Pontenova, A

Pontenova, A


Concello da comarca da Mariña Oriental, situado na provincia de Lugo ao NL da Comunidade Autónoma de Galicia, ao L da provincia de Lugo, e a 43° 21’ de latitude N e 7° 11’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Trabada (comarca da Mariña Oriental), ao L con Asturias, ao S coa Fonsagrada (comarca da Fonsagrada), Ribeira de Piquín e Riotorto (ambos os dous na comarca de Meira), e ao O de novo con Riotorto. Abrangue unha superficie de 135,8 km2cunha poboación de 2.971 h (2007), distribuída nas parroquias de Bogo, Conforto, A Pontenova, Rececende, Santo Estevo de Rececende, Vilaboa, Vilameá, Vilaoudriz, Vilaouruz, Vilarmide e Xudán. A súa capital é o lugar da Pontenova, na parroquia homónima, que se sitúa a 55 km ao NL da cidade de Lugo e a 142 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Mondoñedo e ao partido xudicial de Mondoñedo.
Xeografía física
A Pontenova é un extenso concello que marca a transición entre a costa máis oriental da provincia de Lugo e a área alta do N da mesma. Sitúase entre as serras prelitorais, que forman o bordo setentrional da meseta lucense e as serras orientais. O seu territorio correspóndese co val alto do río Eo, que discorre nun forte cabalgamento entre ambas as dúas aliñacións montañosas, debido á alternancia de materiais de lousa, cuarcíticos e calcarios. Boa parte do concello forma parte deste val, con fortes pendentes e pequenos niveis de terrazas. Os seus afluentes tamén forman vales moi estreitos. As áreas montañosas periféricas teñen altitudes comprendidas entre 400 e 500 m, ascendendo nos contrafortes das serras orientais ata os 800 m. Forman montes redondeados, como o Torrontoio (545 m), o alto de Rego Seco (540 m) ou o Contal (540 m). No L, os montes vólvense máis accidentados e acádanse maiores altitudes como o Caleiro (802 m), o Cerrodrán (776 m) e o chao de Fontegordo (767 m). Climaticamente, o concello inclúese no dominio oceánico con trazos de continentalidade, un clima de transición propio da área interior da Mariña Lucense. A temperatura media anual é de 12,5°C, suave aínda que máis baixa ca no litoral. A diferenza entre o mes máis frío e o máis cálido tamén dá lugar a unha oscilación superior á da costa. De N a S aumentan os trazos continentais das temperaturas. As precipitacións son elevadas pola influencia dos ventos húmidos que entran polo Cantábrico. De forma regular caen un total de 1.200 mm anuais, mentres que os meses máis húmidos son xaneiro, febreiro e marzo, e os máis secos xullo e agosto, o que dá lugar a un déficit hídrico estival. A rede hidrográfica está marcada polo río Eo, que atravesa o concello de S a N. Os principais afluentes do Eo dentro do concello son o Xudán, o Turia, o Bidueiro e o Torto, que conforman unha complexa e rica conca hidrográfica. A vexetación natural ocupa a meirande parte do concello e destaca pola variedade de formas e especies. As pendentes dos vales marcan un ascenso de pisos vexetativos desde as ripícolas das ribeiras dos ríos ata o monte baixo, e matogueira de toxos e xestas nos cumes. Predominan as árbores de repoboación como piñeiros e eucaliptos, pero consérvanse áreas de especies autóctonas.
Xeografía humana
O concello da Pontenova tiña a comezos do s XX unha poboación de 6.525 h, nunhas cifras que dobraban as de 2001. Durante o primeiro cuarto de século converteuse nunha área de desenvolvemento demográfico grazas ao auxe da actividade mineira. Esgotados estes recursos mineiros (en 1940 a poboación era aínda de 6.201 h), iniciouse unha caída que continúa. Entre 1950 e 1975 tivo lugar un intenso proceso migratorio, cun éxodo rural que reduciu a poboación nun 24,17%, sobre todo adultos novos que avellentaron a estrutura poboacional. Máis tarde, unha vez freado o proceso máis intenso de emigración, a caída da xa reducida natalidade impediu a recuperación demográfica. En 2001 a perda de poboación continuou a razón dun -14,36%. E entre esta data e 2007 o descenso foi do -8,24%. O crecemento natural (2006) foi dun -10,2‰ e a taxa de natalidade tan só acadou un 3,6‰, mentres que a mortalidade se situou nun 13,8‰. Esta dinámica natural é á súa vez causa e consecuencia dunha estrutura demográfica avellentada, cunha poboación menor de 20 anos que supón o 11,7% do total, e unha poboación maior de 65 anos que representa o 33,7%. A distribución por sexos amosa unha maioría a prol das mulleres, que constitúen o 51,09% fronte ao 48,90% de homes. O núcleo máis poboado é a vila da Pontenova.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Pontenova é do 43,2% (53,2% a masculina e 33,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,2% (50,8% a masculina e 32,1% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 4,7% (4,4% a masculina e 5,1% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte unha repartición, onde destaca o sector servizos co 45,6%. A industria dá traballo ao 15% da poboación ocupada e compleméntase cun sector da construción (12,8%), baseado en pequenas e medianas empresas que desenvolven a súa actividade na comarca. O sector primario ocupa ao 26,7% da poboación activa. A agricultura e a gandaría, tradicionalmente limitadas pola orografía do concello, seguen participando na estrutura económica de forma notable. Na actividade agraria modernizáronse e melloráronse as explotacións nos últimos anos. Destaca o cultivo de trigo, millo e patacas, e na gandaría a especialización dalgunhas parroquias, máis favorecidas para os pastos, no vacún destinado á produción de leite. Tamén se activou unha explotación madeireira mediante a repoboación forestal. A tradición industrial da Pontenova é antiga, e a principios do s XX contaba con xacementos de limonita, xa pechados. Destaca a fábrica IPV, especializada en vehículos militares, que emprega a meirande parte dos traballadores do sector secundario. O resto do tecido fabril municipal está composto por pequenas empresas do metal e da madeira. O establecemento dun polígono industrial favoreceu o crecemento desta actividade, aínda que no seu interior tamén se desenvolven funcións terciarias, concentradas na vila da Pontenova. A súa localización illada e o seu recente crecemento urbano convertérona nun lugar onde hai comercio, hostalaría, transportes e institucións básicas. O concello posúe así unha economía local diversificada e con tendencia ao crecemento, aínda que dependente da principal empresa industrial localizada neste termo. A vía de comunicación máis importante é a estrada N-640, de Caldas de Reis a Vegadeo, que cruza o concello de N a S.
Historia
As primeiras referencias históricas rexístranse en numerosos restos arqueolóxicos, como o dolmen de Pedra de Arca (A Pontenova), ou os castros do Bispo (Rececende), de Vilameá ou de Goios, na Pontenova. Antes do s XVI houbo un castelo e unha fortaleza que mandou destruír Diego Fernández de Boulloso, quen recibiu en foro do bispo de Mondoñedo os montes e propiedades de Castelo. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello da Pontenova, pertenceron ás xurisdicións de Miranda, rexida polos seus veciños; Rececende, rexida por un fidalgo; Vilaformán, señorío do bispo de Mondoñedo; e o couto redondo de Vilameá, rexido polos seus veciños. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela, produciuse a creación dos concellos de Conforto, Miranda e Vilameá. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Creáronse os concellos de Vilaoudriz e Vilameá, que cambiou o seu nome polo de Puente Nuevo en 1950. En 1963 fusionáronse baixo o nome de Puente Nuevo-Vilaoudriz e en 1979 acordouse a denominación do concello como A Pontenova. Desde principios do s XX tivo lugar un especial desenvolvemento da minaría e a Sociedad Minera de Vilaoudriz, bilbaína, construíu fornos de limonita para explotar as concesións situadas nas proximidades do río Eo. A importancia desta actividade fixo que se construíra un ferrocarril en 1905 para transportar o mineral a Ribadeo, unha vía que pechou en 1964.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os xacementos mineiros que se converteron nun dos principais enclaves da arqueoloxía industrial da comunidade galega. Destacan as igrexas parroquiais de San Pedro de Bogo, Santa María de Conforto (ss XVI-XVII), San Xulián de Vilaboa (s XVII), San Vicente de Vilameá, Santiago de Vilaoudriz (s XVI), San Salvador de Vilarmide e Santa María Madalena de Xudán, e o pazo de Vilaxe, en Xudán. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Carballido, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro Rede Natura 2000. Celebra a festa de San Lucas, con feira de gando, e a Festa da Troita, ambas as dúas na parroquia da Pontenova.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Oriental, A
Extensión 135 Km2
Poboación Total 2971 h
Poboación Homes 1453 h
Poboación Mulleres 1518 h
Densidade de poboación 22.01 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias