1 pluma

1 pluma

(

  1. s f
    1. [ORNIT]

      Produción da pel das aves formada de queratina, máis ou menos mineralizada, que aparece como unha papila dérmica e que unha vez rematou de medrar se converte nun órgano morto fixado á pel mecanicamente. En xeral, cobren a maior parte do corpo das aves e cada unha consta dun cálamo, fixado á epiderme, que se alonga no raque, a cada lado do que están as barbas, e estas teñen en cada banda as bárbulas, co extremo distal en forma de látego, o pennulum, e pode ter uns filamentos en forma de gancho que se unen ás bárbulas que teñen diante. Se faltan as barbas, a pluma redúcese a un filamento, o raque. Na base deste pode haber unha especie de barba, desprovista dos filamentos ganchudos, chamada hiporraque. Ademais das grandes plumas das alas e da cola, denominadas penas, e as cobertoiras, que recobren o corpo, está a penuxe, debaixo das cobertoras, formada por pequenas plumas desprovistas de filamentos con forma de gancho. Todas as aves realizan a muda, regularmente, unha vez ao ano, despois do período de reprodución, ou ben dúas veces, antes e despois do período de reprodución.

    2. Conxunto desas plumas.

      Ex: Ten un edredón de plumas na cama.

  2. s f
    1. Pluma de paxaro, xeralmente de ganso que, oportunamente cortada, se mollaba repetidamente en tinta e que foi utilizada ata o s XIX como elemento de escritura, en substitución (cara ao s IV) do antigo estilo e do cálamo.

    2. Instrumento de escritura constituído por un mango, normalmente de madeira, na punta do que está fixada unha lámina metálica que se molla repetidamente con tinta. En 1884 L. E. Waterman patentou a primeira pluma estilográfica e tres anos despois nacía a fábrica Parker en Jannesville (Wisconsin). O depósito de tinta incorporado ao mango pode cargarse con diversos sistemas ou ben substituírse, ao baleirarse, por outro (cartucho de tinta).

    3. Pequena lámina de aceiro rematada en punta e cun corte lonxitudinal que, fixada a un mango, ou formando parte dunha pluma estilográfica, serve para escribir.

  3. s f
    1. Arte ou actividade de escribir.

    2. Estilo ou maneira de escribir.

    3. Persoa que escribe obras literarias.

      Ex: O artigo estaba asinado por unha das mellores plumas das letras galegas.

  4. s f

    frouma.

  5. s f [PESCA]

    Anzol de pesca constituído por unha pluma e que pretende imitar un insecto.

  6. s f

    Brazo dun guindastre.

  7. s f [MAR]

    Aparato constituído por dúas poleas, unha das cales se colocaba na parte alta da árbore dunha embarcación auxiliar e a outra suxeitábase ao pau doutra embarcación que se quería poñer de quilla (por exemplo, para limparlle a obra viva), que facilitaba a operación e contiña a caída violenta da embarcación.

  8. s f [HERÁLD]

    Pequena peza de metal ou de cor que imitan as plumas que se colocan no escudo de forma simétrica e ordenada.

  9. pluma do manto [XEOL]

    Material magmático orixinado por un punto quente que ascende a través do manto e chega ata a base da litosfera, en forma de columna de poucos quilómetros de diámetro.

Palabras veciñas

Plücker, Julius | plug-and-play* | plum-cake* | 1 pluma | 2 pluma | Plumatella | plumaxe