Polonia

Polonia
Nome científico: [nome oficial: República de Polonia; polaco: Rzeczpospolita Polska]

Estado de Europa Central, limitado polo Mar Báltico, o enclave ruso de Kaliningrad e Lituania ao N, Bielorrusia e Ucraína ao L, Eslovaquia e a República Checa ao S, e Alemaña ao O (312.685 km2; 38.640.000 h [estim 2001]). A súa capital é Varsovia.
Xeografía física
Situada nos límites da plataforma de Europa Oriental, a maior parte do territorio está formado por chairas, con algúns outeiros que non pasan dos 600 m de altitude. Só no S, no Sudety e nos Cárpatos, se atopan montañas de importancia (Rysy, 2.499 m). O clima é moderado, entre marítimo e continental. Os ríos máis importantes son o Vístula (1.047 km) e o Oder (912 km), que atravesan o país de S a N. O réxime dos ríos é regular e permiten a navegación, unidos por canais. Hai máis de 9.000 lagos, a maioría ao N, os máis importantes son o Sniardwy (113,8 km2) e o Mamry (104 km2). Ao pé dos Cárpatos e dos Sudety hai numerosos mananciais de augas minerais. A vexetación é centroeuropea de tendencia continental. Na chaira predomina o bosque de follaxe caduca, pero nas terra máis pobres mestúrase o piñeiro vermello. Nas montañas distínguese, desde abaixo cara a arriba, o piso da faias, o do abeto, o piso da picea e o piso dos prados alpinos. A deforestación foi intensa, sobre todo na chaira.
Xeografía económica

Sector primario
Foi o único estado socialista que renunciou á colectivización agraria, pero a falta de incentivos e de axudas e o control estatal sobre a produción, os prezos e a distribución deixaron o campo nun considerable atraso e pouco tecnificado. Os principais cultivos son a pataca, o millo e o centeo. Os cultivos industriais son moi importantes, sobre todo a remolacha. A gandaría é principalmente porcina e bovina. Posúe unha destacada pesca de altura, que opera sobre todo no Pacífico e Atlántico.
Minaría e industria
Polonia dispón dunhas reservas minerais notables a pesar da intensa explotación pasada. Os minerais máis abundantes son o cobre (Baixa Silesia), o cinc, o carbón (Alta Silesia), o lignito e o chumbo. É importante tamén a extracción de gas natural. A industria está distribuída irregularmente, posto que se concentra en Silesia, Cracovia, Varsovia-èódz, Szczecin e Gdansk. Posúe siderurxia (Cracovia), fundicións de cinc e chumbo e produción de aluminio; pero a industria máis importante é a metalurxia do cobre. Esta moi desenvolvida a construción de maquinaria pesada de barcos, vagóns, máquinas-ferramenta, equipos para centrais térmicas e para a minaría, industria química, automóbiles ou locomotoras. A industria química dispón de recursos considerables de xofre, sal común, gas natural e produtos derivados do carbón de coque. Destaca a produción de fertilizantes nitroxenados e de fosforita, ácido sulfúrico, sosa, superfosfatos, fibras sintéticas, caucho, plásticos e produtos farmacéuticos. A industria téxtil é unha das ramas máis antigas (èódz, Silesia). Está moi estendida a industria alimentaria de azucre, margarina, fariña, cervexa, carne e conservas de peixe. Máis importantes son as relacionadas coa construción (cemento e vidro), as de electrodomésticos e electrónica. Polo que respecta aos recursos enerxéticos, a maior parte procede do carbón.
Transportes, comunicacións e comercio exterior
A maior parte do transporte de mercadorías e pasaxeiros efectúase por estrada (381.046 km). O ferrocarril (22.891 km) é o segundo medio de transporte. Hai 3.813 km de vías navegables e a principal arteria fluvial é o río Oder, que enlaza con afluentes e canais con outros ríos. A navegación marítima céntrase en Szczecin, Gdynia e Gdansk. Despois da caída dos réximes comunistas, Polonia tivo que reorientar o seu comercio exterior. As principais importacións son a maquinaria e o equipamento de transporte, ferro e aceiro semielaborados, carbón e produtos químicos. O principal cliente e comprador é Alemaña, seguido nas importacións por Rusia, Italia e Reino Unido, e nas exportacións polos Países Baixos, Italia e Rusia. A unidade monetaria é o zéoty.
Evolución económica
Co réxime comunista (1947), Polonia foi sometida a unha industrialización acelerada baseada no modelo soviético de colectivización e planificación, e o goberno puxo unha énfase especial na industria pesada. Con todo, este esforzo investidor comportou un crecemento preocupante da débeda externa e da inflación a partir da década de 1970. A carestía en que derivou foi un dos causantes das revoltas da década de 1980. En 1990, cando foi abolido o réxime comunista e se introduciu a economía de mercado, fixéronse patentes graves deficiencias como a alta concentración da economía no sector da industria pesada, a tecnoloxía obsoleta e os baixos rendementos. Comezou unha reforma económica onde o control de prezos foi abolido, a distribución e o comercio liberalizado, as principais empresas estatais privatizadas e modificáronse o sistema tributario e os impostos, pero o desemprego seguiu a ser a principal preocupación do goberno. Desde a década de 1990, a produtividade triplicouse e Polonia creceu máis rapidamente ca o resto da UE. A economía polaca continúa nun proceso de transformación e ten como maiores retos, despois da integración na UE, a reforma do sector agrario e a diminución do paro.
Xeografía humana
O crecemento da poboación é moi débil, a taxa de crecemento natural é do 0,3‰. A repartición da poboación non é homoxénea: o S e o N son os sectores máis densamente poboados. No S a densidade de poboación é de 217 h/km2e no NL de 49 h/km2. A poboación urbana representa o 65,6% (2000); as cidades máis importantes son Varsovia, èodz, Cracovia, Breslau e Poznan.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Ata 1945, pola súa condición xeográfica de cruzamento de pobos e a disposición cambiante das súas fronteiras ao longo da historia, Polonia presentaba unha poboación moi heteroxénea. Despois da Segunda Guerra Mundial, o exterminio de millóns de persoas, a fuxida ou deportación doutras e a expulsión de alemáns, ucraínos e bielorrusos, como tamén a chegada de polacos procedentes da URSS, convertérona nun dos estados etnicamente máis homoxéneos de Europa. De feito o predominio dos polacos é absoluto (97,6%), fronte ao 0,6% de ucraínos e ao 1,8% da poboación restante. A maioría da poboación polaca é cristiá: o 90,7% son católicos e o 1,4% ortodoxos; o 7,9% ateos. A lingua oficial é o polaco.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúaa entre os países cun desenvolvemento humano alto (37° posto mundial cun índice de 0,850). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 77 anos para as mulleres e de 69 para os homes; o índice de alfabetización de adultos é do 99’7% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 86% e o PNB real por habitante é de 10.560 $ EE UU.
Goberno e política
República socialista ata 1989. Segundo a Constitución de 2 de abril de 1997, o poder lexislativo reside nun parlamento bicameral que está formado por: a Sejm ou Dieta con 460 membros e o Senat, con 100 senadores, ambas as dúas elixidas cada catro anos. O poder executivo está formado polo presidente, que dispón de amplos poderes, elixido de forma directa para cinco anos, e o Consello de Ministros, encabezado polo primeiro ministro. O sistema xudicial baséase nunha mestura da lei civil napoleónica e teoría xurídica marxista, non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza e non está en vigor a pena de morte. As principias forzas políticas son: a coalición social-demócrata Sojusz Lewicy Demokratycznej-Unia Pracy (Alianza de Esquerda Democrática-Unión Laboral, SLD-UP), a Koalicja Akcja Wyborcza Solidarnosc Prawicy (Coalición Acción Electoral Solidaria da Dereita, AWSP), formada polos conservadores Zjednoczenie Chrzescijansko-Narodowe (Unión Cristiana Nacional, ZCHN) e Ruch Spoéeczny Akcja Wyborcza Solidarnosc (Movemento Social Electoral Acción Solidaridade, AWS), e o democratacristián Porozumienie Polskich Chrzescijanskich Demokratów (Alianza de Polacos Cristiandemócratas); o nacionalista-cristián Liga Polskich Rodzin (Liga de Familias Polacas, LPR), o Mniejszosc Niemiecka (Minoría Xermana, MN), o centrista Platforma Obywatelska (Plataforma Cidadá, PO), o agrario Polskie Stronnitwo Ludowe (Partido do Pobo Polaco), o Prawo i Sprawiedliwosc (Lei e Xustiza, PiS), e os conservadores Ruch Odbudowy Polski (Movemento de Reconstrución de Polonia, ROP) e Samoobrona Rzeczypospolitej Polskiej (Autodefensa da República Polaca, S). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: CEFTA, Consello de Europa, ERBD, OCDE, ONU, OSCE, OTAN e UE.
Historia

As orixes de Polonia: os reinados da dinastía Piast
Aínda que Polonia tivo a súa orixe no s VI, froito da unión de diversas tribos eslavas, tradicionalmente considerouse como o fundador do estado polaco a Miecislau I de Polonia (960?-992), da dinastía Piast. A súa conversión ao cristianismo en 966 foi seguida pola dos seus súbditos, pola creación dun bispado en Poznan (968) e pola submisión á Santa Sé, co fin de garantir a independencia do país, ameazada polo Sacro Imperio Romano-Xermánico. O seu fillo Boleslau I o Valente (992-1025), co fin de facer fronte á expansión xermana, tentou unificar a todos os eslavos occidentais, conquistando Silesia, Lusacia e Moravia e conseguiu liberar Polonia da tutela eclesiástica xermánica. Baixo os sucesivos reis, as fronteiras polacas retrocederon, mentres a capitalidade pasaba de Gniezno a Cracovia. Boleslau III o Bocatorta (1102-1138) dividiu o reino entre os fillos -fragmentándoo nunha vintena de ducados case independentes- feito que facilitou extraordinariamente a penetración xermana: Silesia (1163) e Pomerania Occidental (1181) foron anexionadas polo Sacro Imperio e os cabaleiros da orde Teutónica someteron amplas zonas do litoral báltico. A reunificación territorial, impulsada pola Igrexa e pola pequena nobreza terratenente, foi obra de Ladislau I de Polonia (1306-1333) e do seu fillo Casimiro III de Polonia (1333-1370), que fixaron as bases administrativas e políticas do reino polaco. Durante o seu reinado incorporouse Galitsia, fundouse a Universidade de Cracovia (1364), que asegurou a vinculación do país á cultura occidental, e as actividades mercantís e artesanais viviron un período de expansión.
A unión lituano-polaca baixo a dinastía Jagellón
Casimiro III de Polonia designara como sucesor ao seu sobriño Luís de Anjou (Luís I de Hungría, 1342-1382). Á súa morte, os nobres impuxeron a fin da unión con Hungría e deron a coroa a Eduvixe de Polonia, filla segunda de Luís. O seu matrimonio co príncipe de Lituania Jogaila que, ao ser converter ao cristianismo, tomou o nome de Ladislau (Ladislau II de Polonia), comezou a dinastía Jagellón e formouse unha extensa confederación lituano-polaca, que axiña chegou a ser a primeira potencia da Europa Oriental. A unión facilitou a derrota do inimigo común de ambos países, a orde Teutónica, en 1410, e a conseguinte recuperación de terras. Coa morte de Ladislau III de Polonia (1434-1444) na loita contra os turcos, foi coroado Casimiro IV (1444-1492), que estabilizou a fronteira oriental e conseguiu para o seu fillo Ladislau os tronos de Bohemia (1471) e de Hungría (1490), convertendo a dinastía Jagellón en hexemónica no L europeo. Este feito estimulou a hostilidade do Sacro Imperio e do principado de Moscova e, ao mesmo tempo, comportou o profundo compromiso de defender a cristiandade dos otománs. A política expansiva lituano-polaca obrigou a facer concesións á nobreza, o que provocou a ruptura temporal da unión e a configuración definitiva da Dieta (Sejm) bicameral. Alexandre I de Polonia (1501-1506) restableceu a unión, ratificada ao acordar as dietas lituana e polaca que no futuro o rei de Polonia sería sempre un gran príncipe de Lituania. Os últimos Jagellón tiveron un notable papel dentro do marco europeo: Sexismundo I de Polonia (1506-1548) converteu Cracovia en centro difusor do humanismo e da arte renacentista no L de Europa e tratou de impedir a propagación do luteranismo e o calvinismo; o seu fillo, Sexismundo II de Polonia (1548-1572), levou a unión lituano-polaca á súa máxima expansión territorial e co seu reinado celebrouse a Dieta de Lublin (1569), na que se proclamou a unión indisoluble de Polonia e Lituania, que a partir dese momento tiveron unha única Dieta.
O declive polaco
A morte de Sexismundo II sen descendencia en 1572 provocou que a Dieta se atribuíse novos poderes en detrimento do soberano: consagrou o carácter electivo da monarquía e outorgou aos nobres o dereito de rebelarse contra o rei cando se violasen as leis. Ao extinguirse a dinastía Jagellón, Estevo Báthory accedeu á coroa (Estevo I de Polonia, 1575?-1586) e reforzou a presenza polaca no Báltico co fin de asegurar a exportación de remolacha e de conter ao inimigo do L, Rusia, unido a Suecia. O proxecto dun bloque sueco-polaco, hexemónico no NL europeo, semellou facerse realidade cando, á morte de Estevo I foi elixido Sexismundo III de Polonia (1587-1631), fillo de Xoán III de Suecia, pero finalmente non foi posible pola política de intolerancia relixiosa aplicada por Sexismundo, que se converteu nun dos principais defensores da Contrarreforma en Polonia. O enfrontamento armado polo dominio do Báltico entre a católica Polonia e a luterana Suecia foi desfavorable aos polacos, que tampouco tiveron éxito na súa intervención en Rusia. A entronización de Xoán II Casimiro de Polonia (1648-1668), sucesor de Ladislau IV de Polonia, parecen ser o sinal para unha ofensiva xeral contra o estado lituano-polaco, que puxo en perigo a súa existencia: os cosacos de Zaporižž’a, Rusia, Dinamarca, Suecia e os Hohenzollern de Brandenburgo e Prusia, durante doce anos, lanzaron as súas tropas sobre o país, que foi arrasado e viu sensiblemente reducida a súa poboación (Primeira Guerra do Norte). A división da nobreza por motivos relixiosos e económicos e a adopción pola Dieta, en 1652, do liberum veto (as decisións habían de ser tomadas por unanimidade), dificultaron a submisión dos cosacos e a expulsión dos invasores. Xoán III de Polonia (1674-1696) detivo uns cantos anos o proceso de disgregación e salvou a Europa Central dunha grande acometida otomá (liberación de Viena, 1683). Despois da súa morte e coa axuda do Tsar Pedro I de Rusia, foi elixido Augusto II de Polonia (1697-1733). Aos ataques deste contra Livonia e Estonia, Carlos XII de Suecia respondeu cunha invasión e o nomeamento como rei do seu sobriño, baixo o nome de Estanislao I de Polonia (1704-1709). A Guerra de Sucesión de Polonia (1733-1735) deu o trono a Augusto III, que, a pesar de declararse neutral, viu o país devastado polas tropas da Guerra dos Sete Anos.
O s XVIII: as reparticións de Polonia
Desde mediados do s XVIII as ideas ilustradas e o desvelo da conciencia nacional abocaron á formación dun amplo partido reformista. Pero aínda que Estanislau II de Polonia (1764-1795) fixo seus os proxectos de renovación, Federico II de Prusia e Catarina II de Rusia, co pretexto de defender as minorías protestante e ortodoxa, impediron calquera cambio que permitise a recuperación de Polonia. O fracaso da revolta dos nobres nacionalistas integrados na Confederación de Bar (1768) continuou coa primeira repartición de Polonia (1772), realizada a instancias de Federico II de Prusia, entre Austria, que anexou Galitsia; Rusia, que obtivo Bielorrusia, Vitebsk e Mohilev; e Prusia, que recibiu Danzig e Torun. Isto reafirmou a necesidade de profundas reformas: monarquía hereditaria, supresión do liberum veto, exército permanente, acceso da burguesía á Dieta e á administración, mellora da situación dos campesiños e outras, que a Dieta dos Catro Anos (1788-1792) recolleu nunha nova constitución (1791). Pero o descontento entre a nobreza provocou unha segunda repartición entre Rusia, que se atribuíu Polesia, Podolia e parte de Lituania, e Prusia, que recibiu Posnania, Danzig e Torun. En 1794 as revoltas de Varsovia e Vilnius contra as reparticións e contra a tutela rusa iniciaron unha insurrección xeral, dirixida por Tadeusz Kosciuszko; pero, unha vez derrrotada, Polonia foi obxecto dunha terceira repartición (1795) que provocou a súa desaparición como estado independente: Rusia obtivo Volinia e o resto de Lituania, Prusia a cidade de Varsovia e Austria as rexións de Cracovia, Lublin e Sandomierz.
As loitas pola independencia
En 1807, polo Tratado de Tilsit, Napoleón I Bonaparte creou un estado polaco semiindependente, o Gran Ducado de Varsovia, que foi desmembrado durante o Congreso de Viena (1815): Prusia recibiu Posnania, Torun e Cheém, Cracovia converteuse en república independente e constituíuse o Reino de Polonia co territorio restante e co tsar ruso como soberano, que ratificou unha constitución liberal. Aínda así a conciencia nacional perviviu e os polacos iniciaron un movemento independentista que culminou na insurrección xeral de 1830-1831, na que foron derrotados. Como consecuencia, as tres potencias opresoras intensificaron a xermanización de Posnania e Galitsia e a rusificación da Polonia sometida ao tsar. As insurreccións posteriores (1846, 1848, 1861, 1863) foron sempre sufocadas, e a persecución da lingua e a relixión do pobo polaco foi en aumento. A derrota rusa ante Xapón na Guerra Ruso-xaponesa (1904-1905), a crise interna e a caída do tsarismo durante a Revolución Rusa (1917), a derrota austroalemá na Primeira Guerra Mundial, a actitude favorable dos países occidentais e o esforzo de todo o pobo polaco levaron, nos últimos meses de 1918, á liberación e á proclamación de independencia da República de Polonia. En 1919 celebráronse as primeiras eleccións nas que Józef Piésudski foi elixido xefe de estado. Ese mesmo ano, durante o Tratado de Versailles, Gdansk converteuse en cidade libre, propuxéronse plebiscitos para algunhas zonas e restableceuse a fronteira occidental existente en 1772. Deste xeito, Polonia recibiu unha estreita franxa de territorio, o corredor polaco, que se estendía desde o río Vístula ata o Báltico, amplos dereitos sobre a cidade libre de Danzig e diversos territorios de Poznan e Prusia Occidental. A fronteira oriental, con todo, motivou un conflito coa URSS (Guerra Polaco-soviética, 1920), despois de que Polonia anexionara Bielorrusia e Ucraína. O temor aos seus veciños fronteirizos determinou a política exterior do país nas décadas seguintes: en 1932, Polonia asinou un pacto de non-agresión coa URSS e en 1934 con Alemaña para asegurar as súas fronteiras. No interior do país, a situación era máis problemática e, aínda que Piésudski dimitiu en 1922, os enfrontamentos políticos e a crise política favoreceron o seu regreso ao poder a través dun golpe de estado (1926). Despois da súa morte (1935), mantívose o autoritarismo militar e adoptouse unha política ambigua respecto do Terceiro Reich, ata que, despois do triunfo do nacionalsocialismo, comezaron as anexións alemás de Austria e dos Sudety, que presaxiaron a intervención de Polonia.
Polonia durante a Segunda Guerra Mundial: da ocupación alemá á fixación das fronteiras polacas

En 1939 os alemáns demandaron a cesión de Danzig e, ante a negativa polaca, atacaron o país polo O na que se coñeceu como Segunda Campaña Polaca; a ela sumouse o ataque ruso polo L. Esta intervención foi a causa do estoupido da Segunda Guerra Mundial, na que Polonia tivo que organizar un goberno no exilio, en Francia. Durante o conflito, a poboación polaca -especialmente a xudía- foi exterminada polos alemáns nos campos de concentración nazi de Auschwitz, Treblinka ou Majdanek, entre outros. En 1941 Alemaña ocupou o territorio polaco sometido polos rusos en 1939. Despois da destrución de Varsovia (1944), o Exército Vermello entrou na cidade, liberouna e expulsou os alemáns (1945). Finalizada a guerra, fixáronse os límites de Polonia na Conferencia de Postdam (1945), que estableceu na liña Curzon a fronteira oriental e na liña do Oder-Neisse a occidental. Entrementres, a pugna entre o goberno polaco exiliado en Londres e o Comité de Lublin (sostido pola URSS) resolveuse en favor deste, coa presidencia de E. Osóbka-Morawski.
A posguerra: a formación do réxime comunista
Despois de ser duramente castigada pola guerra e polas persecucións dos ocupantes nazis, comezou a reconstrución de Polonia. As eleccións de 1947 deron o triunfo ao bloque gobernamental, encabezado polos comunistas, que en 1948 absorberon os socialistas e tomaron o nome de Polska Zjedonoczona Partia Robotnicza (Partido Obreiro Unificado Polaco, PZPR). Boleslaw Bierut foi elixido presidente da república (1947-1952) e Józef Cyrankiewicz, primeiro ministro. Aínda que a Constitución de 1952 definiu o réxime polaco como unha democracia popular, inmediatamente se iniciou unha purga de militantes nacionalistas simpatizantes do dirixente iugoslavo Josip Broz Tito e a confiscación das propiedades eclesiásticas. Os líderes do PZPR gobernaron o país segundo o modelo aplicado polo PCUS na URSS: de feito Polonia converteuse en membro activo do COMECOM e do Pacto de Varsovia. Ademais, nacionalizouse a industria e o comercio, colectivizouse o campo e as mulleres foron incorporadas ao mercado de traballo. Con todo, o rigor das normas de produción e o aumento do custo da vida por unha planificación moi centralizada e ríxida provocaron protestas e folgas que abocaron nunha insurrección de Poznan (1956). Ese mesmo ano, Wladyslaw Gomulka foi elixido secretario xeral do PZPR e iniciou unha política máis flexible e máis acorde coa realidade do país. A vitoria de Gomulka e a exclusión do poder dos stalinistas (1957) consolidaron esta liberalización e permitiron incrementar as relacións políticas e comerciais cos países occidentais. A pesar das dificultades económicas dos anos 1962-1965 e das manifestacións estudantís de 1968, Gomulka mantivo o poder ata 1970, cando, a causa dunha grave crise política e social -en parte provocada polo apoio aos membros do Pacto de Varsovia para a invasión de Checoslovaquia (1968)- foi desprazado por Edward Gierek como secretario xeral do PZPR.
O apoxeo sindical: Lech Waé[sa e Solidarnosc
Desde entón Polonia iniciou unha política de aproximación ás potencias occidentais, incluíndo a República Federal de Alemaña e, en 1980, o estado permitiu os sindicatos obreiros independentes. Entre eles destacou especialmente Solidarnosc, fundado por Lech Waé[sa xunto con outros líderes sindicais dos estaleiros de Gdansk. Este grupo representou a oposición ao réxime, ao reivindicar, entre outras cousas, a celebración dunhas eleccións libres. En 1981, W. Jaruzelski foi nomeado primeiro ministro e, aínda que seguiu facendo concesións nalgúns ámbitos, non conseguiu frear a axitación social. O deterioro económico do país, a crecente perda de control do réxime sobre os acontecementos e a presión soviética acabaron nunha resposta autoritaria ese mesmo ano. Os líderes de Solidarnosc foron detidos e o sindicato ilegalizado (1982-1989) ao tempo que se proclamaba unha lei marcial. En 1983 decretouse a amnistía, pero o secuestro e asasinato do sacerdote J. Popieéiuszko (1984) reactivou a contestación ao réxime. Zbigniew Messner, sucesor de Jaruzelski na xefatura do goberno (1985), continuou a mesma política, pero o fracaso das negociacións cos sindicatos e a Igrexa provocou a súa caída e foi sucedido por Rakowski. En 1989 volveu legalizarse Solidarnosc, que gañou as eleccións lexislativas e formouse o primeiro gabinete non comunista desde a Segunda Guerra Mundial, encabezado por un dos líderes do sindicato. Tras a dimisión de Jaruzelski, en decembro de 1990 convocáronse as primeiras eleccións presidenciais democráticas en Polonia, que significaron a fin do monopolio do PZPR e o triunfo de Lech Waé[sa, que se converteu en presidente da república. Con el iniciouse un proceso de transición pacífico cara a un réxime democrático e reiniciáronse as relacións diplomáticas coa UE, as repúblicas da antiga URSS, o Vaticano e Israel. En 1993 Waldemar Pawlak resultou elixido primeiro ministro a pesar da oposición de Waé[sa, pero dimitiu en 1995, despois de perder unha votación de confianza, e foi substituído polo antigo comunista Józef Olesky. Os sucesivos gobernos estiveron marcados por enfrontamentos co presidente, que, amparándose nos amplos poderes que lle confería a constitución, vetou o nomeamento de varios altos cargos e a aplicación de novas leis.
O cambio de século: a integración de Polonia na UE
A pesar do apoio da moi influente xerarquía eclesiástica, o descontento coa política ambiental e económica do goberno desembocou, en novembro de 1995, na derrota de Waé[sa nas eleccións, que foi substituído na presidencia polo socialdemócrata Alexander Kwasniewski. Este continuou os compromisos europeos aplicando unha política económica liberalizadora e aprobando a primeira constitución democrática do país (1997), que mantiña como poderes separados o Estado e a Igrexa Católica. En 1996, Olesky foi substituído polo socialdemócrata W. Cimoszewicz e un ano despois celebráronse eleccións lexislativas que lle deron a vitoria á AWS e Jerzy Buzel foi elixido primeiro ministro. Entre 1998 e 1999 o país reduciu o número de voivodatos co fin de dotar de maior autoridade aos representantes oficiais de cada un deles. Nas eleccións presidenciais de 2000 Kwasniewski renovou o mandato, mentres Waé[sa, tras este novo fracaso electoral, decidiu retirarse da política. Tras as lexislativas de 2001 Leszek Miller sucedeu a Jerzy Buzek como primeiro ministro, pero, un ano despois, o seu nome foi asociado cun escándalo de corrupción relacionado co mundo audiovisual. A súa política exterior vinculouse máis que nunca aos angloamericanos no conflito de Iraq, no que chegou a participar activamente. A súa preocupación xeoestratéxica ligouse ás limitacións económicas do país, feito que motivou a mobilización polaca polo referendo de adhesión a UE (2003), da que era membro asociado desde 1997, e o si maioritario (77,41%) que permitiu a súa integración, o 1 de maio de 2004. Ao día seguinte L. Miller dimitiu e asumiu o cargo de primeiro ministro Marek Belak.