Petín

Petín


Concello da comarca de Valdeorras, situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 23’ de latitude N e 7° 07’ 30’’ de lonxitude O. Limita ao N coa Rúa e Vilamartín de Valdeorras, ao L co Barco de Valdeorras, ao S co Bolo e A Veiga, e ao O con Larouco (todos eles na comarca de Valdeorras). Abrangue unha superficie de 30,5 km 2 , en que acolle unha poboación de 1.066 h (2007), distribuída nas parroquias de Freixido, Mones, Petín, Portomourisco, Santa María de Mones e Santoalla do Monte. A súa capital está no lugar de Petín, na parroquia do mesmo nome, a 185 km de Santiago de Compostela e a 100 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partido xudicial do Barco de Valdeorras.
Xeografía física
O relevo é extremadamente sinxelo, froito da xustaposición de dúas grandes unidades de relevo: o val do Sil e os contrafortes da serra do Eixe. A primeira ocupa o sector NO, unha pequena cubeta con fondo chairo, situada a unha altitude de entre 350 e 400 m, cuberta por materiais sedimentarios e parcialmente anegada polo encoro de San Martiño. A serra do Eixe, que se estende polo resto do concello, elévase bruscamente sobre a depresión do Sil e pasa, en poucos quilómetros, dos apenas 400 m, a altitudes superiores aos 1.200 m no extremo NL. Desde o punto de vista climático está repartido entre os dominios climáticos oceánico mediterráneo e oceánico de transición. Localizado en pleno val do Sil, as temperaturas son altas en verán e as precipitacións relativamente baixas. A temperatura media anual é de 15,6°C, cunha media en xaneiro de 8,6°C e en xullo de 23,8°C, e cunha amplitude térmica extrema que acada os 26,7°C. A precipitación anual media é de 763 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival co 9% das precipitacións, un máximo en inverno co 41%, mentres que a primavera co 23% e en outono co 27% presentan valores medios. A rede hidrográfica é sinxela, o límite N está percorrido polo río Sil, fosilizado polo encoro de San Martiño, e o extremo SO está atravesado polo río Xares, que drena unha superficie moi pequena do concello. A vexetación natural está moi degradada e destacan as especies de carácter mediterráneo, como aciñeiras e oliveiras, en áreas abrigadas, que conviven con superficies de castiñeiros, piñeiros e, en especial, de mato.
Xeografía humana
En 2001, a poboación de Petín era apenas un terzo da de 1960, ano en que se acadou o máximo demográfico. Desde principios do s XX ata 1960, a poboación viviu unha progresión irregular, mentres que a partir da década de 1960 diminuíu fortemente. Entre 1900 e 1920 sufriu unha etapa de estancamento (0,24% interanual), seguida dunha fase de notable expansión entre 1920 e 1930 (0,74% interanual), que quedou anulada polo descenso demográfico do período 1930-1950 (-0,38% interanual), para culminar cunha fase de forte expansión entre 1950 e 1960 (2,06% interanual), grazas á favorable conxuntura que acompañou a construción dos grandes encoros no Sil. A partir de 1960 as perdas de poboación foron constantes, fortes entre 1960 e 1970 (-0,98% interanual), alarmantes entre 1970 e 1981 (-4,44% interanual), e máis suaves a partir desa data (-1,49% entre 1981 e 2001). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -5,74%. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-12,1‰) froito dunha baixa natalidade (4,7‰) e unha alta mortalidade (16,8‰). A poboación deste territorio, castigada pola emigración a pesar da proximidade de importantes núcleos como O Barco de Valdeorras e A Rúa, viuse influenciada polo avellentamento, de xeito que os menores de 20 anos sumaban o 11,8%, e os de máis de 65 anos o 28,2%; o grupo intermedio é do 59,9%. Por sexos, a composición da poboación está equilibrada: 50,28% de mulleres e 49,71% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Petín é do 40,1% (56,7% a masculina e 24,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 33,4% (47,1% a masculina e 20,8% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 16,6% (16,9% a masculina e 15,9% a feminina). O sector primario ocupa o 4,1% da poboación activa. A superficie cultivada representa o 14,72% do seu territorio, concentrándose na súa práctica totalidade na cubeta do Sil, onde se estenden amplas superficies de viñedo, adscritas na súa práctica totalidade á Denominación de Orixe Valdeorras, seguido polo centeo e os cultivos forraxeiros. A industria representa o 29,8% da man de obra, e nesta destacan os empregados nas louseiras situadas en concellos próximos. A construción supón o 19% da man de obra, tanto na edificación local como na da veciña vila da Rúa. Os servizos representan o 47,1% da man de obra, onde destaca o incipiente equipamento terciario da capital municipal, aínda que tamén é importante o número de persoas que acoden a traballar nos servizos das principais vilas da comarca. As principais estradas do concello son a OU-536, a OU-533 e a N-120.
Historia
Poboadas desde tempos castrexos, as terras de Petín tiveron especial atractivo, debido á súa riqueza mineira e en especial aurífera, para os romanos. A súa presenza deixouse sentir especialmente a partir do s I a C, cando os castros foron romanizados. A orixe do topónimo do concello foi discutida, para uns provén de Petinius (nome dun xerarca romano), e para outros de pilón ou pedra chantada, en alusión aos miliarios da Vía Nova romana, que unía Braga con Astorga e que foi un medio esencial de penetración militar, comercial e cultural. As primeiras referencias escritas sobre o concello datan de 1090. Durante a Idade Media, a freguesía de Petín dependeu dos condados de Lemos e Ribadavia. Foi testemuña de conflitos durante a Guerra da Independencia (1808-1814) e sufriu reiterados saqueos polas tropas do xeneral Soult, que acabou retirándose. Estivo dividido entre as xurisdicións do Bolo, rexida polo alcalde ordinario do rei, e de Valdeorras, señorío do conde de Ribadavia, integradas na provincia de Ourense. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela as terras de Petín repartíanse entre os concellos de Freixido e Larouco, pertencentes á deputación de Galicia. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se formou o concello de Petín, pertencente ao partido xudicial de Valdeorras.
Patrimonio cultural
Dos vestixios atopados no concello destacan os gravados rupestres e os castros de Mones, así como as explotacións mineiras e a ponte da Cigarrosa, de época romana, por onde pasaba a Vía XVIII ou Vía Nova, de Braga a Astorga. Sobresaen as igrexas parroquiais de San Miguel e Santa María de Mones, o conxunto da ermida e a ponte de Portomourisco, e o pazo dos Mancebos en Outeiro (Santa María de Mones). Destacan tamén os primitivos muíños de aceite de Freixido e as antigas olarías de Portomourisco. Entre Petín e A Rúa localízase o encoro de San Martiño, espazo natural de grande interese, cunha peculiar forma de lagoa. Das festas que se celebran destacan a Feira dos Burros, na Portela de Portomourisco, as festas patronais de Santiago e Santa Ana, e a de Santo Antonio verdadeiro. Recordando a partida para as segas a Castela, celébranse o San Paio pequeno (rogando sorte para as segas) e o grande (en agradecemento polo bo regreso).

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Valdeorras
Extensión 30 Km2
Poboación Total 1066 h
Poboación Homes 530 h
Poboación Mulleres 536 h
Densidade de poboación 35.53 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias