Ponte Caldelas

Ponte Caldelas


Concello da comarca de Pontevedra, situado ao SO da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro da provincia de Pontevedra. A súa posición xeográfica é 42° 23’ 10” de latitude N e 8° 30’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Cotobade (comarca de Pontevedra), ao L co da Lama (comarca de Pontevedra), ao S co de Fornelos de Montes (comarca de Vigo), e ao O co S de Pontevedra e Soutomaior (comarca de Vigo). Abrangue unha superficie de 87 km 2 , en que acolle unha poboación de 6.487 h (2007), distribuída nas parroquias de Anceu, Caritel, Castro Barbudo, Forzáns, A Insua, Ponte Caldelas, Taboadelo, Tourón e Xustáns. A capital está no lugar de Ponte Caldelas, na parroquia do mesmo nome, localizada a 76 km de Santiago de Compostela e a 17 km de Pontevedra. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Pontevedra.
Xeografía física
O relevo é complexo debido á fracturación do territorio que flanquea polo L a Depresión Meridiana. Está formado pola alternancia entre vales e serras que se poden considerar como os contrafortes máis occidentais do sistema de serras asociadas á Dorsal Occidental Galega. Cara ao O, dominado por granitos, destacan unha serie de relevos illados que sobrepasan os 400 m (A Fracha, 546 m) e que separan a Depresión Meridiana do val do Verdugo. O centro e o L están formados por unha sucesión de pequenas aliñacións que superan os 500 m (Penarada, 546 m); a primeira é a serra Castrada, que separa os vales dos ríos Almofrei e Verdugo, e a segunda, máis ao S, é un ramal montañoso que parte da serra do Suído cun sentido NL-SO e que fai de interfluvio entre os vales dos ríos Verdugo e Oitavén. O concello pertence aos dominios climáticos oceánico húmido con tendencia á aridez estival e ao oceánico de transición. Pola súa situación na transición entre o fondo das rías de Vigo e Pontevedra, e os contrafortes da Dorsal Occidental Galega, conta con temperaturas suaves e precipitacións abondosas. A temperatura media anual é de 11,1°C, a media de xaneiro é de 6,5°C e a de xullo de 17,4°C, cunha amplitude térmica extrema que chega aos 21,2°C. A precipitación media anual é de 2.862 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival, xa que o 36% das precipitacións se recollen en inverno, fronte ao 11% do verán, mentres que as estacións de transición presentan valores intermedios (23% en primavera, 30% en outono). A rede hidrográfica organízase ao redor do sistema Verdugo-Oitavén. O Verdugo vén da serra do Cando, na Lama, e tras recibir ao Calvelle atravesa de NL a SO o concello. O Oitavén procede da serra do Suído, tamén no veciño concello da Lama, bordea polo S o concello e é parcialmente represado no encoro de Eiras. A vexetación natural é escasa e residual, xa que foi substituída por plantacións de eucaliptos e piñeiros.
