Poio, San Xoán de

Poio, San Xoán de

Mosteiro mercedario situado en Poio. A tradición di que o fundou san Froitoso no s VII, ou algún dos seus discípulos, e que estivo relacionado co mosteiro da illa de Tambo, que foi eremitorio e lugar de retiro. Segundo un documento de doazón da Raíña Urraca (1116), sábese que foi reedificado e que o Rei Vermudo III fixo posible a instalación dos monxes entre 982 e 999. En 1105 Urraca doou a metade do couto, mentres que a outra metade é a que se traspasou no citado documento de 1116. Desde 942 ocupárono monxes bieitos e entre os ss XV e XVI renovouse. En 1548 Carlos I creou o Colexio Maior de Teoloxía e en 1613 fundouse o Colexio de Pasantes. Coa desamortización de 1835 a orde beneditina abandonou o edificio que foi ocupado en 1890 por monxes mercedarios de Conxo. En 1959 comezáronse a construír as novas dependencias do mosteiro que, xunto coas antigas, acollen diversas actividades culturais, sociais e artísticas, como a Escola de Canteiros ou a Escola de Mosaicos. A igrexa, que substituíu a medieval, é unha mostra do clasicismo galego con elementos barrocos. Nela traballaron os mestres Mateo López e frei Gabriel de Las Casas. Está inscrita nun rectángulo e consta dunha nave lonxitudinal con capelas laterais, unha nave transversal que forma un cruceiro e capela maior rectangular. No interior destacan a bóveda do cruceiro, cun florón coa data de remate das obras (1708), e as pilastras compostas que sosteñen a cuberta da nave. O retablo é de estilo churrigueresco do s XVIII. Destaca tamén o sepulcro de santa Tramunda do s VI. A fachada está organizada en tres rúas verticais e dous corpos horizontais, separadas por columnas emparelladas, toscanas no corpo inferior e corintias no superior. A rúa central remata nun frontón curvo partido e coroado por pináculos. Destaca a Biblioteca reunida polos mercedarios e o Coro Ultreia. Foi declarado BIC en 1971.

Palabras veciñas

Poio, alto do | Poio, O | Poio, pena do | Poio, San Xoán de | poiquilítico -ca | poiquilo- | poiquilocito