Pobra do Caramiñal, A

Pobra do Caramiñal, A


Concello da comarca do Barbanza, situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia e no SO da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é 42° 36’10” latitude N e 8° 56’ 00” lonxitude O. Limita ao N co concello de Porto do Son (comarca de Noia), ao L co de Boiro (comarca do Barbanza), ao S coa ría de Arousa, e ao O co de Ribeira (comarca do Barbanza). Abrangue unha superficie de 32,3 km2, en que acolle unha poboación de 9.923 h (2007) distribuída nas parroquias do Caramiñal, Lesón, Posmarcos, Santiago de Deán ou O Castelo e O Xobre ou O Maño. A capital está na vila da Pobra do Caramiñal, na parroquia do Caramiñal, localizada a 54 km de Santiago de Compostela e a 118 km da Coruña. Está adscrito á arquiarquidiocese de Santiago de Compostela e ao partido xudicial de Ribeira.
Xeografía física
A Pobra do Caramiñal sitúase entre a serra do Barbanza e a ría de Arousa, os dous accidentes orográficos que configuran o seu territorio. A primeira esténdese pola metade O e consiste nun bloque granítico erguido con dirección N-S e con altitudes medias entre 400 e 600 m. Esta serra está delimitada por fallas que deron como resultado o desenvolvemento de fortes pendentes, e entre as principais cotas destacan Os Forcados (620 m), campo do Raposo (654 m) e Barbanza (652 m). A costa, escasamente recortada, está formada por unha estreita chaira litoral que non supera os 100 m de altitude, e é o espazo onde se concentra a maior parte da actividade humana. O concello entra dentro do dominio climático oceánico hiperhúmido, a posición ao L da serra do Barbanza e na beira da ría de Arousa deixa a súa pegada na suavidade das temperaturas e na abundancia de precipitacións favorecidas polo tránsito de masas de aire moi húmidas. A temperatura media anual é de 14,9°C, a media de xaneiro é de 9,3°C e a de xullo de 21,1°C, a amplitude térmica extrema chega aos 16,9°C. A precipitación anual media é de 2.027 mm, cunha distribución estacional que amosa unha moderada seca estival xa que o 36% de precipitacións recóllese en inverno, fronte ao 12% que se recolle en verán, ficando con valores medios a primavera e o outono co 26% cada un. A rede hidrográfica compóñena ríos de curto percorrido e fortes pendentes, o máis destacado é o río Barbanza que verte na ría de Arousa tras atravesar a serra do Barbanza e seguir unha dirección NL-SO. A vexetación natural está fortemente degradada, os incendios arrasan con notable frecuencia a serra do Barbanza e en gran parte do territorio as repoboacións de eucaplitos son a nota predominante.
Xeografía humana
Na evolución demográfica a poboación de inicios do s XXI foi superior á que contaba o concello ao comezo do s XX, pero a súa progresión non foi continuada, xa que existiron etapas nas que perdeu habitantes. As primeiras décadas do s XX foron de forte crecemento, entre 1900 e 1920 o ritmo foi dun 1,56% interanual. Entre 1920 e 1930 a poboación practicamente permaneceu estable, crecendo só un 0,12% interanual. Entre 1930 e 1960 produciuse unha etapa de lento decrecemento (-0,51% interanual), que deu paso a unha última fase de crecemento, primeiro bastante notable (entre 1960 e 1981 incrementouse o seu número de residentes nun 1,59% interanual), e máis pausadamente con posterioridade (entre 1981 e 2001 creceu a un ritmo do 0,11% interanual). Nos primeiros anos do novo século a poboación descendeu nun -0,49% entre 2001 e 2007. A súa situación, nas Rías Baixas, explica a evolución globalmente positiva ao existir uns ricos recursos naturais que dinamizaron a actividade produtiva do mar; pero a ausencia dun proceso de diversificación produtiva e a especialización nos recursos mariños deron lugar a episodios migratorios en contextos de crise da pesca e do marisqueo. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-4,5‰) pois a pèsar de ter unha natalidade alta (9,3‰) a mortalidade tamén o é (10,7‰). A poboación está empezando a mostrar signos de envellecemento, pois os menores de 20 anos suman o 17,9% da poboación, mentres que os de máis de 65 anos suman o 20,5%; o grupo intermedio representa o 61,6%. Por sexos predominan as mulleres, que representan o 51,97% fronte ao 48,03% de homes.
