Pol
Concello da comarca de Meira, situado na provincia de Lugo no L da Comunidade Autónoma de Galicia, a 43° 07’ 30” de latitude N e 7° 20’ 40” de lonxitude O. Limita ao N coa Pastoriza (comarca de Terra Chá) e Meira (comarca de Meira), ao L con Baleira (comarca da Fonsagrada) e Ribeira de Piquín (comarca de Meira), ao S con Castroverde (comarca de Lugo), e ao O con Castro de Rei (comarca de Terra Chá). Abrangue unha superficie de 125,9 km 2 cunha poboación de 1.913 h (2007), distribuída nas parroquias de Arcos de Frades, Caraño, Carazo, Cirio, Ferreiros, Fraialde, Gondel, Hermunde, Lea, Luaces, Milleirós, Mosteiro, Pol, San Martín de Lúa, San Martiño de Ferreiros, Silva, Suegos e Torneiros. A súa capital está no lugar de Mosteiro, na parroquia do mesmo nome, a 134 km de Santiago de Compostela e 27 km de Lugo. Está adscrito ás dioceses de Lugo e ao partido xudicial de Lugo.
Xeografía física
A planitude é a nota dominante neste concello, accidentado só nos extremos S e L, en contacto cos primeiros contrafortes das serras orientais. Morfoloxicamente aprécianse tres partes: unha primeira, a máis extensa, que se corresponde co bordo SL de Terra Chá, abrangue o centro, o N e o O do concello, e resólvese en suaves ondulacións, cunha altitude media entre os 450 e 600 m. A segunda sitúase ao L do concello e coincide cunha serie de serras con dirección N-S, que enlazan coas serras de Meira e do Pozo, con altitudes comprendidas entre os 600 e 700 m. Na terceira, no S do concello, sitúanse os remates setentrionais das serras do Mirador e Monciro, aliñacións con dirección tamén N-S e cunha altitude media entre 600 e 800 m (Penedo do Pao, 813 m). Repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental, ao abrigo da influencia moderadora das masas de aire mariño, feito que repercute nun réxime térmico asentado en temperaturas contrastadas e precipitacións moderadas. A temperatura media anual é de 11,5°C cunha media en xaneiro de 5,3°C e en agosto de 17,5°C, e cunha amplitude térmica extrema que chega aos 21,7°C. As precipitacións anuais medias son de 1.176 mm, cunha distribución estacional cun máximo no inverno co 36% de precipitacións, fronte ao 12% no verán e onde a primavera co 27%, e o outono co 25%, presentan valores medios. A rede hidrográfica pertence na súa maior parte á conca do Miño, concretamente á do seu afluente, o Azúmara, río que nace no extremo O do concello como consecuencia da confluencia dos ríos Pol e Serna; outro río, que verte no Azúmara augas abaixo das terras de Pol, e o Torneiros. Finalmente, a parroquia de Lúa, no extremo L do concello, está drenada pola cabeceira do río Lúa, pertencente á conca do Eo. A vexetación natural conta cun bo grao de conservación, con extensas masas de carballos que tapizan a Terra Chá, mentres que os piñeirais e o mato abundan nas serras orientais e meridionais.
Xeografía humana
A poboación de Pol viviu un suave e continuado retroceso demográfico ao longo do s XX. Desde 1900 ata 1930, ese descenso foi lento e sen interrupcións, cunha taxa interanual cifrada no -0,31%. Entre 1930 e 1940 viviu unha etapa de estancamento (0,07% interanual), que deu paso a un brusco retroceso (-1,15% interanual entre 1940 e 1950), seguido dun freo das perdas de habitantes na década de 1950 (-0,38% interanual), ata que se reactiva o proceso de contracción demográfica desde 1960 en adiante (-1,20% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -7,04%. A continuada emigración deixou unha fonda pegada neste concello, non só na dimensión demográfica, senón tamén no acusado grao de avellentamento que está a padecer, de tal xeito que os menores de 20 anos representan o 11,3 % da poboación e os de máis de 65 anos o 35,7%; o grupo intermedio representa o 53%. O avellentamento tamén é visible no saldo vexetativo (2006) que é negativo (-10,8‰) froito dunha baixa natalidade (2,8‰) e unha elevada mortalidade (13,6‰). Por sexos dominan as mulleres co 51,07% fronte ao 48,92% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Pol de é do 49,7% (59,4% a masculina e 40,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 46,1% (55,5% a masculina e 37,3% a feminina) e a taxa de paro é do 7,2% (6,5% a masculina e 8,2% a feminina). Pol é un concello eminentemente agrícola, tal e como o testemuña o 60,3% da poboación ocupada no sector. A superficie cultivada representa o 17,4% do seu territorio, practicamente na súa totalidade con cultivos forraxeiros, seguidos da pataca e do trigo. Os prados e pastos ocupan o 23,71% do territorio e o armentío bovino conta con 10.424 cabezas distribuidas en explotacións (2007). A industria só dá cabida ao 7,5% da poboación ocupada, agrupada en pequenos talleres vinculados coa actividade agropecuaria. A construción dá emprego ao 5,3% da poboación e os servizos ao 26,9% nos establecementos localizados no concello, nos que destacan os almacenistas de insumos agrarios. A principal vía de comunicación é a estrada N-640, de Vegadeo a Vilagarcía de Arousa, complementada polas estradas que unen Meira con Baleira e Mondriz con Valon
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos pertencen ao megalitismo, entre outros, o campo de mámoas de Mosteiro, San Martín de Lúa, Valonga, San Martiño de Ferreiros, Silva, Arcos de Frados e Carazo. Localizáronse tamén o castro de Brea en Caraño, o de Rois en Cirio ou o de Trasín en Luaces. A presenza dos romanos na zona constatouse polos numerosos vestixios atopados, como o mosaico de Doncide (Silva), as aras e lápidas votivas ou a tésera dos zoelas, unha inscrición onde se rexistra un pacto de amizade entre triadiavos e desoncos realizado en 27 a C. Ademais, posiblemente unha das vías romanas que ía a Astúrica atravesaba a vila. No s XIII os habitantes de Luaces acudiron a Afonso X na procura de protección e pedíronlle ser só vasalos do rei, ao que accedeu, ademais de concederlles a Pobra de Valonga. Durante o Antigo Réxime pertenceu á provincia de Lugo e o territorio estivo repartido entre as xurisdicións de Luaces, señorío compartido polo marqués de Astorga, o bispo de Mondoñedo e outros señores; Meira, señorío do mosteiro de Santa María de Meira; e Lea, señorío do conde de Graxal e doutro señor. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Luaces e Lea, dentro do partido xudicial de Lugo. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, e en 1840 Luaces e Lea fusionáronse para formar o concello de Pol.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de Santa María de Valonga e de Santa María de Cirio, as igrexas barrocas de Santa María de Fraialde e San Pedro de Hermunde, e a ermida de Nosa Señora das Neves en Suegos. Dos numerosos pazos que se conservan destacan a casa de Arriba e a casa de Olga en Caraño, a casa de Pousadela en Luaces, a casa grande de Fondón en Cirio, ou a casa do Avogado en Lea. Das festas que se celebran no concello caben mencionar as de Pascua, as de San Bartolomeu de Lea, a romaría de Nosa Señora das Neves en Suegos e a festa do Emigrante, celebrada o 24 de agosto en Mosteiro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Meira |
| Extensión | 125 Km2 |
| Poboación Total | 1913 h |
| Poboación Homes | 936 h |
| Poboación Mulleres | 977 h |
| Densidade de poboación | 15.3 h/Km2 |