Pobra de Trives, A

Pobra de Trives, A


Concello da comarca de Terra de Trives, situado na provincia de Ourense, no L da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 20’ 10” de latitude N e 7° 15’ de lonxitude O. Limita ao N con San Xoán de Río (comarca de Terra de Trives) e Ribas de Sil (comarca de Quiroga), ao L con Quiroga (comarca de Quiroga) e Manzaneda (comarca de Terra de Trives), ao S con Chandrexa de Queixa e Manzaneda (ambos os dous na comarca de Terra de Trives), e ao O con Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río (ambos os dous na comarca de Terra de Trives). Abrangue unha superficie de 84,2 km2, nos que acolle unha poboación de 2.619 h (2007), distribuída nas parroquias de Barrio, O Castro, Cotarós, Cova, A Encomenda, Mendoia, Navea, Pareisás, Pena Folenche, Pena Petada, Piñeiro, A Pobra de Trives, San Lourenzo de Trives, San Mamede de Trives, Sobrado, Somoza, Trives, Vilanova e Xunqueira. A capital está no lugar da Pobra de Trives, na parroquia do mesmo nome, a 181 km de Santiago de Compostela e a 78 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partido xudicial da Pobra de Trives.
Xeografía física
O relevo caracterízase pola basculación cara ao N do seu territorio, resultado da disposición ao S de Cabeza de Manzaneda e ao N dos vales dos ríos Bibei e Navea. Divídese en tres partes ben diferenciadas: ao S sitúanse as terras altas do macizo central ourensán, con altitudes comprendidas entre os 1.000 e os 1.700 m (Cabeza de Manzaneda, 1.782 m; penedo da Porfía, 1.265 m). O centro do concello ocúpao unha superficie de aplanamento con altitudes comprendidas entre os 700 e os 900 m de formas suaves, no que destacan algúns montes de escasa entidade como o monte Portela (854 m) e Pareixas (1.015 m). Os bordos NO e NL corresponden, respectivamente, cos vales do Navea e Bibei; son espazos caracterizados polas fortes pendentes, froito duns desniveis que supoñen pasar en menos de 1 km, dos 700 aos 350 m. Desde o punto de vista climático repártese entre o dominio oceánico-mediterráneo, propio da ribeira do Sil, e o oceánico de montaña, característico da maior parte do territorio. Situado fundamentalmente nun territorio de alta montaña, os rexistros térmicos vense influenciados por este factor, producíndose un prolongado período frío desde novembro ata abril. A temperatura media anual é de 8,9°C, cunha media en xaneiro de 3,6°C e en xullo de 16,7°C, e cunha amplitude térmica extrema que acada os 26,6°C. A precipitación anual media é de 874 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival co 9% das precipitacións, e un máximo no inverno co 41%, ficando os valores medios en primavera co 23%, e en outono co 26%. A rede hidrográfica pertence á conca do Bibei, que marca a fronteira NL do concello, que o percorre profundamente encaixado cunha dirección S-N. Nel desembocan os ríos San Lázaro e Navea, seguindo ambos os dous unha dirección SO-NL. O San Lázaro marca a fronteira con Manzaneda sen apenas capacidade erosiva polo seu escaso caudal; e o Navea delimita o concello polo NO e dá lugar a un val moi profundo e encaixado que permanece en parte do seu percorrido represado polo encoro de Guistolas. A vexetación natural consérvase relativamente ben, destacan as importantes masas de castiñeiro nas penechairas centrais. Nos vales do Bibei e Navea destacan algunhas especies de carácter mediterráneo como aciñeiras ou sobreiras.
Xeografía humana
A poboación da Pobra de Trives viviu ata 1970, ano no que acadou o máximo demográfico, unha evolución irregular, que se tornou, a partir desa data, nun proceso rápido de despoboamento. Entre 1900 e 1910 a poboación permaneceu practicamente estancada (-0,17% interanual), pasando a perder efectivos máis visiblemente entre 1910 e 1920 (-0,52% cada ano), recuperándose nos dous decenios seguintes (entre 1920 e 1940 medrou un 0,56% interanual). Entre 1940 e 1950 viviu momentos de estancamento demográfico (-0,06% interanual), que se tornaron en rápido despoboamento entre 1950 e 1960 (-1,97% interanual). Os anos 1960 foron de espectacular crecemento (2,90% interanual). Entre 1970 e 1981 pasou por unha fase de moderada regresión (-0,66% interanual), que se intensificou espectacularmente entre 1981 e 1991 (-4,43% interanual), moderándose de novo no decenio 1991-2001 (-0,78% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -4,97%. A emigración ao resto de España e ás cidades galegas foi fundamental na evolución deste concello. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-17,1‰) froito dunha baixa natalidade (2,8‰) e unha elevada mortalidade (19,9‰) o que evidencia o avellentamento da poboación pois os menores de 20 anos representan o 11,8% e os de máis de 65 anos o 33,4%; o grupo intermedio representa o 54,7%. Por sexos a composición está equlibrada: 50,21% de homes e 49,79% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Pobra de Trives é do 40,5% (53,3% a masculina e 28,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,8% (47,6% a masculina e 24,4% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 11,7% (10,7% a masculina e 13,5% a feminina). O sector primario ocupa o 7% da poboación ocupada. A superficie cultivada representa o 5,88% do territorio, da que o principal cultivo son as forraxeiras, seguido polo viñedo e o centeo. Os viñedos cultívanse en bancais nos vales do Bibei e Navea, acollidos á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Destaca o gando ovino, numeroso nas áreas de montaña do concello. A industria acada o 15,5% da man de obra e a construción supón o 14,5% do emprego. Os servizos representan o 63% da man de obra, dos que destacan os de carácter comarcal asentados na vila da Pobra de Trives, así como o equipamento da Estación de Montaña Manzaneda, o que asegura a este concello o práctico monopolio do turismo da neve en Galicia. A principal vía de comunicación é a estrada OU-536, complementada por diversas estradas locais.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados datan da época castrexa, como os castros da Cividá e o Castelo. Foi poboada polos tiburos, dominados polos romanos que trazaron por estas terras a vía Nova ou vía XVIII do Itinerario de Antonino. No contexto da construción desta vía edificouse a ponte Bibei, obra que facilitou as comunicacións entre A Pobra de Trives e Valdeorras, así como unha mansión coa finalidade de abastecer as milicias romanas. Durante a Guerra da Independencia foi unha das primeiras vilas en rebelarse contra os franceses. No Antigo Réxime o seu territorio estivo repartido entre as xurisdicións de Navea, administrada por Francisco Quiroga; o couto redondo de Pena Petada, administrado por Xoaquina de Oca; a Pobra de Trives, señorío do conde de Lemos; o couto redondo de San Breiximo, señorío do conde de Lemos; Sobrado, señorío do mosteiro de San Paio de Santiago de Compostela; e o couto redondo de Cova, rexido polos seus veciños. Todas as xurisdicións pertencían á provincia de Ourense. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Abolíronse as xurisdicións e foron substituídas polos concellos da Pobra de Trives e Sobrado pero en 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. En 1835 recuperouse a división municipal e os dous concellos anteriores fusiónaronse no da Pobra de Trives. Xudicialmente dependeu ata 1835 de Castro Caldelas, e neste momento creouse o seu propio partido. Desde entón non se produciron variacións nos límites do concello.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan, entre outras, a igrexa románica de San Salvador de Sobrado de Trives, o pazo da Corga (Piñeiro) e o pazo da Freiría (Barrio), ademais da ponte Cabalar, a ponte Bibei, declarada Ben de Interese Cultural en 1931, e a ponte Navea. Boa parte do territorio está protexido por espazos naturais, como o Parque Natural do Invernadeiro e o Macizo Central, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar no concello destacan as do Santo Cristo da Misericordia o 14 de setembro, a da Dolorosa en setembro, a de San Bertomeu en agosto, e as festas gastronómicas, como a Festa do Chourizo en febreiro en Vilanova e a Festa da Bica Mantecada, celebrada en xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Terra de Trives
Extensión 84 Km2
Poboación Total 2619 h
Poboación Homes 1315 h
Poboación Mulleres 1304 h
Densidade de poboación 31.18 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias