Pontecesures
Concello da comarca de Caldas, situado na provincia de Pontevedra ao O da Comunidade Autónoma de Galicia, ao N da provincia de Pontevedra e a 42° 43’ de latitude N e 8° 39’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Padrón (comarca do Sar), ao L co concello da Estrada (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), e ao S e ao O co concello de Valga (comarca de Caldas). Abrangue unha superficie de 6,7 km 2 , en que acolle unha poboación de 3.139 h (2007), distribuída nunha soa parroquia, Pontecesures. A capital do concello é o lugar de Infesta, localizado a 35 km ao N da cidade de Pontevedra e a 24 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Caldas de Reis.
Xeografía física
Trátase dun concello de pouca superficie e que morfoloxicamente presenta dúas unidades diferenciadas. A metade occidental é practicamente chá, cunha altitude media moi baixa, ao redor do río Ulla, preto da súa desembocadura na ría de Arousa, formando parte da veiga de Padrón. Esta chaira só está alterada pola pequena elevación do monte do Porto (41 m). A metade oriental é unha área de relevo máis pronunciado formado por montes cunha altitude máxima de 374 m (monte Salgueira), que van perdendo altitude de L a O. Climaticamente, o concello entra dentro do dominio oceánico húmido, cunhas temperaturas moderadas ao longo do ano. A temperatura media anual é de 14,6°C, cunha temperatura media de 9°C no mes máis frío, xaneiro, e unha media de 21°C no mes máis cálido, xullo. Grazas á influencia do mar, a oscilación térmica é de 12°C, cunha leve variación debida aos suaves invernos e temperados veráns. A localización xeográfica próxima ao mar provoca tamén que a influencia dos ventos húmidos marítimos orixine precipitacións superiores aos 1.500 mm anuais. O réxime pluviométrico ten un marcado máximo a finais de outono e inverno, e un mínimo estival moi acusado. A rede hidrográfica está dominada polo río Ulla, límite municipal e provincial. Nas elevacións orientais hai pequenos arroios que conflúen no Ulla, que comeza aquí o seu esteiro. A vexetación natural concéntrase na metade oriental do concello, pois a parte correspondente ao val do Ulla está densamente ocupada polo home. Na área máis elevada, os bosques de repoboación de piñeiros e eucaliptos substituíron practicamente na súa totalidade as especies autóctonas, mentres que nas beiras do Ulla se desenvolven especies ripícolas.
Xeografía humana
O concello de Pontecesures tiña a comezos do s XX unha poboación de 1.775 h, e non deixou de medrar durante todo o século, aínda que fose a ritmos curtos e con aumentos equilibrados. As cifras dos censos reflicten este crecemento; en 1930 a poboación era de 1.811 h, en 1950 de 2.105 h, en 1970 de 2.560 h e en 1991 de 2.915 h. Con todo, as causas deste aumento demográfico foron diversas: na primeira metade do s XX foi principalmente un alto crecemento vexetativo, que compensou sobradamente os movementos emigratorios do concello. Mentres este incremento natural caía da man dun descenso sostido da natalidade, e tamén aumentaba o proceso de éxodo rural cara ás cidades próximas, o desenvolvemento do núcleo urbano do concello propiciou o éxito demográfico. Pontecesures é un concello de pequena extensión que concentra a súa poboación nunha área de carácter urbano, ao redor dos núcleos de Infesta e Pontecesures. Este poboamento experimentou un desenvolvemento económico positivo, produto da súa idónea instalación como área de bifurcación das principais vías de comunicación por estrada do litoral S de Galicia e a súa situación no ecuador da comunidade. A expansión dos sectores secundario e terciario aseguraron unha economía local puxante que xustificou o crecemento. En 2001 seguiu o mesmo incremento poboacional, cun 5,23%. O máximo histórico acadouse co padrón de 2007: 3.139 h. En 2006 o crecemento natural foi de signo positivo (1,5‰) como consecuencia dunha taxa de natalidade (11,4‰) superior á de mortalidade (9,9‰). A poboación de ata os 20 anos supuxo o 19,8% do total, mentres que os maiores de 65 anos representan o 14,5%; o grupo intermedio o 65,8%. A distribución por sexos amosa un equilibrio lixeiramente a prol das mulleres, que constitúen o 50,17% fronte ao 48,82% de homes. Existe unha forte concentración dos habitantes do concello nos núcleos que, de forma continua, forman o centro urbano, fronte ás aldeas máis dispersas. Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Pontecesures é do 56,6% (71,2% a masculina e 42,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,6% (63,3% a masculina e 32,5% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 15,8% (11% a masculina e 23,6% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte o papel preponderante do sector servizos, que emprega o 47,2% dos ocupados, seguido polo secundario, co 44,1%, dividido entre o 34,8% da industria e o 9,3% da construción. O sector primario ocupa tan só ao 8,7% (7,1% do total dos ocupados no sector pesqueiro). A estratéxica situación xeográfica de Pontecesures e o seu reducido tamaño proporciónanlle unha serie de vantaxes económicas. A principal é o desenvolvemento dunha economía claramente urbana, pois son os sectores secundario e terciario os que sosteñen a actividade do concello. Destaca o papel da industria, tanto polo volume de emprego como pola facturación. A empresa de transformados lácteos (Nestlé SA) e outras menores convertéronse nos eixes da súa actividade industrial. O subsector da construción e o sector servizos tamén se desenvolveron notablemente, en especial nos últimos anos do s XX e principios do XXI, ao tempo que progresaba o parque de vivendas do concello. Pontecesures goza da proximidade das principais cidades do S de Galicia, perfectamente comunicadas por estrada e ferrocarril, e de Santiago de Compostela. A veciña vila de Padrón, coa que mantén un nexo tradicional, e a cabeceira comarcal de Caldas tamén abastecen de certos servizos administrativos, públicos e comerciais. Con todo, en Pontecesures o terciario aumentou co seu carácter urbano e fomentouse o comercio, as empresas de transportes e a hostalaría. O sector agropecuario xoga, pola contra, un papel moito menor, pois se concentra nas aldeas do interior, fóra do núcleo Infesta-Pontecesures. Forman unha pequena periferia rural dentro deste reducido concello. Por último, a pesca mantén unha participación testemuñal na economía local. Subsisten no porto fluvial do Ulla certas prácticas pesqueiras, aínda que cun aumento do seu uso recreativo e de ocio. A rede de comunicacións é complexa e variada pola condición de área de paso da vila. Polo concello discorren a autoestrada AP-9 e a N-550, Santiago-Vigo. A estrada PO-550, de Pontecesures a Vilagarcía de Arousa, e pequenas vías locais complementan esta rede. Tamén transcorre polo concello a liña de ferrocarril de Coruña a Vigo, e conta cunha estación.
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos localizados datan de época castrexa, como o castro de Infesta, e constatan o antigo poboamento das ribeiras do Ulla. O descubrimento dos restos do apóstolo Santiago no s IX e o posterior auxe das peregrinacións a Santiago de Compostela, fixo que a vila se convertese nunha das encrucilladas do Camiño de Santiago. O porto fluvial de Pontecesures tivo unha grande importancia a finais do medievo e inicios da Idade Moderna. En tempos do arcebispo Xelmírez estableceuse nel un estaleiro para construír a armada de Castela, que debía facer fronte a normandos e sarracenos. No s XV posuía o monopolio da concesión real para carga e descarga de sal e en 1795 o Rei Carlos IV mandou construír na vila o almacén da Renda de Tabacos. Durante o Antigo Réxime, o actual concello constituía unha parroquia do de Padrón, chamada Requeixo, e pertencía á xurisdición de Padrón, administrada polo arcebispo de Santiago de Compostela, dentro da provincia de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. En 1822 creouse o concello de Requeixo, coas parroquias de Requeixo e Campaña, e a vila pasou do partido xudicial de Padrón ao de Caldas de Reis, pertencente á provincia de Vigo. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión deste concello e a restauración do réxime señorial. En 1835 recuperouse a división municipal do territorio e en 1881 Afonso XII concedeu a Requeixo o título de Vila de San Luís de Cesures. Co nome de Requeixo pertenceu ao concello de Valga, ata que en 1924 se asinou o Pacto de Devesa entre os representantes de Valga e Pontecesures e, ao ano seguinte, converteuse nun concello independente. Entre 1965 e 1982 pertenceu ao partido xudicial de Pontevedra e desde entón ata 1988 ao de Vilargacía de Arousa. Nesta última data adscribiuse ao partido xudicial de Caldas de Reis.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destaca a igrexa parroquial de San Xulián de Pontecesures, que conserva restos románicos, o pazo da Cova (s XVIII), o almacén da Renda de Tabacos, as casas do Alfolín (s XVIII) e a ponte de Pontecesures sobre o río Ulla. Sobresaen tamén os cruceiros da Obra Pía de San Lázaro (s XIV) e o de Carreiras (s XVIII). Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Sistema Fluvial Ulla-Deza, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas relixiosas cómpre destacar as que se fan en honor da Virxe do Carme en xullo, a romaría de San Lázaro e a de San Xulián o 7 de xaneiro. Das festas gastronómicas destaca a do mexillón de San Roque e a Festa dos ovos con chourizos.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Caldas |
| Extensión | 6 Km2 |
| Poboación Total | 3139 h |
| Poboación Homes | 1564 h |
| Poboación Mulleres | 1575 h |
| Densidade de poboación | 523.17 h/Km2 |
Parroquias
| Pontecesures |