Pico Sacro

Pico Sacro

Monte situado na parroquia de Leiro, no concello de Boqueixón. Con forma aguda e cicatrizado por un filón de cuarzo puro, contrasta cos montes galegos compostos por outros materiais. O seu cumio acada os 533 m de altitude. Localízase á beira do Camiño de Peregrinación a Santiago e, segundo a tradición, foi o lugar propiedade da Raíña Lupa onde os discípulos de Santiago amansaron os dous touros salvaxes que transportaron o corpo do Apóstolo ata Compostela. A existencia dunhas covas deron lugar a infinidade de lendas e á crenza xeral de que eran minas escavadas polos romanos (que o denominaron monte Illicinus), en busca de ouro, aínda que en realidade son as únicas simas naturais de cuarzo coñecidas, produto de movementos tectónicos e non da intervención humana, cunha profundidade de 117 metros e uns dous millóns de anos de antigüidade.