Perigord
Comarca do NL de Aquitania, Francia, situada entre Quercy e Charente, do que constitúe unha continuación. Está formada por altiplanos calcarios, pouco elevados (de 100 a 300 m), cubertos por sedimentos areosos e arxilas procedentes do Macizo Central. É un centro tradicional de produción de trufas, onde tamén se desenvolven a gandaría e a avicultura, da que destaca a cría de gansos e patos que deron orixe á elaboración do foie-gras. A comarca divídese en Alto Perigord, con capital en Périgueux, e Baixo Perigord, con capital en Sarlat. Os merovinxios organizaron a rexión como un condado. Co feudalismo, dependeu sucesivamente dos duques de Aquitania, dos de Angulema e dos da Marca. Pasou sucesivamente ás casas de Orléans (1400), Penthièvre (1437) e Albret (1481). Enrique IV fusionouna definitivamente co dominio real.