Pino, O

Pino, O


Concello da comarca de Arzúa, situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-sur da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é 42° 54’ latitude N e 8° 2’ 30” lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Oroso e Frades (os dous da comarca de Ordes), ao L co de Arzúa (comarca de Arzúa), ao S cos de Boqueixón (comarca de Santiago) e Touro (comarca de Arzúa), e ao O co de Santiago de Compostela (comarca de Santiago). Abrangue unha superficie de 131,77 km 2 , en que acolle unha poboación de 4.832 h (2007), distribuída nas parroquias de Arca, Budiño, Castrofeito, Cebreiro, Cerceda, Ferreiros, Gonzar, Lardeiros, Medín, Pastor, Pereira, O Pino e San Mamede de Ferreiros. A capital está no lugar do Pedrouzo, na parroquia de Arca, localizada a 24 km de Santiago de Compostela e a 80 km da Coruña. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Arzúa.
Xeografía física
A nota máis destacada do relevo é a súa suavidade, froito da erosión fluvial sobre materiais metamórficos (xistos e gneis), que deu como resultado unha paisaxe alombada e caracterizada por escasas pendentes. Situado no interfluvio entre as concas do Ulla e o Tambre, estrutúrase en tres franxas de sentido L-O. A máis setentrional correspóndese co val do Tambre, e son terras de altitude media, entre os 250 e os 350 m, con desniveis moi suaves. O centro está ocupado polos relevos residuais dispostos a modo de interfluvio, restos dunha antiga superficie de aplanamento cunha altitude media de 350-450 m, onde destaca como cota máis importante o monte das Minas (452 m); cara ao NL localízase unha pequena serra, con dirección NL-SO, resto tamén desta superficie de erosión, e que chega aos 456 m no monte Figueira. A franxa meridional correspóndese coa cabeceira dunha sucesión de pequenos afluentes do Ulla, que forman unha paisaxe levemente inclinada cara ao S e con altitudes medias entre os 275 e os 350 m. O concello entra dentro do dominio climático oceánico hiperhúmido, en plena transición entre o litoral e as serras occidentais, o que repercute nunhas precipitacións abondosas e unhas temperaturas suaves. A temperatura media anual é de 12,1°C, a media de xaneiro é de 7,1°C e a de xullo de 17,7°C, cunha amplitude térmica extrema que chega aos 20,5°C. A precipitación media anual é de 1.865 mm, cunha distribución estacional que amosa unha moderada seca estival, xa que o 37% das precipitacións se recollen en inverno, fronte ao 11% do verán, mentres que as estacións de transición presentan valores intermedios (26% en primavera e 27% en outono). Hidrograficamente, o territorio está repartido entre as concas do Ulla e do Tambre. A primeira drena o S do concello e coincide co tramo inicial dunha sucesión de ríos de curto percorrido, con direccións N-S, entre os que sobresaen o rego das Rozas, que drena o extremo SL, e o río Brondelos, no SO. A conca do Tambre esténdese polo N e centro do concello, e forma o límite N seguindo unha dirección NL-SO ata a parroquia do Pino, onde cambia a SL-NO. Os principais afluentes son o Noa e o Mera, que seguen unha dirección L-O e bañan as parroquias do centro e NL municipal. A vexetación natural do territorio é case inexistente, agás algunhas especies de ribeira e carballeiras illadas, substituídas por extensas masas de piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A evolución demográfica do Pino está caracterizada pola perda de poboación, xa que os efectivos de comezos do s XXI representan as catro quintas partes dos censados en 1900, divididas en dúas grandes fases: unha ata 1950, cando acadou o máximo demográfico, de suave pero continuo crecemento, e outra ata comezos do s XXI, de perdas demográficas. O s XX comezou marcado pola estabilidade (0,08% de crecemento interanual entre 1900 e 1920), seguido dunha etapa de crecemento leve entre 1920 e 1950 (0,75% interanual). Despois de 1950 a perda foi continua, alternando décadas de perdas suaves (-0,35% interanual entre 1950 e 1960; -0,44% entre 1970 e 1981; -0,64% entre 1991 e 2001), con outras de decrecemento máis acusado (-1,76% entre 1960 e 1970 e -1,05% entre 1981 e 1991). Entre 2001 e 2007 a poboación descendeu un -0,73%. A emigración foi a principal causante das perdas demográficas, que non foron maiores pola proximidade ao centro urbano de Santiago de Compostela.En 2006 o saldo vexetativo fo inegativo (-6,5‰) froito dunha baixa natalidade (5,3‰) e unha elevada mortalidade (11,8‰). A estrutura por idades mostra que os menores de 20 anos son o 14,4% e os de máis de 65 anos o 25,7%; o grupo intermedio representa o 59,8%. A distribución por sexos está equilibrada: 50,86% de mulleres e 49,13% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Pino é do 47,5% (60,9% a masculina e 34,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,2% (55,6% a masculina e 29,2% a feminina) e a taxa de paro do 11% (8,6% a masculina e 15,2% a feminina). O sector primario, co 24,3% da poboación ocupada, é o segundo sector en importancia. A superficie cultivada esténdese polo 21,36% do seu territorio, onde destaca o cultivo do millo, seguido pola pataca e as forraxes. Os prados e pastos supoñen o 6,90% da súa superficie e contabilízanse 6.351 cabezas de gando bovino en 388 explotacións (2007) orientadas tanto á produción de leite e carne. O gando porcino está orientado tanto á reprodución (90 cabezas) como ao cebo (600 cabezas, 2005). A industria representa o 13,2% da man de obra e nela destaca unha empresa dedicada á elaboración de queixo amparada na tradición queixeira da comarca de Arzúa. A construción representa o 18,1% da ocupación e os servizos agrupan o 44,5% da man de obra, tanto nos escasos equipamentos terciarios do concello como nos de Santiago de Compostela. As principais vías de comunicación son as estradas N-547, de Lugo a Santiago de Compostela, e a N-634, de Santiago de Compostela a Irún, da que parten estradas locais como a que comunica con Vila de Cruces.
Historia
As terras do Pino estiveron poboadas desde época castrexa. Ademais, posiblemente se establecese nelas un asentamento militar en época romana, dada a súa proximidade coa vía que comunicaba Braga con Astorga por Iria Flavia. Máis transcendencia tivo o Camiño Francés, que atravesa a totalidade do concello de L a O, pois era o último tramo antes de entrar en terras propiamente compostelás. Durante o Antigo Réxime pertenceu á provincia de Santiago e estaba dividido nas xurisdicións de Bendaña, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Budiño, señorío do conde de Altamira; Cira, señorío do conde de Altamira; Medín, señorío de D. Leis e X. Domínguez; Mesía, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; e Pastor e Lardeiros, señoríos do marqués de Bóveda e de M. Saco. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. En 1821 naceu o concello de San Vicente do Pino, pertencente á provincia da Coruña e inicialmente adscrito ao partido xudicial do Sar ata 1834. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Posteriormente pasou ao partido xudicial de Arzúa, do que só deixou de pertencer entre 1965 e 1988, cando temporalmente pasou ao partido xudicial de Santiago de Compostela.
Patrimonio cultural
Destacan as capelas da Madanela e de Santiso, na parroquia de Castrofeito, e as igrexas parroquiais de San Vicenzo do Pino, Santa María de Castrofeito, San Breixo de Ferreiros, Santa María de Gonzar, San Xiao de Cebreiro, San Mamede de Ferreiros e Santaia de Arca. Sobresaen tamén a casa do Xuíz (Castrofeito) e o pazo de Ferreiros. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do río Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran cómpre destacar as de San Pedro e Santa Irene en Arca, e a romaría da Madanela, en Castrofeito.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Arzúa
Extensión 132 Km2
Poboación Total 4832 h
Poboación Homes 2374 h
Poboación Mulleres 2458 h
Densidade de poboación 36.61 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias