Pontedeume
Concello da comarca do Eume, situado ao NO da Comunidade Autónoma de Galicia e ao O da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é 43° 24’ de latitude N e 8° 10’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Cabanas (comarca do Eume), ao L co concello de Monfero (comarca do Eume), ao S cos concellos de Miño e Vilarmaior (comarca de Betanzos), e ao O coa ría de Ares. Abrangue unha superficie de 29,3 km 2 , en que acolle unha poboación de 8.635 h (2007), distribuída entre as parroquias de Andrade, Boebre, Breamo, Centroña, Nogueirosa, Ombre, Pontedeume e Vilar. A capital do concello é Pontedeume, na parroquia homónima, localizada a 45 km da cidade da Coruña e a 77 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago ao partido xudicial de Betanzos.
Xeografía física
O concello sitúase na marxe meridional da ría de Ares na que desemboca o Eume e morfoloxicamente pódense diferenciar dúas unidades. A primeira é a ampla veiga que se forma no fondo da ría, onde están as parroquias de Ombre, Nogueirosa, Vilar e a propia vila de Pontedeume. Neste espazo, unha pequena serra formada polos contrafortes occidentais da serra da Loba, pecha o val polo S; as súas maiores alturas están no monte Queimado (403 m), Allegue (411 m) e Castrelo (329 m). A segunda unidade está formada pola estreita franxa costeira que se abre cara á boca da ría ao pé do monte Breamo, onde están as parroquias de Centroña e Boebre. O relevo costeiro é xeralmente abrupto e alto, e a praia de Ver é a máis significativa. O val do Eume vai encaixándose cara ao L, debido á maior resistencia dos materiais cristalinos que aparecen neste espazo. Climaticamente, o concello entra dentro do dominio oceánico húmido. A influencia do mar suaviza as temperaturas e reduce os contrastes térmicos; a temperatura media anual é de 13,5°C, o mes máis frío é xaneiro, con 9°C de media, o máis cálido agosto, con 18°C, cunha oscilación térmica que chega aos 9°C. As precipitacións son relativamente elevadas, xa que ao ano se recollen 1.100 mm. Os ventos húmidos oceánicos que penetran polo O e o SO explican unha máxima pluviométrica nos meses de outono e inverno, aínda que en verán hai un pequeno déficit hídrico. O efecto de abrigo da ría ante situacións do NO orixina que o total de precipitacións sexa menor que noutras áreas do litoral galego. A rede hidrográfica está marcada polo río Eume e os seus afluentes, ademais do río Esteiro. O Eume marca a fronteira setentrional do concello e os seus afluentes percorren o territorio de forma latitudinal. Cara ao S, Andrade e Campolongo actúan de interfluvio entre os ríos Eume e Baxoi. A vexetación natural, aínda que ocupa unha importante proporción de terreo, está fortemente alterada pola intensa ocupación humana. Pódense localizar pequenos restos de bosques de caducifolias en certos sectores do Eume e do litoral. Con todo, son as especies de repoboación, piñeiros e eucaliptos, as predominantes.
Xeografía humana
O concello de Pontedeume tiña ao comezo do s XX un total de 5.943 h, unha poboación que na primeira metade do s XX foi en continuo ascenso, e que en 1950 era de 8.286 persoas. Este importante crecemento foise fortalecendo grazas a un forte crecemento vexetativo, malia as crises conxunturais como a derivada da Guerra Civil. Tras estas datas, a evolución demográfica estabilizouse. Entre 1950 e 1970 a poboación descendeu lixeiramente, pois aínda que se mantivo o crecemento natural, tamén actuou o éxodo rural cara ás próximas cidades da Coruña e Ferrol, ademais da corrente emigratoria externa común en toda Galicia. Cando na década de 1970 se freou a marcha cara ao estranxeiro, o retorno de emigrantes anteriores cambiou a dinámica e aumentou a poboación. Malia o descenso da natalidade, tivo un desenvolvemento económico como vila intermedia do Golfo Ártabro que deu lugar a que no censo de 1991 se acadase o máximo poboacional histórico con 8.817 h. Este proceso de crecemento demográfico freouse na derradeira década do s XX, xa que no censo de 2001 a poboación volveu descender lixeiramente nun 1,37% e no padrón de 2007 volveu a descender, un 0,70% con respecto a 2001. Neste descenso actuou un crecemento natural de signo negativo (-6,2‰, 2006), como consecuencia dunha baixa taxa de natalidade (7,3‰) inferior á de mortalidade (13,5‰). Esta dinámica natural é, á súa vez, causa e consecuencia dunha estrutura demográfica relativamente vella. A poboación ata os 20 anos supón o 16,1% do total e os maiores de 65 anos representan o 19,8%; o grupo intermedio representa o 64,1%. A distribución por sexos amosa unha porcentaxe a prol das mulleres cun 51,62% fronte ao 48,37% de homes. O grao de envellecemento e a maior lonxevidade natural das mulleres explican esta diferenza entre sexos. Existe unha concentración dos habitantes do concello no núcleo urbano.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Pontedeume é do 48,2% (61,4% a masculina e 36% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,8% (55% a masculina e 27,7% a feminina); e a taxa de paro sitúase no 15,3% (10,4% a masculina e 23% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos amosa unha gran relevancia do sector servizos, que emprega ao 60,9% dos ocupados. O sector secundario representa tamén unha alta porcentaxe, o 34,9%; repartida entre un 22,9% da industria e un 12% da construción. Pola contra, o sector primario só emprega ao 4,1% do total (2% na agricultura e gandaría e 2,1% na pesca). Pontedeume desenvolveu a súa economía en base á súa localización intermedia no eixe da Coruña e Ferrol, pola súa condición de cabeceira comarcal e o pulo adquirido polo sector industrial desde a década de 1980. A agricultura e a gandaría, co seu papel residual, limítanse aos lugares máis afastados do desenvolvemento urbano e industrial, mentres que a pesca é apenas testemuñal. Na industria, a evolución foi á inversa; en décadas pasadas os obreiros que residían no concello traballaban principalmente na área urbana ferrolá, aínda que co tempo apareceu un tecido industrial diversificado no concello. Empresas de materiais de construción, maquinaría agrícola, serradoiros, madeira e outras forman unha industria diversificada. A expansión do sector da construción, coa multiplicación de novas vivendas, complementa o secundario. Con todo, é o sector servizos o que caracteriza a economía local. A súa condición de cabeceira comarcal e o propio desenvolvemento da vila fortaleceu un terciario urbano variado. Comercios, bancos, colexios ou equipamentos sanitarios atenden a poboación de toda a comarca. Por outro lado, a existencia de praias fai que se formen centros turísticos estacionais de sol e praia. A rede terrestre de comunicacións conta coa autoestrada AP-9, que ten unha saída á vila de Pontedeume, a N-651, ademais de estradas locais que completan esta rede. A liña férrea de Madrid a Ferrol por Astorga ten unha estación no concello.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados pertencen á época castrexa, da que destacan os castros de punta Carboeira e Centroña. En Centroña constatouse tamén a existencia dun poboamento romano. En 1270 Afonso X o Sabio concedeu aos veciños da comarca a autorización para construír unha cidade no lugar de Ponte do Eume con goberno autónomo, e con dependencia unicamente do rei. En 1371 Enrique II de Castela concedeu o señorío da vila a Fernán Pérez de Andrade o Bo en pago pola súa colaboración na guerra que o rei mantivera co seu irmán Pedro I. A partir de entón os Andrade aumentaron os seus dominios na comarca e anexionaron pola forza as propiedades da Igrexa ata acadar territorios extensos ata Ferrol, Vilalba e Betanzos. O poder que exercía esta familia e os elevados impostos que cargaban aos seus súbditos motivou a Primeira Guerra Irmandiña en 1431, dirixida por Roi Xordo contra Nuno Freire de Andrade. A vila, ben amurallada, fixo fracasar o primeiro intento dos sublevados, pero na segunda tentativa, capitaneada por Alonso de Lanzós, este apoderouse de Pontedeume durante un tempo. Despois a casa de Andrade seguiu exercendo o señorío ata a súa abolición no s XIX, se ben no s XVI a falta de descendencia provocou que os títulos e dereitos pasaran por razóns matrimoniais á casa de Lemos e, máis tarde, á de Alba. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Pontedeume pertenceron á xurisdición de Pontedeume, señorío do conde de Lemos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio; daquela creáronse os concellos de Nogueirosa e Pontedeume, ambos os dous no partido xudicial de Pontedeume. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial anterior. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, data en que xurdiu o concello de Pontedeume, pertencente ao partido xudicial homónimo e dentro da provincia da Coruña. Desde entón non sufriu variacións nos seus límites parroquiais e en 1965 incorporouse ao partido xudicial de Betanzos.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de San Miguel de Breamo e Santiago en Pontedeume (s XVI), o convento de Santo Agostiño e a capela das Virtudes (s XVII). Das mostras da arquitectura civil salientan a Cátedra de Latinidade (s XVI), a casa do arcebispo Rajoy (s XVIII), o pazo de Andrade (BIC, 1924), a torre de Andrade en Nogueirosa (BIC,1994) e a ponte sobre o Eume. Do seu patrimonio cultural destaca o Parque Natural das Fragas do Eume. Das festas que se celebran no concello destacan as de San Cristovo o 10 de xullo, a Virxe do Carme o 16 de xullo, as patronais en honor de San Miguel o 29 de setembro, a Virxe das Virtudes en novembro, e a romaría de Breamo o 8 de maio.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Eume |
| Extensión | 29 Km2 |
| Poboación Total | 8635 h |
| Poboación Homes | 4177 h |
| Poboación Mulleres | 4458 h |
| Densidade de poboación | 297.76 h/Km2 |
Parroquias
| Andrade |
| Boebre |
| Breamo |
| Centroña |
| Nogueirosa |
| Ombre |
| Pontedeume |
| Vilar |