conectada a unha glándula velenosa. O macho posúe na fronte un apéndice macizo e móbil, seguramente relacionado co emparellamento. Ten un fígado moi voluminoso que acada un terzo do peso total. Presenta caracteres propios dos tiburóns e das raias. Vive normalmente entre os 300 e 500 m de profundidade.

      Sinónimos: quimera.
    41. peixe rei [port: canario-do-mar; cast: tres colas; ingl: swallowtail sea perch] [Anthias anthias, Fam dos serránidos]

      Peixe teleósteo, que pode chegar aos 25 cm de longo. Presenta o corpo alongado e comprimido lateralmente. Ten unha aleta dorsal grande e alta, con raios duros, na que destaca a gran prolongación do terceiro, con máis do dobre ca os seguintes; a aleta caudal coa marxe posterior moi escotada e as aletas pélvicas moi longas. Ten cor avermellada, algo alaranxada na rexión ventral, e tres bandas amarelas na cabeza, que se estenden na primeira parte do corpo. Vive nos fondos rochosos superiores aos 30 m. Aliméntase de peixes pequenos e crustáceos.

    42. peixe rei

      piarda.

    43. peixe sabre

      sabre común.

    44. peixe sapo [port: tamboril; cast: rape negro; ingl: anglerfish] [Lophius budegassa, Fam dos lófidos]

      Peixe cunha gran cabeza e corpo reducido, que pode acadar os 2 m de longo. Presenta unha gran boca, tan larga como a cabeza, e con moitos dentes. A cor é parda avermellada no dorso e branca na parte ventral. Aliméntase doutros peixes, de crustáceos e de luras.

      Sinónimos: rabada.
    45. peixe serra

      Peixe condrictio que pertence ao xénero Pristis, da familia dos prístidos. A súa característica máis importante é a prolongación do morro nunha lámina plana e horizontal, que ten aos lados unha serie de dentes fortes e agudos, perpendiculares ao eixe desta lámina.

    46. peixe sol [cast: pez sol, perca sol, percasol] [Lepomis gibbosus, Fam dos centrarquídos]

      Peixe que pode acadar uns 30 cm de lonxitude, aínda que o tamaño medio é de 20 cm. Presenta un corpo aplanado lateralmente, aleta dorsal grande desenvolvida (a parte anterior con raios espiñentos e a posterior con raios brandos). Ten bandas azuladas que irradian da cabeza cara aos flancos, unha mancha negra e vermella no extremo posterior dos opérculos e ventre de tonalidade amarela arrubiada. É orixinario do noreste de América do Norte e foi introducido en América do Sur, África e Europa. Habita as lagoas e ríos de curso de corrente lenta con vexetación acuática densa, soporta as altas temperaturas e a baixa concentración de osíxeno. Aliméntase principalmente de insectos.

    47. peixe verde [port: bodião-verde; cast: pez verde; ingl: turkish wrasse] [Thalassoma pavo, Fam dos lábridos]

      Peixe da orde dos perciformes de aproximadamente 20 cm de longo. Ten o corpo cuberto de raias transversais onduladas e cunha mancha negra na esquina. É tropical e habita nos arrecifes de coral, e tamén no Mediterráneo.

    48. peixe voador

      Nome con que se coñecen diversas especies de peixes de distintos xéneros, da familia dos exocétidos. Caracterízanse pola extrema hipertrofia das aletas peitorais e, ás veces, tamén das ventrais, cousa que lles permite planar. O peixe levanta o voo utilizando como hélice o lóbulo inferior da cola. O representante galego desta familia é o Cheilopogon heterurus, emparentado co alcrique e coa agulla, que procede das augas mornas subtropicais e que se aventura nos veráns a subir á altura das rías galegas e tamén máis ao norte. As aletas peitorais, moi grandes, sérvenlles de ás e con elas poden esvarar por riba da auga 50 m ou máis; na parte baixa, as aletas pelvianas sérvenlles de temón para dirixir o voo. Ao ser perseguidos polos atúns, os golfiños e as lampuxas efectúan choutos fóra da auga coas aletas peitorais, sobre todo, e coas ventrais. En choutos sucesivos axúdanse da aleta caudal. É un peixe peláxico que forma grandes bancos e que se alimenta de plancto. É común no Atlántico e no Meditarráneo.

  2. peixe azul
    1. s m

      Animal do grupo dos peixes que xa foi pescado.

  3. s

    Persoa que actúa con mala intención.

    Ex: Éche un bo peixe ese tal Manolo.

Frases feitas

  • Coma peixe entre dous gatos. Estar nunha situación comprometida, xeralmente por ter que escoller entre dúas cousas máis ou menos igual de negativas.

  • Durmir coma un peixe. Durmir moito e profundamente.

  • Estar máis perdido ca un peixe entre dous gatos. Estar nunha situación moi comprometida e da que se considera que non se vai saír ben parado.

  • Estar/Moverse coma peixe na auga. Estar a gusto e sentirse ben.

  • Marear o peixe. Dilatar con voltas e reviravoltas a solución dun problema ou cuestión.

  • Picar o peixe. Ser enganada unha persoa.

Refráns

  • A cabeza do budión di ante de ti a pon; e a da boga di ante da túa sogra.
  • A pescada en xaneiro vale carneiro.
  • Á solla de abril ábrelle a man e déixaa ir.
  • Do mar, o salmón; e da terra, o lacón.
  • En abril o salmón para min, no maio para o criado e no san Xoán para o can.
  • Moi boa é a troita, mellar é o salmón, e bo é o sábalo na súa sazón.
  • Non é boa solla a que o pan non molla.
  • Non extendas corre ande non has poñer peixes.
  • O peixe de maio, a quen cho pida, dállo.
  • O peixe que busca o anzol, busca o seu dó.
  • O percebe e o salmón en maio están en sazón.
  • O percebe e o salmón no maio están en sazón.
  • O sábado é bon, cando está en sazón.
  • O salmón coa careza a casa descompón.
  • O salmón e o sermón despois da Pascua non teñen sazón.
  • O tauro, o galo, a troita e o barbo, no mes de maio.
  • Ós escacho s no abril non hai máis que lle pedir.
  • Peixe de maio, déixao para o teu amo.

Palabras veciñas

peituga | peitugada | peixaría | peixe | Peixe | Peixe Austral | Peixe Voador