Ponteceso

Ponteceso


Concello da comarca de Bergantiños, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é 43° 14’ de latitude N e 8° 59’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Malpica de Bergantiños (comarca de Bergantiños), ao L cos de Carballo e Coristanco (comarca de Bergantiños), ao S co de Cabana de Bergantiños (comarca de Bergantiños), e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 91,9 km 2 , en que acolle unha poboación de 6.494 h (2007), distribuída nas parroquias de Anllóns, Brantuas, Cores, Corme Aldea, Corme Porto, Cospindo, A Graña, Langueirón, Nemeño, Niñóns, Pazos, Tallo, Tella e Xornes. A capital do concello é Ponteceso, situada na parroquia de Cospindo, localizada a 52 km da cidade da Coruña e a 66 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Carballo.
Xeografía física
O relevo presenta unha gran variedade, é o máis accidentado da comarca e adquire ás veces o aspecto de terra de montaña. Está constituído por un dos rochedos máis antigos de Galicia, unha penechaira do Mesozoico, que posteriormente foi fragmentada por unha rede ortogonal de fallas. Altérnanse montes (bloques de gneis e granítico) cunha acusada pendente con vales, de natureza xistosa, que corresponden a fosas tectónicas. Os montes teñen unha altitude media de 220 m, e deles destaca o monte Branco (271 m), que se eleva sobre a praia de Balarés. No extremo L, a costa de San Amaro acada os 247 m. Moi próximos ao litoral hai unha serie de montes que forman unha pequena serra, que vai desde o monte Nariga (223 m) ata o Roncudo. Os vales sitúanse na fosa tectónica que vai de Ponteceso a Malpica. O relevo marítimo é igualmente moi diversificado, cunha costa elevada e grandes cantís só interrompidos por pequenas calas areosas. No límite meridional do concello ábrese a ría de Corme e Laxe, na súa vertente setentrional; nela a costa é máis recollida, e destacan as praias de Arnela, Osmo, A Ermida e Balarés. No esteiro do río Anllóns a area formou un gran conxunto de dunas de case 2 km de lonxitude e cuns 400 m de anchura media. Climaticamente, o concello inclúese no dominio oceánico húmido. A temperatura media anual é de 13,3°C; o mes máis frío é xaneiro con 7,5°C, o máis cálido, agosto, con 17,3°C, e a oscilación térmica chega aos 9,8°C, cunha variación débil pola proximidade do mar. As precipitacións son abundantes (1.306 mm anuais), favorecidas pola penetración dos ventos húmidos oceánicos. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 36,1% do total anual, e un mínimo no verán, cunha media do 9,9%, o que produce un déficit hídrico estival entre xuño e agosto. Estas precipitacións están matizadas pola altitude e a exposición aos ventos dominantes, xa que son maiores na área costeira que en Ponteceso e nos vales do interior. A rede hidrográfica organízase ao redor do río Anllóns, que desemboca nun esteiro dentro do concello. Os regatos e arroios percorren a diferenza de altitude dos montes próximos ao mar e ao curso do Anllóns. A vexetación natural ocupa case o 40% do concello, e é especialmente intensa a ocupación forestal nos montes. As especies autóctonas foron substituídas en moitas ocasións por piñeiros de repoboación.
Xeografía humana
O concello de Ponteceso tiña ao comezo do s XX unha poboación de 6.987 habitantes e a evolución ao longo deste século seguiu varias tendencias. Ata 1940 a poboación creceu de modo constante por mor dun alto crecemento vexetativo, froito dunha elevada natalidade; nese ano acadouse o máximo demográfico histórico con 9.780 h. Despois, a poboación descendeu progresivamente por mor da emigración, un forte éxodo rural cara ás cidades máis próximas e cara aos países industrializados europeos, especialmente Suíza. Unha vez pechada a corrente emigratoria europea, a mediados da década de 1970 impúxose o éxodo rural cara ás cidades próximas. Con todo, entre 1981 e 1991 cesou a perda de poboación, xa que foi unha época de progreso económico. Esta recuperación cambiou na última década do s XX, xa que a baixa poboacional adquiriu unha nova dimensión cunha perda do 14,05% entre os censos de 1991 e 2001, causada pola caída do crecemento vexetativo, a crise económica e un novo éxodo rural cara á área urbana coruñesa. Este descenso continuou nos anos sucesivos e en 2007 a poboación minguou un -5,96% con respecto á de 2001. En 2006 o crecemento vexetativo era moi negativo, do -8,3‰, xa que a natalidade ten unha taxa moi baixa (5,5‰), e a mortalidade, por un proceso de avellentamento, é elevada (13,8‰). A poboación ata os 20 anos supón o 12,8% do total e os maiores de 65 anos representan o 26,6%; os adultos son o 60,7%. A distribución por sexos amosa un equilibrio, lixeiramente a prol dos homes, co 50,41% da poboación fronte ao 49,58% de mulleres. A vila máis habitada é a de Corme. Predomina a vivenda familiar, malia que existe unha alta porcentaxe de vivendas secundarias e baleiras, produto do fenómeno de despoboamento.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do de Ponteceso é do 47% (58,7% a masculina e 35,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,6% (54,8% a masculina e 32,4% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 7,3% (6,6% a masculina e 8,4% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte un equilibrio entre as diferentes actividades. A industria ocupa ao 20,8% da poboación activa e a construción ao 19%; o sector servizos o 38%, e o primario o 22,2%. O sector primario aparece en boa parte determinado pola configuración xeográfica de Ponteceso, asentado nunha longa franxa, o extremo occidental, penetra no mar e dá lugar a un núcleo marítimo pesqueiro, mentres a outra metade do concello, un continuo terrestre, dá lugar a unha cabeceira agrícola. A pesca e o marisqueo acadan a súa maior importancia en Corme. A pesca de baixura, con capturas de congro e sardiña, crustáceos e mariscos (destaca a notable produción de percebes) caracterizan este sector pesqueiro. A actividade agropecuaria, modernizada e tecnificada, céntrase na gandaría bovina destinada á produción de leite e carne. Na industria, boa parte dos activos traballan fóra do concello, aínda que a recente creación dun parque empresarial en Ponteceso reactivou esta actividade mediante a instalación de pequenos talleres de confección, carpintaría metálica e materiais para a construción. O sector da construción mantén unha proporción de activos notable, tanto en obras locais coma fóra do concello, ao redor de pequenas empresas. Os servizos están representados nos dous núcleos que comparten a referencia básica do concello, Ponteceso e Corme. Na cabeceira municipal aglutínanse as funcións administrativas, comerciais e as dotacións e equipamentos públicos principais. Corme ten unha función comercial e un crecente turismo estival. Con todo, é Carballo, cabeceira da comarca, a vila de referencia para as funcións terciarias máis especializadas. As estradas locais conforman o conxunto de comunicacións do concello.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados datan de época megalítica, dos que salientan tamén os castros conservados en Anllóns, Cores, Illa da Estrela, Nemeño, Niñóns e Xornes. A presenza dos romanos constatouse con algúns restos materiais e algún tramo de vías que se conserva. No s IX, san Rosendo, bispo de Santiago de Compostela, fundou o desaparecido mosteiro de Almerezo, hoxe igrexa parroquial de San Vicenzo da Graña, que chegou a ter xurisdición propia. En 1175 pasou por doazón de Fernando II á xurisdición do mosteiro de Sobrado. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Ponteceso pertenceron a varias xurisdicións da provincia de Santiago de Compostela: Anllóns, señorío de Xoaquín de Lamas; Almerezo, señorío do mosteiro de Sobrado; Malpica, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Mens, señorío do conde de Altamira; Penela, señorío de Xusto Manuel Varela; e o couto redondo de Xornes, señorío do bispo de Mondoñedo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello de Brantuas, dentro do partido xudicial de Sísamo. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión deste concello e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, e no lugar do actual Ponteceso situouse o concello de Bugalleira, lugar onde estaba a cabeceira municipal, coas parroquias actuais, agás as de Corme Aldea e Tella, que non existían. En 1866 a capital e nome do concello cambiaron polo de Ponteceso.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, salientan, entre outras, as igrexas parroquiais de San Martiño de Cores, San Vicenzo da Graña ou San Tomé de Nemeño. Da arquitectura militar destacan as torres de Tallo, declaradas BIC en 1994. Sobresaen tamén os pazos de Pondal en Ponteceso, onde naceu Eduardo Pondal, e os de Sergude e Nemeño en Xornes. Cómpre salientar unha especie de cruceiro, a Pedra da Serpe, situado en Gondomil (Corme Aldea). Do seu patrimonio natural destacan os espazos da Costa da Morte e do río Anllóns, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar no concello destaca a romaría da Virxe do Faro, celebrada en setembro, e a da Barquiña en Ponteceso, tamén en setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Bergantiños
Extensión 91 Km2
Poboación Total 6494 h
Poboación Homes 3274 h
Poboación Mulleres 322 h
Densidade de poboación 71.36 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias