plateresco -ca
(< cast plateresco)
-
adx
Relativo ou pertencente ao plateresco.
-
s
m
[ARQUIT]
Estilo arquitectónico desenvolvido na Península Ibérica a finais do s XV e na primeira metade do XVI. Resultado dunha asimilación persoal do primeiro Renacemento italiano, o seu nome, dado por Diego de Ortiz de Zúñiga, deriva da similitude que presenta no aspecto decorativo co traballo dos prateiros. Caracterízase pola importancia que dá á ornamentación, que con frecuencia enche por completo as fachadas dos edificios. Destacan, neste estilo, o Colegio de Santa Cruz de Lorenzo Vázquez en Valladolid; a igrexa de San Esteban de Juan Gil de Hontañón, a Casa de las Conchas e a Universidad de Salamanca; o Hospital de Santa Cruz de Alonso de Covarrubias en Toledo, e a Universidad de Alcalá de Henares. En Galicia as primeiras formas renacentistas foron platerescas ao adaptarse a nova decoración a edificios aínda góticos. A obra máis representativa do plateresco en Galicia é o Hospital Real de Santiago de Compostela.