Ponteareas
Concello da comarca do Condado, situado na provincia de Pontevedra no límite sudoccidental da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 10’ 25” de latitude N e 9° 29’ 50” de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario (ambos na comarca do Condado) e Pazos de Borbén (comarca de Vigo); ao L con Mondariz e As Neves (comarca do Condado); ao S con Salvaterra de Miño, As Neves (ambos na comarca do Condado) e Salceda de Caselas (comarca de Vigo), e ao O con Porriño e Mos (ambos da comarca de Vigo). Abrangue unha superficie de 125,6 km 2 , en que acolle unha poboación de 22.411 h (2007), distribuída nas parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla, Fozara, Guillade, Guláns, Moreira, Nogueira, Oliveira, Padróns, Paredes, Pías, Ponteareas, Prado, Ribadetea, San Lourenzo de Oliveira, San Mateo de Oliveira e Xinzo. A capital está no lugar de Ponteareas, na parroquia do mesmo nome, a 105 km de Santiago de Compostela e 27 km de Vigo. Está adscrito, á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Ponteareas.
Xeografía física
O espazo físico de Ponteareas está dividido en dúas unidades morfoestruturais que condicionan o establecemento da actividade humana. Por un lado está o val do río Tea, eixe vertebrador, e polo outro, unha serie de elevacións que circundan esta depresión. O río, tras penetrar polo sector nororiental, percorre o concello de N a S dividindo o seu territorio en dúas metades, a dereita e esquerda do leito. O amplo val lonxitudinal que a erosión fluvial creou xunto cos transversais que conforman os seus afluentes, Xinzo, Barxa e Uma, concentran a maior parte dos núcleos de poboación e das terras de cultivo. Tanto o val lonxitudinal como os transversais son aproveitados tamén polas vías de comunicación. En sentido N-S, seguindo o curso do río Tea, transcorre a PO-403 de Ponteareas a Salvaterra do Miño e a PO-253 de Ponteareas a Pazos de Borbén, mentres que de L a O atravesan as dúas vías que explican a evolución recente do concello, a N-120 e a A-52. Pola súa parte, o contorno de pequenas serras que bordean o límite do concello presentan o seu punto culminante no extremo noroccidental, na denominada serra do Galleiro, son montes que rara vez superan os 400 metros, en que destacan Chan Grande (724 m), Penedo Negro (672 m), Salgueirón (621 m) e chan das Pousas (541 m). A altitude media do concello sitúase ao redor dos 100 m, pois malia existir algunhas elevacións, a maior parte do territorio correspóndense coa depresión do Tea. A paisaxe defínese pola alternancia de pequenas elevacións de liñas onduladas con abundante vexetación, que se sitúan formando un círculo exterior que pecha os vales fluviais intensamente antropizados, en que predomina o espazo cultivado, a pequena parcela e a vivenda unifamiliar. Xeoloxicamente, o feito máis destacable é a homoxeneidade litolóxica, pois gran parte do concello correspóndese cun macizo intrusivo de granodiorita con rochas moi homoxéneas de cores grises que nalgunhas ocasións presentan tonalidades rosadas. Existen ao N do concello outros afloramentos graníticos de menor extensión que, xunto cos depósitos aluviais e coluviais que forman as terrazas do Tea, Xinzo, Barxa e Uma, completan a carta xeolóxica de Ponteareas. O clima é de tipo mediterráneo temperado, con temperaturas suaves no inverno e cálidas no verán e abundantes precipitacións pola influencia oceánica. A temperatura media anual é de 14,6°C, con 8,5°C no mes máis frío, xaneiro, e 21,5°C no máis cálido, xullo. As precipitacións superan os 1.500 mm anuais, cunha distribución estacional onde se recollen aproximadamente o 40% das mesmas no inverno, un 25% en primavera e outono, e o 10% restante no verán.
Xeografía humana
A poboación de Ponteareas mantívose practicamente estancada ata o último decenio do s XX. Entre 1900 e 1991, o incremento foi unicamente de 1.845 h, e rexistráronse pequenos descensos en 1920, 1960 e 1970, fronte a un crecemento do 24,6% entre 1991 e 2001. Este crecemento continuou nos anos seguintes e entre 2001 e 20007 situouse no 17,88%. A diferenza do que acontecía hai anos, o crecemento da poboación nun lugar concreto debeuse fundamentalmente ao saldo migratorio. Este balance entre emigrantes e inmigrantes é o principal responsable do recente incremento da poboación, non obstante, o movemento natural tamén contribuíu nos últimos anos a seguir sumando efectivos, rexistrándose índices de natalidade que se sitúan entre os máis positivos de Galicia. Os valores da taxa de natalidade nos primeiros anos do novo milenio son altos en comparación cos do resto da comarca, provincia ou comunidade autónoma, e unicamente superados en Galicia por Ames e Cambre, que experimentaron unha situación similar á de Ponteareas de crecemento demográfico pola influencia do núcleo urbano próximo. O movemento migratorio é o principal protagonista do recente comportamento demográfico con tres dinámicas maioritarias: poboación da comarca que se dirixe ao concello cabeceira, poboación nova proveniente de Vigo que reside en Ponteareas, e que vai traballar diariamente á cidade olívica, e un importante número de inmigrantes que chegaron á cidade nos últimos anos, sobre todo de Portugal e Colombia. Polo que respecta ao crecemento natural da poboación, en 2006 foi positivo (3,2‰) cunha natalidade alta (11,3‰) bastante suoerior á mortalidade (8,1‰). A estrutura por idades sufriu un cambio nos últimos anos pois os menores de 20 son o 21,2% da poboación, superando xa aos maiores de 65, 15,4%; o grupo intermedio representa o 65,8%. Por sexos a composición está desquilibrada a favor das mullrees: 50,99% fronte ao 49,1% de homes. Unha das características máis importantes do modelo de asentamento en Ponteareas é o seu alto grao de dispersión. Os edificios de vivendas aparecen diseminados sobre o territorio, polo que resulta practicamente imposible en numerosas ocasións diferenciar os límites das distintas entidades singulares.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ponteareas é do 52,4% (67,7% a masculinae 38,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 46,6% (62,3% a masculina e 32,5% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 11,1% (8% a masculina e 16,1% a feminina). A economía ten unha base diversificada, aínda que dependente da rexión urbana de Vigo. Na repartición da poboación ocupada por sectores de actividade, no primario figura un 3,2%, na industria un 25,4%, na construción o 16% e no sector servizos o 55,4% restante. Durante a Idade Moderna, as terras do val do Tea viron incrementar os seus rendementos coas novas especies traídas de América, que promoveron unha expansión económica e un crecemento demográfico que ameazou, no s XIX, con romper o equilibrio entre poboación e recursos, e que se resolveu cunha sangueira emigratoria cara ao continente americano. A agricultura amosa unhas características que definen un sector cunha situación ambivalente, por un lado, a existencia dunhas explotacións modernas e rendible, e polo outro unha economía agraria tradicional sen orientación ao mercado que funciona como complemento das rendas que se obteñen noutros sectores de actividade. Dentro das terras labradas sobresae o espazo dedicado ao viñedo, un cultivo que produce viño da subzona Condado de Tea, dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. No caso da gandaría, ten especial relevancia a existencia de varias granxas de porcos, aves e bovinos. No sector secundario, a construción ten un papel destacado grazas ao rápido proceso de expansión edificatoria, que afecta principalmente ao núcleo urbano, aínda que tamén se deixa sentir noutras parroquias do concello. Polo que respecta ao sector terciario, ten unha importante e variada oferta de servizos e bens comerciais diversos polo seu papel como cabeceira comarcal.
Historia
Os restos máis antigos do poboamento do territorio datan de época megalítica, da que se localizou unha machada de metal. Da época castrexa quedaron máis vestixios, dos que destacan a citania de Troña e a acrópole de Fozara, que posteriormente foron romanizados. Salienta a vila romana de Angoares, por onde discorría unha arteria da rede viaria que comunicaba Braga con Iria Flavia. Posteriormente, o territorio foi arrasado polos vándalos (445), e despois pasou a formar parte da igrexa de Santiago de Compostela tras unha doazón de Afonso III (893). Durante a Idade Media estivo baixo o dominio dos señores do castelo de Sobroso, os Sarmiento e os Soutomaior, que influíron na creación do núcleo de Ponteareas no s XV, a partir da concesión dunha mercé de Fernando II de Aragón en 1483 para establecer unha feira mensual no couto de Canedo. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Ponteareas pertenceron á provincia de Tui e estiveron divididas entre as xurisdicións de Sobroso, señorío do marqués de Sobroso, compartida nalgunha parroquia co conde de San Román e diversos señores; Oliveira, señorío do bispo de Tui e outros señores; e Salvaterra, señorío do conde de Salvaterra compartida nalgunha parroquia co marqués de Valadares e outros señores. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, e creáronse daquela os concellos de Guláns e Ponteareas. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial anterior. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se creou o concello de Ponteareas cos seus límites actuais e dentro do partido xudicial do mesmo nome.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de San Pedro de Angoares (s XII), San Salvador de Padróns (s XIII), Santa Mariña de Pías, Santiago de Oliveira, San Mateo de Oliveira e o convento de San Diego de Canedo (s XVIII). Dos pazos e casas que se conservan destaca o pazo ou granxa de Picón en Angoares. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do río Tea, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar no concello salientan as que se celebran en honor de San Bieito en maio; San Xulián de Guláns o 7 de xaneiro; San Miguel o 29 de setembro; a Virxe dos Remedios o 8 de setembro; e a Festa do Corpus Christi en xuño, declarada de Interese Turístico Nacional (1998), onde se elaboran alfombras florais.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Condado, O |
| Extensión | 125 Km2 |
| Poboación Total | 22411 h |
| Poboación Homes | 10983 h |
| Poboación Mulleres | 11428 h |
| Densidade de poboación | 179.29 h/Km2 |