Xeografía económica
Ataxa de actividade (2001) do da Pobra do Caramiñal é do 49,8% (61,2% a masculina e 39,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,1% (55% a masculina e 32,4% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 13,4% (10,2% a masculina e 17,8% a feminina). A agricultura ten escasa importancia económica, só dependen directamente dela o 1,1% dos ocupados, aínda que é frecuente a agricultura a tempo parcial. A superficie cultivada ocupa o 23,70% do territorio; destacan os cultivos de millo, pataca e forraxes. Os prados e pastos ocupan o 3,89% do territorio, pero o número de unidades bovinas non é considerable (227 cabezas en 2007) e, a maior parte delas, están destinadas á produción de carne, mentres que o gando porcino está destinado á reprodución (66 cabezas en 2005). Na serra do Barbanza destaca o gando cabalar, agrupado en mandas en réxime de semiliberdade. A pesca agrupa ao 12,2% da man de obra, baseada fundamentada na pesca de baixura e no marisqueo, que aproveita os bancos de marisco das praias do concello, as bateas de mexillón dispersas pola ría e o marisqueo desde dornas ou barcos de pesca. A industria é unha actividade fundamental, agrupa ao 27,8% da man de obra, e destacan as industrias conserveiras, de maquinaria industrial, de mobles, de alimentos para animais e fábricas de envases de cartón. A construción só ocupa ao 10,3% da man de obra, aínda que existen algunhas empresas de certa entidade. Os servizos representan o 48,6% da poboación ocupada, que traballa nos equipamentos terciarios asentados na vila da Pobra do Caramiñal, especialmente na actividade turística, máis relevante nos meses de verán. As principais vías de comunicación son a AC-550, que a comunica con Padrón e Ribeira e a vía rápida VRG-11, que facilita as comunicacións dunha comarca tradicionalmente illada.
Historia
Os vestixios maís antigos conservados no concello datan de época megalítica, da que se atoparon algúns campos de mámoas como os de Lesón. De época castrexa son os castros de Posmarcos ou o de Cabío no Xobre, entre outros. Durante a Alta Idade Media, as frecuentes incursións normandas arrasaron durante os ss IX e X as terras de Arousa, atraídas pola sona de Santiago de Compostela. Na Baixa Idade Media fundouse a vila, independizada como poboado de pescadores da parroquia de Posmarcos, que coñeceu un intenso florecemento no s XVIII grazas aos novos métodos de conservación de peixe traídos polos cataláns, que iniciaron a industria conserveira. En 1554 a familia Xunqueiras, que exercía o señorío sobre a zona, concedeulle o título de vila a unha poboación próxima á torre de Xunqueiras, co nome do Caramiñal. Así, durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron a varias xurisdicións da provincia da Coruña: o Caramiñal, señorío do marqués de Parga; Noia, administrada polo arcebispo de Santiago de Compostela; e a Pobra do Deán, rexida polo deán de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos da Pobra, O Caramiñal e Posmarcos, dentro do partido xudicial de Noia. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se crearon os concellos do Caramiñal e Pobra do Deán, que en 1840 se fusionaron no da Pobra do Caramiñal. Xudicialmente permaneceu ata 1988 no partido xudicial de Noia, pasando a partir desa data ao de Ribeira.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Santiago do Deán e a de Santa María a Antiga do Caramiñal. Dentro da arquitectura civil cómpre destacar o pazo do Couto (s XVIII), a casa grande de Aguiar (s XVI), a torre de Bermúdez (s XVI), declarada BIC en 1976 e que alberga o Museo Valle-Inclán, a torre de Xunqueiras no Xobre, declarada BIC en 1981, e a ponte sobre o río Pedras. Entre as festas que se celebran no concello destacan as da Virxe do Carme dos Pincheiros en setembro, as do Nazareno en setembro, na que ten lugar a Procesión das Mortallas, que foi declarada de Interese Turístico de Galicia en 2000, a romaría de San Mauro o 15 de xaneiro e o curro do Barbanza, celebrado en xullo na Curotiña.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Barbanza
Extensión 32 Km2
Poboación Total 9923 h
Poboación Homes 4766 h
Poboación Mulleres 5157 h
Densidade de poboación 310.09 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias