platino

platino

(

  1. s m [QUÍM]

    Elemento metálico de transición, de número atómico 78 e peso atómico 195,078, que pertence ao grupo VIIIB da táboa periódica. Foi descuberto en 1735 por D. de Ulloa en América do Sur. Localízase principalmente na natureza de forma nativa, asociado cos outros elementos do seu grupo e, en proporción moito menor, en diversas minas de níquel e cobre, onde se pode obter dos residuos da refinación electrolítica dos metais. O metal é de cor branca prateada, dúctil e maleable. Forma aliaxes con todos os elementos dos grupos VIIIB e IB, e delas destacan as que forma cun 23% de cobalto, de intenso ferromagnetismo, e co iridio e o rodio, que lle confiren resistencia e dureza. Presenta, igual ca o paladio, a propiedade de absorber grandes cantidades de hidróxeno, que deixa saír cando se quenta ata o punto de incandescencia. Non se disolve nos ácidos minerais, pero si en auga rexia, coa formación de ácido hexacloroplatínico (IV) (H 2 PtCl 6 ). Reacciona en quente cos halóxenos e é atacado rapidamente polos álcalis e os sales alcalinos fundidos. Finamente dividido, a súa reactividade increméntase notablemente e mesmo presenta notables propiedades catalíticas. A química do platino é esencialmente covalente e, en medios acuosos, baseada na formación de complexos, de estrutura plana cadrada os de Pt (II) e octaédricos os de Pt (IV), que gozan dunha grande estabilidade. Pola outra banda, ten unha marcada tendencia a formar enlaces co carbono; así, mentres que o Pt (II) forma compostos estables co enlace de tipo ð con olefinas e acetilenos, o Pt (IV) forma enlaces ao co carbono. O platino emprégase como catalizador nunha gran variedade de procesos, entre os que cómpre mencionar as sínteses dos ácidos nítrico e sulfúrico, a isomerización de alcanos e un gran número de reaccións de hidroxenación e deshidroxenación. Pola súa resistencia á oxidación emprégase, xeralmente en aliaxe, en aparellos de precisión, especialmente nos deseñados para traballar a temperaturas elevadas. Os depósitos mundiais de platino máis importantes foron descubertos en 1822 nos Urais.

  2. cloruro de platino (II) [QUÍM]

    Pos verdosos, solubles en ácido clorhídrico e en hidróxido amónico, e insolubles en auga, que se poden obter por quentamento da esponxa de platino en presenza de cloro anhídrido.

  3. esponxa de platino [QUÍM]

    Masa de platino de cor gris próxima á negra, porosa e cunha gran superficie específica. Emprégase como catalizador e para provocar a ignición do hidróxeno.