Pireneos, Os

Pireneos, Os

Sistema orográfico da Península Ibérica que se estende desde a costa cantábrica ata a mediterránea, no límite con Francia. Este sistema montañoso está enmarcado polas depresións do Ebro ao S, e de Aquitania ao N. A súa lonxitude é duns 425 km e a súa anchura en xeral non pasa de 100 km. As grandes unidades estruturais dos Pireneos poden agruparse en tres conxuntos: o baseamento está constituído por terreos do Precámbrico e do Paleozoico, ata o Carbonífero superior; a cobertoira está constituída por zonas mesozoicas e terciarias afectadas polas estruturas de dobramento do ciclo alpino; e os terreos postoroxénicos que comprenden o Neoxeno e o Cuaternario. A partir da distribución cartográfica dos materiais divídense en tres zonas de N a S: a zona N prepirenaica, a zona axial e a zona S prepirenaica. Os Pireneos axiais son unha estrutura creada no Terciario e caracterízanse polos mantos de corremento, pola erosión fluvial, pola tectónica distensiva posterior e, finalmente, polas glaciacións cuaternarias que orixinaron circos glaciarios e escavaron e ensancharon os vales co perfil transversal en U. A erosión formou as cubetas de sobreescavación, que forman os lagos pirenaicos. As altitudes do corazón do sistema, que exceden os 3.000 m (Vinhamala, Monte Perdido, Aneto, pico de Estats), descenden cara ao Atlántico (pico de Ania, 2.504 m) e cara ao Mediterráneo (Carlit, 2.915 m). Aquí comezan, respectivamente, os Pireneos Atlánticos e Mediterráneos. Existe unha gran disimetría entre a vertente setentrional, de carácter atlántico, e a vertente meridional, mediterránea e submediterránea. Se se considera o factor altitude, compréndese que a humanización dos Pireneos non é uniforme. O Pireneo Atlántico, integrado en Euskadi, é o sector máis industrializado. O Pireneo Central atlántico é a rexión máis forestal e gandeira, aínda que con recente industrialización. O Pirineo Central mediterráneo é o conxunto menos accesible e deshabitado, de economía gandeira e hidroeléctrica. Os Pireneos Mediterráneos teñen unha economía agrícola. O turismo e os deportes de inverno intensificaron as relacións dos Pireneos e das chairas circundantes.