Xeografía humana
A poboación de Ponte Caldelas sufriu numerosas oscilacións ao longo do s XX. Desde 1970, ano en que acadou o máximo demográfico, produciuse unha visible contracción demográfica. Entre 1900 e 1920 creceu suavemente, cunha taxa interanual do 0,19%. De 1920 a 1930 perdeu poboación (-1,10 % interanual), compensado en gran parte polo crecemento entre 1930 e 1950 (0,60% interanual). Entre 1950 e 1960 a poboación permaneceu estancada (-0,01 % interanual), pero a década de 1960 foi de crecemento (1,53% interanual). Desde 1970 iniciouse unha fase descendente, cunha perda dun 0,68% interanual. Ponte Caldelas, como o interior pontevedrés, sufriu a emigración cara a América e aos concellos das veciñas Rías Baixas. Non obstante , os inicios do s XXI marcan unha tendencia alcista e así entre 2001 e 2007 o crecemento foi do 9,55%. En 2006 o crecemento natural aínda era negativo (-1,2‰) pois a natalidade (7.3‰) e superada pola mortalidade (8,5‰). Os menores de 20 anos representa o 15,5% e os de máis de 65 anos o 22,7%; o grupo intermedio representa o 61,8%. Por sexos predominan as mulleres, que supoñen o 51,3% fronte ao 48,69% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ponte Caldelas é do 46% (60,9% a masculina e 32,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,6% (52,9% a masculina e 26,2% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 16% (13,3% a masculina e 20,4% a feminina). A agricultura deixou de ser unha actividade importante, xa que só representa o 3,4% da man de obra. A superficie cultivada ocupa o 10,77% do territorio, e dela destacan as terras adicadas a millo, pataca
e a vide. Os prados e pastos supoñen o 3,74% do territorio, aproveitados pola gandaría vacúa destinada á produción de carne (496 cabezas en 2007). A pesca representa un 1,4% dos traballadores, que faenan en barcos con base nos portos das veciñas rías de Pontevedra e Vigo. A industria representa o 18% da man de obra, e dela destaca a industria de taboleiros e de queixos. A construción representa o 18,3%. Os servizos supoñen o 58,9% do mercado laboral, os activos traballan nos concellos veciños de Pontevedra ou Vigo, ou na capital municipal que destaca como centro comercial que atrae poboación do propio concello, e dos veciños da Lama, Cotobade e Fornelos de Montes. A principal vía de comunicación é a estrada PO-531, de Pontevedra a Xinzo de Limia, ademais das que comunican a capitalidade municipal con Arcade e Carballedo.
Historia
Parece ser que o nome do concello provén da antiga ponte que existía sobre o río Verdugo e dos mananciais de augas termais. A antigüidade do poboamento amósase coa presenza de gravados rupestres na pena de Chan Grande (BIC, 1975) e no couto das Sombriñas (BIC, 1975), ambos na parroquia de Tourón; e os castros de Tourón, Chan das Pipas (entre Caritel e Forzáns) e o de Barbudo, que puideron estar romanizados. Non se sabe con certeza a orixe da vila, que puido ser unha fundación romana. Durante as idades media e moderna as terras estiveron vinculadas ao arcebispo de Santiago de Compostela, do que recibiu privilexios e franquías. En 1126 recibiu de Afonso VII o título de Moi Leal. Durante o Antigo Réxime, o territorio que conforma o concello pertenceu ás xurisdicións de Pontevedra e Caldevergazo (da provincia de Santiago), señorío do arcebispo compostelán, e na de Soutomaior (da provincia de Tui), señorío do duque de Soutomaior. No s XIX recibiu o tratamento de vila. En 1809, durante a Guerra da Independencia, o mariscal Soult foi derrotado nas inmediacións de Ponte Caldelas no transcurso da Batalla de Pontesampaio. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Tourón, Caldelas e Insua, pertencentes os dous primeiros ao partido xudicial da Lama e o de Insua ao de Redondela. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Creouse entón o concello de Caldelas, que cambiou o seu nome polo actual en 1845.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan a igrexa románica de Tourón (s XII), a de Santa Eulalia de Ponte Caldelas, cun retablo pétreo no seu interior, e as de Insua e Xustáns, ademais das capelas do Casteliño dedicada ao Sagrado Corazón, San Vicente de Parada, Santa Comba de Rebordelo e o Cristo Rey en Xustáns. Consérvanse tamén numerosos cruceiros e petos de ánimas e varios pazos, dos que destacan o do Pombal e a antiga casa da Inquisición, ambos en Tourón. Salienta tamén a ponte sobre o Verdugo de finais do s XVI e, na vila de Ponte Caldelas, a casa de dona Sofía, as casas de indianos e o antigo cárcere. Das festas que se celebran no concello están as de Santa Eulalia e San Vicente, en xaneiro, e romarías como a da Virxe das Dores en Anceu no mes de setembro, a do Cocido, ou a da Troita, que se celebra xunto cun concurso de pesca deportiva, de carácter internacional.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Pontevedra
Extensión 87 Km2
Poboación Total 6487 h
Poboación Homes 3159 h
Poboación Mulleres 3328 h
Densidade de poboación 74.56 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias