peseta

peseta

(

  1. media peseta [NUMIS]
    1. s f

      Unidade monetaria adoptada polas emisións de ouro e de prata barcelonesas desde 1808 ata 1814, baixo o goberno napoleónico e durante a Guerra de Independencia Española.

    2. s f

      Nome dado ás moedas de prata españolas de Isabel II, desde 1834 ata 1864, cun valor de 4 reais, e desde 1864 ata 1868 con valor de 40 céntimos de escudos.

    3. s f

      Unidade monetaria do Estado español, dividida en 100 céntimos, adoptada en 1868 polo goberno provisional a iniciativa do ministro de Facenda Laureano Figuerola. De orixe discutida, pode provir de peso, moeda das colonias americanas e Filipinas; ou ben da palabra catalá peceta, diminutivo de peça. Xa durante a Guerra de Sucesión Española, o arquiduque Carlos de Austria emitiu pecetas. A denominación peseta recóllese nun documento de Filipe V de 1718 e no Dicionario de Autoridades (1737) como a peza de a 2 reais de prata, unha cuarta parte do real de a 8 ou peso. Durante o reinado de Isabel II en 1836 emitíronse moedas de 1 peseta para pagar o soldo das Guerras Carlistas, ademais circulaban a peseta e a media peseta, ou reais de a 4 e de a 2, ou 40 céntimos e 20 céntimos, respectivamente. Ademais, en Catalunya circularon amplamente desde a Guerra da Independencia. O Decreto Figuerola de 1868 estableceu a peseta como a única moeda de curso legal en España. Estableceuse a emisión de moedas de 5, 10, 20, 50 e 100 pesetas de ouro; 1, 2 e 5 pesetas de prata; 20 e 50 céntimos de prata e 1, 2, 5 e 10 céntimos de bronce. Só se cuñaron modeas de 10, 20, 25 e 100 pesetas de ouro. A primeira emisión monetaria foi en 1869, gravada pola casa de moeda Luis Marchionni. A primeira emisión de billetes realizouse en 1874, coincidindo coa concesión ao Banco de España do dereito de exclusividade a emitir billetes, ata entón compartido cos bancos provinciais. Co tempo substituíronse os metais preciosos por novos metais e diversas aliaxes. En ouro cuñáronse moedas durante os reinados de Amadeo I (moedas de 25 e 100 pesetas en 1871 que non se puxeron en circulación), Afonso XII (moedas de 10 pesetas en 1878-1879, e de 25 pesetas en 1876 e 1886) e Afonso XIII (moedas de 20 pesetas en 1889, 1892, 1899 e 1904). En 1904 finalizaron as cuñaxes en ouro pero en 1961 e 1962 recuñáronse moedas de 10, 20 e 100 pesetas empregando os antigos cuños. Estas moedas non se chegaron a utilizar pero parece que se cuñaran para pagos de divisas ao estranxeiro. Posteriormente, cuñáronse moedas de ouro con motivo de diversos acontecementos como a Expo 92, as Olimpíadas de Barcelona 92, o Quinto Centenario do descubrimento de América (1992) ou o Xacobeo 93, de curso legal pero non utilizables como forma de pago. Houbo cuñaxes de prata ata 1933 e en 1925 emitiuse unha moeda de cuproníquel que precedeu á cuñaxe de 1927 dunha moeda con perforación central. Durante a Guerra Civil Española coexistiron dous valores e emisións da peseta, emitidos polos respectivos bandos, e á fin do conflito houbo dous períodos de conversión da peseta republicana á peseta nacional. En 1937 cuñáronse as pesetas de cobre-aluminio. Convertida desde entón en papel moeda, a moeda metálica deste valor volveu aparecer en 1944 coa aliaxe do cobre e aluminio, coñecida popularmente co nome de rubia. A partir de 1982 comezou a substituírse por unha de menor valor intrínseco, formada pola aliaxe de aluminio e magnesio. En xaneiro de 1974 deixouse o tipo de cambio en flotación, o que non evitou as desvalorizacións de 1977 e 1982. A incorporación española á Comunidade Económica Europea representou a súa entrada no marco monetario europeo, feito que comportou a inclusión no ECU e a integración no Sistema Monetario Europeo (SME). Despois do período de convivencia co euro -desde o 1 de xaneiro ata o 28 de febreiro de 2002-, cuxo cambio se fixou en 166,386 pesetas por euro, a peseta deixou de ser a moeda de curso legal en España.

    4. s f

      Moeda de curso legal, xunto co franco, en Andorra ata a entrada en vigor do euro en 2002.

  2. s f

      grila.

Palabras veciñas

pesela | Pesellino, Francesco | peselo | peseta | Peshāwar | pesimismo | pesimista