Pennsylvania
Estado de EE UU (117.348 km2; 12.281.054 h [2000]). A súa capital é Harrisburg. Agás a chaira costeira do Erie e o SL, que forma parte da chaira atlántica, o resto é alto e ocupa unha sección dos Apalaches, moi seccionada por varios ríos, como o Susquehanna, o Delaware ou o Ohio. O clima é continental, pero bastante húmido. Philadelphia e Pittsburgh, coas súas áreas metropolitanas, agrupan un 60% da poboación total. Aínda que é un estado eminentemente industrial, son importantes as actividades agrícolas, con cultivos de tabaco, millo e orxo; a avicultura e a gandaría leiteira. O gran desenvolvemento industrial provén da riqueza en carbón e a posibilidade de dispor do ferro de Minnesota a través dos Grandes Lagos. É o primeiro estado de EE UU produtor de aceiro, principalmente en Pittsburgh e a súa área metropolitana. O territorio estaba habitado por indios algonquinos e iroqueses, e os primeiros europeos que chegaron (s XVII) foron franceses procedentes de Canadá. Os suecos, que fundaron unha colonia en 1643, foron desprazados polos holandeses, e estes polos ingleses. En 1681 Carlos II de Inglaterra outorgou a William Penn a posesión das terras ao O do lago Erie. Escenario da Guerra Anglofrancesa (1756-1763), desenvolveuse posteriormente o conflito entre os colonos e os ingleses. Pennsylvania foi independente en 1776 e ao ano seguinte asinou a Constitución de EE UU. Ao comezo do s XIX iniciouse unha rápida expansión industrial impulsada polas melloras de transporte e comunicacións. A Guerra de Secesión (1861-1865) favoreceu a industrialización. A crise de 1929 afectou duramente á economía do estado, que non se recuperou ata despois da Segunda Guerra Mundial.