poliuretano

poliuretano

(< poli- + uretano)

s m [QUÍM]

Denominación xenérica de diversos polímeros sintéticos que conteñen grupos uretano (-NH-CO-O-) repetidos na cadea principal. Obtéñense mediante a reacción de alcohois dihidroxílicos con diisocianatos. Industrialmente, os diisocianatos máis empregados na preparación de poliuretanos son o diisocianato de tolileno, coñecido como TDI, e o 4,4’-diisocianato de difenilmetano, coñecido coma MDI. Os poliuretanos cobren unha gama moi ampla de propiedades e teñen aplicación na fabricación de escumas e fibras, recubrimentos superficiais, composicións para o moldeamento, adhesivos e elastómeros. En agricultura úsanse como substrato en cultivos fóra de solo, en forma de escuma. Excelente substrato para cultivos hidropónicos, son moi utilizados en viveiros para a xerminación de sementes.