píllara

píllara
  1. s f [ANIMAL/ORNIT]

    Ave dos xéneros Charadrius, Eudromias e Pluvialis, da familia dos carádridos, e Arenaria, da familia dos escolopácidos. Son aves limícolas, que se alimentan de pequenos invertebrados. Teñen o pico non demasiado longo, cores pardas no dorso e peito habitualmente branco.

  2. píllara areeira [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 15 cm de lonxitude, de plumaxe castaña no dorso, e branca no peito e ventre; ten un colar negro no pescozo e un anteface negro, ao igual que o peteiro, e as patas son de cor carne. Habita nas ribeiras dos ríos, e en illotes fluviais e praias, e aliméntase de pequenos invertebrados. Distribúese por case toda Europa, pero en España, e tamén en Galicia, a súa presenza obsérvase durante o estío, especialmente no S.

  3. píllara cinsenta [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 28 cm, que ten as partes superiores abrancazadas e densamente manchadas de gris prateado; as inferiores, o peito e a gorxa son negras durante o estío e brancas durante o inverno; a rabadilla é branca, e presenta as plumas axilares negras. Habita en praias e chairas húmidas da zona ártica de Eurasia e América, e no inverno chega ata Asia e América meridionais, Australia e o cabo de Boa Esperanza. En Galicia pode verse en paso ou como invernante en toda a costa.

  4. píllara dourada grande [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 28 cm, sen dimorfismo sexual. Presenta dúas razas, ambas co dorso dourado e pencado, e o peito de cor escura, pero a raza norteña tamén ten a cara escura, mentres que a raza meridional ten unha liña branca que separa a cara de cor parda do peito. Habita en pradarías, campos, areais, marismas, etc. En Galicia é invernante, pero tamén se pode ver en paso na costa e zonas do interior.

  5. píllara papuda [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 15 cm, con dimorfismo sexual. O macho ten anteface negro cunha mancha escura na fronte. Ambos sexos teñen o dorso pardo cremoso e a punta da cola negra, o peito branco e as patas negras. Habita en dunas e praias, e en Galicia está presente todo o ano no litoral.

  6. píllara real [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 19 cm de lonxitude, coa plumaxe dorsal castaña e a ventral branca; ademais ten un colar negro con anteface que se une cunha mancha na fronte. As patas son amarelas, ao igual ca o peteiro, que ademais ten a punta negra. Habita en praias, dunas e esteiros, e en Galicia é invernante, aínda que tamén se pode ver en paso no litoral.

  7. píllara riscada [ANIMAL/ORNIT]

    Ave da orde das ciconiformes, de 23 cm, coa parte superior do corpo de cor castaña e negra, a cabeza branca e negra, o peito negro e a gorxa e as partes inferiores brancas, durante a plumaxe invernal, e durante o estío, a cabeza é máis branca cun anteface negro. Habita en costas pedregosas de Groenlandia, Islandia e Eurasia setentrional, e inverna nas costas europeas e africanas. En Galicia pode observarse en paso durante a primavera e o outono, e tamén hai algúns invernantes ao longo da costa galega.