Percival
Personaxe de ficción que protagonizou diversas novelas artúricas da chamada materia de Bretaña. Apareceu primeiro nos romances de Chrétien de Troyes, que o fixo protagonista de Le Conte du Graal, onde se presenta como fillo de sir Pellinor. Paradigma do cabaleiro perfecto, a súa figura xuvenil retomárona outros escritores franceses de finais do s XII e comezos do XIII. Cara a 1225 converteuse nun dos cabaleiros máis destacados da gran compilación que se realizou en prosa sobre Lancelote e o Santo Graal. Na literatura galega, ademais das referencias a Percival nalgunhas obras de R. Cabanillas e Á. Cunqueiro, protagonizou un dos catorce relatos de Percival e outras historias (1958), de Méndez Ferrín, e formou parte do elenco de personaxes escollidos por Darío X. Cabana para a súa novela Galván en Saor (1989).