1 peto

1 peto

(< ital petto < lat pectus)

  1. s m

    Recipiente de barro ou doutro material, cun buraco pequeno e estreito por onde se introducen as moedas que se queren aforrar.

  2. s m

    Pequena bolsa de tea ou doutro material que vai cosida na roupa para levar cartos ou outras cousas.

  3. s m

    Peza de roupa ou parte dunha peza de roupa que se coloca sobre o peito e que se suxeita con tirantes.

  4. s m

    Peza dunha armadura que protexe o peito.

  5. peto de ánimas [ETN/RELIX]

    Construción de pequeno tamaño que representa as ánimas do purgatorio e que conta cun peto para recibir esmolas. Situados nas beiras dos camiños e nas encrucilladas, son unha mostra do culto popular aos mortos. A maioría deles están feitos de pedra, aínda que tamén se realizaron en madeira. A súa finalidade é a de recoller a esmola (pecuniarias ou produtos agrícolas) que se ofrece polas ánimas do purgatorio que non acadaron o descanso e que, unha vez liberadas, intercederán polo oferente. Estas representacións comezaron a estenderse no s XVII, pero o seu máximo esplendor alcanzárono no s XVIII; atópanse espalladas por todo o territorio galego e portugués, pero a súa influencia foi máxima no S de Galicia e N de Portugal. A tipoloxía é variada: hai petos de man, que se gardan no interior das igrexas, decorados coa representación das almas no Purgatorio e xeralmente de madeira policromada; e petos fixos, pétreos, que poden ser exentos, formar parte de cruceiros, ou estar anexados a muros particulares ou de igrexas. Os petos exentos polo xeral son de construción rectangular sobre unha base, da que pode sobresaír unha mesa onde se apoia unha hucha; a fornela alberga o relevo ou a figura que representa o Purgatorio e polo xeral rematan cunha cruz ou a representación de Xesús Cristo. Ademais das ánimas poden aparecer santos, a Virxe ou anxos en actitude salvadora. Outra tipoloxía son os petos que se localizan baixo cuberta pétrea, abundantes no S de Ourense. A representación das ánimas, relevos en pedra, madeira ou pintados, caracterízase pola expresividade das figuras pero sen chegar ao patetismo. Todos adoitan levar unha inscrición co ano en que foron construídos, o nome do seu patrocinador e unha advertencia ao camiñante das razóns polas que se realizou, ademais de evocar sobre a caducidade da vida e a realidade do purgatorio cos seus tormentos, ao mesmo tempo que piden oracións polas almas en pena. A crenza popular considera mal agoiro pasar varias veces diante dun peto de ánimas sen acordarse de botarlle esmola ou rezar por elas.

Frases feitas

  • A peto. De maneira intencionada.

  • Calado coma un peto. Moi calado.

  • Tirarlle do peto a alguén. Pedir diñeiro a alguén con intención de non llo devolver.

Formas incorrectas

bolsillo

Refráns

  • A bulsa sen cartas non é máis que coiro.