piridina
(
Composto heterocíclico que consiste nun anel, de seis membros, insaturado, que contén un átomo de nitróxeno. Obtense por destilación do alcatrán da hulla e, sinteticamente, a partir do acetaldehido e o amoníaco. A piridina ten carácter aromático e presenta unha enerxía de resonancia de 23 kcal/mol. Presenta propiedades básicas e forma sales. Experimenta substitucións electrófilas, con bromación e sulfonación, na posición â, e substitucións nucleófilas, como a aminación, nas posicións á e ã. É estable, como o benceno, á oxidación, mentres que a redución catalítica da piridina e dos seus derivados a piperidinas acontece xeralmente con máis facilidade ca a redución correspondente dos derivados do benceno. Presenta excelentes propiedades como disolvente pola polaridade e o carácter básico que ten. Emprégase tamén na síntese de produtos farmacéuticos, como axente impermeabilizante e desnaturalizante para o alcol. Actúa tamén como catalizador e como neutralizador de ácidos en numerosas reaccións orgánicas.