peso

peso

(

    1. s m [FÍS]

      Forza con que a Terra atrae un corpo calquera como consecuencia do fenómeno da gravitación. O peso p dun corpo relaciónase coa súa masa m mediante a ecuación p = mg, onde g é o vector campo gravitatorio ou aceleración da gravidade. A medida de pesos, unha vez coñecida g, faise indirectamente, comparando masas con balanzas. Os resultados exprésanse en unidades de forza, aínda que está moi estendido o costume de designar o peso dun corpo de masa m polo valor da masa.

    2. s m

      Forza con que un astro atrae os corpos que ten preto del.

    3. peso baleiro [AERON]

      Peso dunha aeronave en orde de voo, menos o peso da tripulación, do combustible e do aceite, do equipo desmontable e da carga comercial.

    4. peso específico [FÍS]

      Peso que ten a unidade de volume nunha substancia que se supón homoxénea.

    5. peso máximo [AERON]

      Peso límite que está permitido na orde de voo de acordo coas regulamentacións específicas.

    6. peso morto [MAR]

      Peso dun barco que resulta da suma dos pesos máximos da carga que pode transportar, do combustible, da auga potable de reserva, da tripulación, dos víveres e da pasaxe e a súa equipaxe, e que non pode ser superior ao máximo permitido polo francobordo.

  1. s m

    Magnitude desa forza.

  2. s m
    1. [METROL]

      Peza de metal ou doutro material, cunha forma determinada, que serve de unidade de peso e leva a indicación da súa masa nominal.

    2. [TECNOL]

      Cada unha das pezas que, penduradas dunha cadea ou dunha corda, dan movemento, co seu propio peso, a algún mecanismo.

    3. [TECNOL]

      Peza metálica que se emprega como contrapeso nalgúns mecanismos.

  3. s m [DEP]
    1. Instrumento metálico de forma esférica que se emprega en atletismo na proba de lanzamento. Na categoría masculina ten un diámetro de entre 13 e 11 cm, cun peso de 7,260 kg; na feminina mide entre 9,5 e 11 cm e pesa 4 kg.

    2. Peza que se usa en exercicios ximnásticos.

  4. s m [DEP]

    Clasificación que se establece en diferentes deportes a partir do peso dos seus practicantes. En boxeo pode distinguirse entre peso galo , que está por riba do peso mosca e por debaixo dos 53,524 kg; peso lixeiro , superior ao peso pluma e inferior a 61,235 kg; peso medio , por riba do peso wélter e inferior a 72,575 kg; peso mosca , inferior a 50,802 kg; peso pesado , superior a 86,183 kg; peso pluma , por riba do peso galo e inferior a 57,152 kg; e peso wélter , por riba do peso lixeiro e inferior a 66,678 kg.

  5. s m

    Obriga, responsabilidade ou carga que soporta alguén.

  6. s m

    Importancia ou transcendencia de algo ou alguén.

    1. s m [NUMIS]

      Nome que recibe a unidade monetaria dalgúns países.

    2. s m [NUMIS]

      Unidade monetaria principal de Guiné-Bissau desde febreiro de 1976, cando substituíu o escudo, que se adoptara na independencia (1973). Divídese en 100 céntimos. Desde maio de 1997 a moeda corrente nacional foi o franco da Comunidade Financeira Africana (CFAF).

    3. peso arxentino

      Unidade monetaria principal de Arxentina desde a súa configuración como nación independente ata 1985 -en que pasou a ser o austral (A)-, e de novo desde 1991. Teoricamente coexisten o peso ouro, fóra de circulación e reservado para as transaccións internacionais, e o peso moeda nacional, moeda de papel establecida en 1897 para as transaccións interiores.

    4. peso boliviano

      Unidade monetaria principal de Bolivia ($b) desde 1963 ata 1987, cando foi substituído polo boliviano, a razón de 1.000 bolivianos por peso, cunha definición de 11,86 pesos por dólar. Divídese en 100 céntimos.

    5. peso chileno

      Unidade monetaria principal de Chile desde 1851. Divídese en 100 céntimos.

    6. peso colombiano

      Unidade monetaria principal de Colombia ($ COL) desde a súa independencia, con períodos provisionais de utilización do dólar. Divídese en 100 céntimos.

    7. peso cubano

      Unidade monetaria principal de Cuba ($ CU), definida por unha equivalencia igual á do dólar de EE UU. Divídese en 100 céntimos.

    8. peso dominicano

      Unidade monetaria principal da República Dominicana (RD $) desde 1846. Divídese en 100 céntimos.

    9. peso filipino

      Unidade monetaria principal de Filipinas (P) desde 1903. Coa ocupación xaponesa (1942) introduciuse o ien, pero en 1945 restableceuse o peso. Divídese en 100 céntimos.

    10. peso mexicano

      Unidade monetaria principal de México ($ MEC). Como unidade monetaria definida en ouro circula desde 1903. Divídese en 100 céntimos.

    11. peso uruguaio

      Unidade monetaria principal de Uruguay (UR $). Estableceuse en 1862 con definición respecto ao ouro. En 1976 o peso papel, dividido en 100 céntimos, foi substituído polo novo peso, equivalente a 1.000 dos vellos.

  7. función de peso [MAT]

    Función p(r) que multiplica outra función f(r) antes de integrala nunha rexión do espazo, coa finalidade de dar a uns puntos máis importancia ca a outros. Dise que p(r) pondera f(r) ou que f(r) é unha función pesada por p(r).

  8. peso dun operador lóxico [MAT]

    Número de proposicións independentes sobre o que é definido o operador. A negación é de peso 1; a conxunción é de peso 2.

  9. peso estatístico [MAT]

    Cada un dos termos, nun sistema completo de sucesos ou estados, que se poden presentar nunha estrutura ou fenómeno físico, que forman a distribución da probabilidade deste sistema.

  10. peso fórmula [QUÍM]

    Suma dos pesos atómicos dos átomos que interveñen na fórmula máis simple dunha substancia. O peso molecular é un múltiplo exacto do peso fórmula. A algunhas substancias sen moléculas diferenciadas asígnaselles peso fórmula pero non peso molecular, como é o caso do cloruro de sodio.

Frases feitas

  • Andar/Estar sen un peso. Ter alguén moi poucos cartos.

  • Caer polo seu propio peso. Ser algo moi obvio ou moi evidente.

  • Facer pesos. Traballar alguén os músculos con pesos e aparatos de musculación.

  • Valer o seu peso en ouro. Ser algo ou alguén moi valioso.

Refráns

  • Non se sabe o que pesa a carne, mentres non o di a romana.

Palabras veciñas

pesimista | pésimo -ma | Pesne, Antoine | peso | pespiñeiro | pespuntar | pespunto