Pontevedra

Pontevedra


Concello capital da comarca e da provincia homónima, situado ao SO da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 26’ 2” de latitude N e 9° 21’ 8” de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Barro e Campo Lameiro (comarca de Pontevedra), ao L cos de Cotobade e Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra), ao S cos de Soutomaior (comarca de Vigo), Marín (comarca do Morrazo) e Vilaboa (comarca de Pontevedra), e ao O co de Poio (comarca de Pontevedra) e coa ría de Pontevedra. Abrangue unha superficie de 118,3 km 2 , en que acolle unha poboación de 80.202 h (2001), distribuída entre as parroquias de Alba, Bora, Campañó, A Canicouva, Cerponzóns, Lérez, Lourizán, Marcón, Mourente, Ponte Sampaio, Pontevedra, Salcedo, San Xosé, Santa María de Xeve, Tomeza, Verducido, A Virxe do Camiño e Xeve. A capital está na cidade de Pontevedra, localizada a 59 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquiarquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Pontevedra.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
O relevo do concello está definido por tres unidades fundamentais: a ría de Pontevedra, a Depresión Meridiana e o val do río Lérez. No punto de contacto entre eles aséntase o núcleo urbano. As maiores altitudes rexístranse no sector setentrional; cara ao NO chega aos 614 m no Castrove, na parroquia de Campañó, e cara ao NL, aos 537 m no Outeiro do Loural, na parroquia de Santa María de Xeve. Entre estes dous sectores está a Depresión Meridiana, que é aproveitada polos leitos fluviais e as vías de comunicación para dirixir o seu percorrido polo concello. Así, o N do núcleo urbano, a vía do ferrocarril, a N-550 e a AP-9 seguen esta fosa tectónica en parte do seu trazado. No interior do concello as alturas son moito menores, destaca o Outeiro de Meáns (351 m), o Outeiro dos Moros (307 m), o alto de Mourente (245 m) ou o monte das Pías (190 m). Na composición xeolóxica do concello destaca a alternancia de dúas rochas: o granito con feldespato alcalino e o gneis glandular, aos que se lles unen os diferentes depósitos sedimentarios, extensos aínda que pouco potentes, con todas as súas variantes: aluviais, coluviais, de marisma, dunares e de dexección.
Climatoloxía
O clima de Pontevedra sitúase no dominio climático oceánico hiperhúmido con tendencia á aridez estival. A temperatura media anual é de 14°C, o mes máis frío é xaneiro con 9°C, o máis cálido é xullo con 9°C e a amplitude térmica extrema chega aos 10°C. A precipitación media anual é de 1.500 mm, no período que vai de novembro a xaneiro recóllense o 40% das precipitacións fronte ao 8% que se recolle no verán, o que provoca unha marcada seca estival. Estas precipitacións están favorecidas pola axeitada orientación da ría de Pontevedra fronte á entrada dos ventos do SO que propicia a chegada de fluxos húmidos procedentes do océano. No sector setentrional, onde están as principais altitudes do concello, as precipitacións son máis abundantes ca no litoral.
Hidrografía e vexetación
A rede hidrográfica organízase ao redor do río Lérez, que forma en parte do seu percorrido o límite con Cotobade, para atravesar logo o concello en sentido L-O ata a cidade e a desembocadura na ría. Dos seus afluentes destaca o Reigosa pola dereita e o Granda e o Rons pola esquerda, que forma o encoro do Pontillón de Castro. Ademais tamén destaca o Tomeza, que segue a Depresion Meridiana cunha dirección S-N e desemboca no fondo da ría de Pontevedra. A cidade tamén está atravesada polo río Gafos. A vexetación autóctona está moi degradada pola forte ocupación humana do espazo; a maior parte dos montes do concello están cubertos por repoboacións de rápido crecemento, como piñeiros e eucaliptos, que teñen unha clara orientación económica; a vexetación clímax só se observa en exemplares illados.
Xeografía humana

Demografía
O número de habitantes de Pontevedra, 80.202 (2007), sitúa a cidade como unha das sete cidades de Galicia menos poboada, a pouca distancia de Ferrol, e como unha das dez capitais provinciais de menor tamaño demográfico de España, como consecuencia do desenvolvemento da rexión urbana viguesa coa que forma un eixe intensamente poboado. A evolución ao longo do s XX amosa unha tendencia alcista en cada período intercensual, cun ritmo débil ata a década de 1970 que se volveu a repetir na derradeira década do s XX. Así, entre 1960 e 1970, o índice de crecemento foi do 3,9%, na década seguinte do 24,2%, entre 1981 e 1991 do 15,4%, e desde este último ano ao 2001 do 2,2%; entre 2001 e 2007 o crecemento foi fo 7,01%. A taxa de natalidade no concello de Pontevedra en 2006 foi do 9,8‰, un valor reducido pero similar aos rexistrados de media noutras capitais provinciais españolas. Pola súa parte, a taxa de mortalidade foi do 8‰, do que se deduce un crecemento vexetativo positivo, do 1,8‰. A estrutura por idades amosa unha certa tendencia ao avellentamento, aínda que moito máis débil que a experimentada por outros concellos rurais do interior da provincia. Os maiores de 65 anos representan o 15,9% e os menores de 20 abis i 19,2%; o grupo intermedio representa o 64,8%. Na distribución por sexos a situación é claramente favorable ás mulleres: 52,37% fronte ao 47,62% de homes.
Evolución do plano urbano
O conxunto do plano urbano de Pontevedra reflicte a historia da cidade, o seu pasado mariñeiro e a súa situación nun nó de comunicacións. A construción da ponte romana sobre o río Lérez foi o elemento decisivo para a conformación do núcleo habitado. Foi no s XII coa política do Rei Fernando II de Galicia cando se produciu unha primeira expansión do pequeno núcleo; neste século construíuse unha nova ponte, hoxe modificada. No s XV comezou unha segunda expansión que chegou ao seu máximo esplendor no século seguinte, como constatan as edificacións destes séculos na arquitectura local. No s XV xa se distinguen dúas partes que configuran a cidade, O Burgo amurallado e o barrio pesqueiro e mariñeiro da Moureira. O recinto amurallado organizábase ao redor da igrexa de Santa Clara, que xa estaba no recinto extramuros, e o convento de San Francisco. As súas rúas ordenábanse a partir dun eixe principal que constituían as actuais rúas de Isabel II e Sarmiento, e as perpendiculares destas. Xa neste plano tiña grande importancia a gran cantidade de espazos baleiros destinados a actividades comerciais e públicas. A muralla contaba coas portas da Ponte, situada sobre a ponte do Burgo e que comunicaba co Camiño Portugués; a porta de Santa Clara, nas proximidades do convento homónimo; a porta de Trabancas, que comunicaba a praza da Ferrería co camiño de Tui; a porta da Vila ou de San Domingos, que estaba pegada ás Casas do Concello e que conforma moi alterada a entrada da delegación de Facenda; e a porta de Santa María, situada baixo a fachada principal da basílica de Santa María. Ademais existían outras portas de servizo. Fóra dos muros estaba o barrio mariñeiro da Moureira, que se estendía desde a ponte do Burgo ata a desembocadura do río Gafos. Estaba dividido entre A Moureira de Arriba, situada preto da ponte do Burgo, A Moureira da Barca, próxima a Poio, e A Moureira de Abaixo, que conforma o barrio de San Roque. A prosperidade da cidade viuse truncada por un retroceso no s XVII e sobre todo no XVIII, séculos en que perdurou o amurallado, pero non outros edificios de interese, que foron destruídos ou substituídos. A comezos do s XIX produciuse un lixeiro aumento de poboación do interior da muralla, onde se estruturaron os espazos e se configuraron case definitivamente as prazas. Ao mesmo tempo consolidáronse pequenos barrios extramuros como o do Burgo, Santiña, Santa Clara, A Virxe do Camiño, A Peregrina, San Xosé, A Moureira e San Roque. A mediados do s XIX derrubouse a muralla, da que só se conserva un pequeno tramo ao lado da igrexa de Santa María. No último terzo do s XIX, coa chegada do ferrocarril e a construción da estación en 1884, creouse un novo foco de atracción en que se consolidaron urbanisticamente as vías de acceso á estación, así como o que é a avenida da Raíña Vitoria Uxía e o paseo de Colón. Desta época é tamén a ponte do ferrocarril, o paseo da Alameda, o palacio da Diputación Provincial, o Teatro Principal e o edificio do concello. A comezos do s XX Pontevedra aínda se reducía aos dous núcleos primitivos, o centro histórico e A Moureira. Nas primeiras décadas deste século a evolución urbana non presentaba moitas innovacións, agás a progresiva pero lenta consolidación do espazo urbano. En 1952 o centro antigo foi declarado BIC e dous anos despois aprobouse o primeiro Plano de Ordenación Urbana do concello, en que se preveu o crecemento ao redor do centro histórico, no denominado ensanche. A partir da década de 1960 tiveron lugar as maiores transformacións urbanísticas da man do desenvolvemento do sector da construción e dos servizos, un cremento anárquico, coa mestura de tipoloxías edificatorias e alternancia na trama urbana.
Xeografía económica
O concello de Pontevedra ten unha taxa de actividade (2001) do 54% (66,1% a masculina e 43,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,4% (60,1% a masculina e 36,4% a feminina).A taxa de paro sitúase no 12,2% (9,1% a masculina e 16,4% a feminina). Na estrutura socioprofesional destaca o aumento dos empregados no sector servizos e a redución a unha porcentaxe residual das persoas ocupadas no primario. O 11,7% da poboación activa ocúpase na industria, semellante porcentaxe que na construción (11,8%), mentres que o sector servizos dá traballo ao 73,8% do total da poboación ocupada. Na última década do s XX, a economía pontevedresa experimentou unha notable transformación. Os cambios no tecido produtivo traducíronse nun paulatino abandono do sistema industrial tradicional no medio dun proceso de cambio e adaptación ás novas tecnoloxías, que provocou unha transformación importante do mercado de traballo, moito máis flexible e dinámico. Os datos do censo agrario de 1999 aínda amosan unha considerable importancia do sector primario nas parroquias rurais do concello, xa que existían 5.655 ha, a maioría destinadas a especies arbóreas, fundamentalmente eucalipto. Aínda así só ocupa ao 0,9% da poboación. O minifundismo é unha constante e destaca o cultivo da vide. Ademais do viño, o outro puntal básico do sector primario é a gandaría, especialmente a avicultura. De feito, o concello sitúase no sexto posto por unidades gandeiras en toda a provincia, grazas á importancia das granxas avícolas. O 92,9% da cría de unidades gandeiras correspóndese coa cría de aves, seguida do bovino, o porcino e o ovino. Outro dato importante é o avellentamento dos titulares das explotacións, xa que o 43,2% teñen máis de 65 anos e o 71,2% máis de 55. Do total de propietarios, o 74,2% realiza unicamente esta actividade e o 25,8% restante practica a agricultura a tempo parcial como complemento das rendas obtidas noutros sectores. O 1,9% dos ocupados dedícanse ás actividades pesqueiras. A industria ten un peso relativamente importante. As industrias da madeira, a celulosa, os transformados metálicos, a maquinaria en xeral e o téxtil son as ramas de produción máis representativas nun concello que carece dun espazo onde concentrar as iniciativas tecnolóxicas, pois nin o parque empresarial do Campiño (Marcón), nin o parque empresarial e comercial da Granxa do Bao ofrecen estas posibilidades. O subsector da construción é un importante elemento no crecemento económico, especialmente na segunda metade da década de 1990, cando se multiplicaron tanto o número de empresas dedicadas á actividade inmobiliaria como as promocións de novas edificacións. Por ramas de actividade destacan as dedicadas á industria manufactureira, ao subsector da construción, á hostalaría, aos servizos, ás empresas e ao sector inmobiliario. Grazas ao sector terciario é polo que Pontevedra máis se recoñece como capital provincial, tanto pola calidade e densidade da súa oferta comercial, como pola diversidade de servizos culturais, sanitarios, empresariais e deportivos, e como pola existencia dun extenso grupo de traballadores dependentes das administracións provincial, rexional ou estatal. Na oferta educativa destaca o afianzamento do campus pontevedrés dentro da organización e distribución de titulacións da Universidade de Vigo. Unha actividade que cada vez presenta unha mellor orientación dentro das posibilidades que ofrece Pontevedra é o turismo, farorecido polas condicións naturais da ría e a oferta cultural da cidade, que converteron o concello nun espazo de atracción turística estival. A principal vía de comunicación é a autoestrada AP-9, ademais da N-550, a PO-550 e a liña de ferrocarril.
Historia

As orixes: entre a lenda e a historia
Ao redor do nacemento da cidade de Pontevedra existe unha lenda que atribúe a súa fundación a Teucro, fillo de Telamón, que, desterrado polo seu pai e despois da morte do seu irmán Aiax, marchou a Galicia onde fundou a cidade de Helenes. A fundación romana tamén está rodeada de interrogantes. Pomponio Mela en De chorographia describe a cidade de Lambrica situada entre os ríos Laeron e Ullam, identificados co Lérez e o Ulla. Aínda así, a localización desta cidade é dubidosa e ao longo da historia houbo historiadores que afirmación ou negaron a súa identificación con Pontevedra. Segundo o Itinerario de Antonino, na vía XX que enlazaba Bracara con Augusta estaba a mansión Ad Duos Pontes, que se veu en identificar con Pontevedra. Aínda que existen controversias sobre o trazado desta vía ao seu paso pola provincia de Pontevedra, a historiografía tradicional identificou esta mansión con Pontevedra e as dúas pontes coa do Burgo, e a outra coa Ponte Sampaio ou cunha ponte sobre o Tomeza. Con todo, non hai testemuños que demostren esta teoría nin tampouco a presenza dun campamento militar romano posterior. Si existen restos dun antigo poboamento en lugares próximos ao concello como os túmulos en Montecelo de Poio, nas proximidades da parroquia de Campañó e no límite con Ponte Caldelas nos Campiños. Consérvanse gravados rupestres en Campañó, Salcedo, Lérez e Xeve e localizáronse diversos utensilios como os machados da Idade do Bronce en Ponte Sampaio, Verducido ou Marcón. De época prerromana só se conserva un castro, o Monte das Croas en Salcedo, nas proximidades da cidade. Os demais restos castrexos xa están romanizados: Salcedo, Campañó, Lérez, Verducido, Mourente e Tomeza. Si que hai testemuños do paso da vía XIX do Itinerario Antonino no seu tramo Tude (Tui)-Aquis Celenis (Caldas de Reis), que cruzaba o Lérez. Localizouse un miliario dedicado ao Emperador Adriano no ano 134 nas proximidades da ponte do Burgo e outro dedicado ao Emperador Caracalla na parroquia de Alba. Ademais no Itinerario reflíctese a existencia dunha mansión, Turoqua, localizada nas proximidades da ponte do Burgo e que foi o xerme dun núcleo habitado.
A formación da urbe medieval
Durante a época sueva producíronse diversas fundacións monacais atribuídas a san Froitoso como o mosteiro Peonense, identificado erroneamente co de Poio, e o eremitorio da illa de Tambo. Ademais en 886 ou en 916 fundouse o mosteiro de Lérez. Todas estas fundacións monacais estiveron protexidas polos reis, que lles outorgaron privilexios e doazóns. Aínda que non houbo unha dominación musulmá, estas terras sufriron as razzias musulmás, sobre todo a de Almanzor camiño de Compostela. Ademais houbo ataques de normandos e daneses nos ss IX, X e XI. Para facer fronte a estas incursións construíuse en Lérez a fortaleza de Cedofeita. O Camiño Portugués a Santiago cruza o territorio do concello e segue en ocasións o trazado das antigas estradas romanas e da vía XIX. Xunto á cidade, o camiño atravesa as parroquias de Alba, onde no lugar de Guxilde se aloxou a Raíña Isabel de Portugal en 1325; Canicouva, onde segue o trazado dunha estrada romana que unía Arcade (Soutomaior) e Bértola (Vilaboa); Lérez, onde na Santiña se atopa unha casa que acolleu ao Apóstolo Santiago durante a súa viaxe a Galicia; Ponte Sampaio, que atravesa a ponte erixida sobre o Verdugo; e Tomeza. A primeira noticia histórica da vila de Pontevedra é a doazón en 1163 do Rei Fernando II da metade dos dezmos de Santa María ao mosteiro de Poio. En 1165 o monarca asinou sobre a vella ponte un tratado de paz con Afonso I Enriques de Portugal e en 1169 outorgou o foro aos habitantes de Pontus Veteri, nome co que tamén se coñecía o tramo final do Lérez e que aludía á ponte vella, a ponte romana sobre o Lérez. É posible que o núcleo habitado se trasladase ao fondo da ría, na súa localización actual. Neste século construíuse unha nova ponte que substituíu a de orixe romana. Consérvase a confirmación do foro por Afonso X en 1264, un documento escrito en castelán onde a vila recibiu o nome de Ponte Vedra. En 1180, por doazón de Fernando II e Urraca Enríquez, incorporouse ao señorío do arcebispado de Santiago. O arcebispo estaba representado por un meiriño ou mordomo que exercía como o seu vigairo e por un xuíz que residía nas Torres Arcebispais e que presidía as reunións do concello, asemblea dos veciños controlada por unha oligarquía local sobre a que se apoiaba o arcebispo. O Rei Afonso VIII (1158-1214) concedeulle á vila o dereito de secar pescadas e vendelas libremente por mar e por terra, e o privilexio, xunto co porto de Noia, de fabricar saín para toda Galicia. Pontevedra participou á beira de Fernando III o Santo na toma de Sevilla (1248), cunha frota organizada polo trobador Pai Gomez Charinho. Na guerra fraticida entre Pedro I e Enrique de Trastámara (1352-1369), diversas familias pontevedresas comos os Tenorio e os Lobeira apoiaron a Pedro I. Esta guerra non rematou en Galicia co asasinato de Pedro I e prolongouse ata 1387. A cidade de Pontevedra foi tomada primeiro por Fernando I de Portugal e despois polo duque de Lancaster. En 1396 o arcebispo de Santiago García Manrique levantouse con Pontevedra e Tui contra o Rei Enrique III pero foi vencido. O Rei Xoán II (1406-1454) outorgoulle ao porto a categoría de porto de carga e descarga de Galicia. En 1451 creouse a irmandade de Pontevedra a instancias do arcebispo compostelán Rodrigo de Luna (1451-1460), que sinalou que non se podería erixir contra o corrixidor nomeado polo arcebispo. Durante as Guerras Irmandiñas destruíronse as Torres Arcebispais e outras fortalezas dos arredores da vila. Ademais dun mercado semanal, desde mediados do s XIII Pontevedra contou cunha feira anual no mes de setembro dentro do recinto amurallado da parroquia de San Bartolomeu. En 1467 o Rei Enrique IV concedeu o privilexio de realizar unha feira franca anual de 30 días de duración que se celebraba 15 días antes e 15 días despois da festa de San Bartolomeu. Esta feira precisou dun novo espazo intramuros, pois o existente (a praza da Verdura) quedou pequeno, e nacía así a praza da Ferrería. As sucesivas ampliacións do recinto amurallado permitiron e foron á vez consecuencia do desenvolvemento demográfico e económico da vila. Durante o conflito dinástico entre Isabel I e Xoana a Beltranexa, Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, tomou a cidade de Pontevedra e proclamou raíña a Xoana na igrexa de San Domingos. A vila foi recuperada para os Reis Católicos en 1477 por Alonso II de Fonseca, axudado por Sueiro Gomez de Soutomaior e Pedro Pardo de Cela o Mariscal.
A Idade Moderna: do esplendor do s XVI á decadencia dos ss XVII e XVIII
O s XVI foi a época de maior esplendor económico e social da vila, fundamentado no aproveitamento dos produtos pesqueiros e no comercio, iniciados no século anterior. A pesca da sardiña foi unha das actividades máis importantes e que se distribuía en València, Barcelona, Mallorca, Sevilla e cidades do S de Portugal. Ademais, o porto converteuse nun centro de explotación de peixe salgado a Portugal e nunha escala das principais rutas comerciais do Atlántico, onde tamén se comercializaba con produtos do interior, especialmente o viño do Ribeiro. Importábanse tecidos do Mediterráneo e sal de Portugal e Bretaña. En 1520, con motivo das Cortes celebradas na Coruña, Carlos I confirmou os foros. Sobre este esplendor económico-comercial desenvolveuse unha sociedade urbana moi diversificada na que xunto a familias nobres se situaron familias de comerciantes, xerme dunha oligarquía urbana. Un dos aspectos máis relevantes da sociedade pontevedresa foi o desenvolvemento das confrarías, das que destacou o Gremio de Mareantes do Corpo Santo, que daquela tiñan o monopolio da exportación de salgados. Mostra da privilexiada situación da vila foron as diversas construcións realizadas, das que destaca a igrexa de Santa María, a ampliación do recinto amurallado e a construción da nao Santa María que empregou Cristovo Colón na súa primeira viaxe a América e que era coñecida como La Gallega. O declive da vila comezou a finais do s XVI e comezos do s XVII. As guerras mantidas no reinado de Filipe II tiveron negativas repercusións. A vila foi atacada por F. Drake en 1585 e 1589; ademais padeceu tamén ataques turcos en 1617 e 1624, e durante a guerra contra Portugal organizouse un exército para combater no Baixo Miño. O sector pesqueiro foi perdendo pulo, por unha banda a sardiña escaseaba ao tempo que decaía a arte do cerco e pola outra o porto perdía o seu calado e a condición de internacional, e os barcos de maior tonelaxe comezaron a dirixirse a Baiona, Marín e A Coruña. Ademais, os viños do Ribeiro foron perdendo protagonismo no comercio con Inglaterra en favor dos viños portugueses, polo que o seu comercio tamén diminuíu. A sociedade foi abandonando as actividades mercantís para centrarse nas actividades agropecuarias e foise creando unha fidalguía vinculada á terra. Nos ss XVII e XVIII a poboación reduciuse á metade por mor non só da decadencia económica, tamén por causa de epidemias e enfermidades. No s XVIII a vila sufriu o enfrontamento da coroa española co Reino Unido cando as forzas da Cuádrupla Alianza atacaron Pontevedra en 1719 e saquearon e incendiaron numerosos edificios. En Pontevedra viviron dous dos representantes da Ilustración en Galicia: o padre Bieito Feijoo residiu nos mosteiros de Poio e Lérez, e frei Martín Sarmiento viviu en Pontevedra ata os 15 anos mentres se formaba no colexio dos xesuítas. Durante estes séculos Pontevedra continuou a ser un señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e o territorio estivo dividido nas xurisdicións de Pontevedra, Pontesampaio e Xeve.
O s XIX: a conversión nunha urbe administrativa
O inicio do s XIX vén marcado pola Guerra da Independencia. En xaneiro de 1809 Pontevedra foi ocupada polas tropas francesas dirixidas polo xeneral Franchesqui, que non foron expulsadas ata o mes seguinte. Con todo, os franceses continuaron no territorio e o enfrontamento definitivo tivo lugar no antigo concello de Pontesampaio os días 7 e 8 de xuño de 1809, que rematou coa vitoria das tropas dirixidas polo conde de Noroña. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Pontevedra pertenceron ás xurisdicións de Pontevedra, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Pontesampaio, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; e Xeve, señorío dun fidalgo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Formáronse entón os concellos de Alba, Xeve, Mourente, Pontevedra, Salcedo e Pontesampaio, todos do partido de Pontevedra agás o de Pontesampaio, que era da Lama. En 1822 a división provincial de Galicia creou a provincia de Pontevedra con capital en Vigo (1822-1823). Comezou entón unha pugna entre as dúas localidades pola capitalidade. O maior peso dos liberais en Pontevedra fronte aos absolutistas vigueses decantou que, anos despois, a capitalidade se situase definitivamente en Pontevedra. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. En 1833, tras a morte de Fernando VII, a división provincial de Francisco Javier de Burgos creou a provincia de Pontevedra con capital na vila que en 1835 acadou o título de cidade. Despois de afrontar diversas propostas, instituíronse os concellos de Pontevedra, Berducido, que logo tomou o nome de Xeve, Pontesampaio, Alba, Mourente e Salcedo. En 1869 agregáronse a Pontevedra os concellos de Mourente, Alba e Salcedo, en 1944 Xeve e en 1960 Pontesampaio. A economía baseábase a comezos do s XIX no comercio e na artesanía, seguidos da pesca e a agricultura. Coa asunción da capitalidade provincial, a cidade transformouse nun centro administrativo e cambiou a fisionomía urbana: derrubáronse as murallas, abríronse novas rúas, realizáronse obras de saneamento e de infraestruturas, construíronse hospitais, escolas e espazos públicos, e en 1881 chegou o ferrocarril. Xurdiu unha sociedade burguesa e provinciana formada por unha banda por comerciantes e industriais e pola outra por políticos e intelectuais. A vida cultural reflectiuse no alto número de xornais que comezaron a editarse tras a instalación da imprenta en 1834, e na vida das confrarías e gremios.
O s XX e o futuro
As primeiras décadas do s XX foron un momento de efervescencia política e cultural. No século anterior formáronse as primeiras organizacións obreiras, como a agrupación socialista, ás que se uniron diversas organizacións a comezos de século. A vida política tamén foi moi activa. A comezos de século e ao redor do Círculo Republicano Pontevedrés xurdiu o Partido Republicano Radical con Emiliano Iglesias. A Federación Republicana Gallega, que en 1932 se transformou en Partido Republicano Gallego, tamén tivo forza na cidade. En 1916 fundouse a Irmandade de Pontevedra e en 1931 tivo lugar na cidade a fundación do Partido Galeguista no transcurso da VII Asemblea das Irmandades da Fala. Tiveron tamén presenza en Pontevedra Falange Española, con Secundino Esperón, Renovación Española, a ORGA, Izquierda Republicana, Unión Republicana, o Partido Rexionalista Galego e o Partido Agrario Gallego. No momento da sublevación militar do 18 de xullo de 1836 era alcalde da cidade García Filgueira. A presenza dunha importante gornición militar e a existencia de organizacións civís que apoiaron a sublevación, permitiu o seu rápido triunfo. O gobernador civil Gonzalo Acosta, que proclamara uns días antes o estado de alarma, negouse a conceder armas á poboación. O 19 de xullo convocouse unha folga xeral e, malia as dúbidas iniciais, a gornición militar apoiou a sublevación en poucas horas e o gobernador civil tivo que renderse. Comezaron as persecucións, detencións, consellos de guerra e fusilamentos de todos os contrarios ao golpe. Foron fusilados, entre outros, Alexandre Bóveda, o gobernador civil, o comandante Ramiro Paz, o capitán de asalto Juan Rico e o escritor Vítor Casas. A represión continuou tras o final da guerra; uns foron fusilados, outros depurados dos seus postos e outros tiveron que marchar ao exilio. Durante o Franquismo ocuparon os postos da administración e do goberno persoas afíns ao réxime. Nos anos previos á Transición e durante ela mesma, os diversos partidos políticos xurdidos en Galicia e en España estiveron presentes en Pontevedra. Foron anos en que comezou un auxe construtivo que levou a que este sector se convertera nun dos motores económicos do concello. En abril de 1979 tiveron lugar as primeiras eleccións municipais tras o retorno da democracia. Desde esa data e ata 1991 mantívose na alcaldía José Rivas Fontán, membro da UCD e posteriormente do PP. Desde 1999 o alcalde é Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG. Nos últimos anos a cidade viviu un novo auxe da construción, que se converteu no seu motor económico. Creáronse múltiples espazos públicos como o Recinto Feiral ou a Illa das Esculturas, acometeuse a rehabilitación do centro histórico e construíuse a ponte dos Tirantes. Pontevedra conta cunha ampla oferta educativa, como a sede da Universidad Nacional a Distancia e varios centros da Universidade de Vigo. No eido cultural destaca o Museo Provincial de Pontevedra e a celebración desde 1969 da Bienal de Pontevedra.
Patrimonio cultural
O centro histórico de Pontevedra foi declarado BIC en 1951. A Alameda do Arquitecto Sesmero ocupa a antiga horta do convento de San Domingos (BIC, 1895), do que só se conservan as ruínas da cabeceira e da fachada da sala capitular, situadas na entrada mesma da Alameda. Neste recinto destacan o pazo da Deputación e o monumento aos Heroes de Pontesampaio (1911). Xunto a ela están os xardíns de Vicenti e o paseo das Palmeiras. No contacto entre a Alameda e o centro histórico localízase a Casa do Concello do s XIX. Xa no centro histórico, no antigo recinto amurallado, atópase a basílica de Santa María a Maior (BIC, 1931), da que destaca a fachada concibida como un retablo pétreo. A antiga residencia dos condes de Maceda, a casa do Barón de Casa Goda, rehabilitouse para acoller o Parador de Turismo. Na praza das Cinco Rúas está o cruceiro homónimo de 1733. Na praza do Teucro sitúanse casas dos ss XVII e XVIII, preto dela aparece a capela do Nazareno, o Teatro Principal, construído co Liceo Casino no terreo da antiga igrexa de San Bertomeu en 1842 e reconstruído despois dun incendio de 1980, e a Casa das Campás do s XV. Na praza da Pedreira, coñecida antigamente como praza da Herba, sitúase o pazo de Mugartegui dos ss XVII e XVIII. A igrexa de San Bartolomeu (1696-1714) é un exemplo da igrexa xesuítica barroca. Á súa beira está o edificio Sarmiento, sede do Colexio dos Xesuítas ata a súa expulsión, e que pertence agora ao Museo Provincial, que ten os seus edificios principais na praza da Leña, que recibe o seu nome pola mercadoría coa que aquí se comercializaba e onde se conserva un cruceiro do s XV que puido estar situado na ponte do Burgo. A praza da Verdura, que tomou o nome polo comercio que nela se realizaba, conserva soportais antigos. A praza da Ferrería tomou o seu nome das forzas que existían nos seus soportais. Forma, xunto coa praza de Ourense, a praza da Estrela e os xardíns de Castro Sampedro un grande espazo de lecer. Ante estes xardíns atópase a igrexa de San Francisco (BIC, 1896), construída no s XIV. Na beira do Camiño Portugués a Santiago localízase o santuario da Virxe Peregrina (BIC, 1982) construído no s XVIII con formas barrocas, rococós e neoclásicas. Fóra do recinto amurallado sitúase o convento de Santa Clara, que conserva a igrexa gótica do s XIV. No barrio da Moureira, onde residía o Gremio de Mareantes, atópase a capela de San Roque, construída nas Corbaceiras e que mudou de situación ata esta localización definitiva en 1861. As pontes son un dos símbolos da cidade. A ponte do Burgo ten a súa orixe na ponte romana que foi substituída no s XII pola nova construción. Está formada por once arcos rebaixados de medio punto e a súa cantaría medieval está modificada. A ponte da Barca está formada por unha grande arcada e dous pequenos arcos en terra, e toma o seu nome da forma en que os habitantes de Pontevedra e Poio realizaban o paso do Lérez. Recentemente construíuse a ponte dos Tirantes. Das últimas construcións feitas na cidade destaca o Recinto Feiral e o Pazo de Congresos e Exposicións, realizado por Manuel de las Casas en 1997, a illa das Esculturas e Parque da Familia, e a rehabilitación do Mercado de Abastos, obra de César Portela (2003). Fóra da capital destacan as igrexas de Santa María de Alba, de orixe medieval pero substituída por outra barroca; San Pedro de Campañó, refeita no s XVIII; San Mamede de Moldes (Mourente), románica dos ss X-XI; e Santa María de Xeve, dos ss XVI-XVII, ademais do mosteiro de San Salvador de Lérez, do que se conserva algún resto da igrexa románica que foi totalmente reformada no Renacemento e en épocas posteriores. Cómpre salientar tamén a casa reitoral de Campañó, o pazo de Lourizán, o pazo de Gandarón en Salcedo e a casa Gondar en Santa María de Xeve.
Do seu patrimonio natural destacan os espazos do río Lérez e a enseada de San Simón, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Na capital celébranse as festas patronais de San Sebastián, o 20 de xaneiro, e da Virxe da O, o 18 de decembro; o Santiaguiño do Monte, ao redor do 25 de xullo no barrio do Burgo; a festa da Peregrina, o segundo domingo de agosto; e San Xoán, o 24 de xuño. Celébranse tamén o Entroido, que se inicia coa chegada do Rei Urco e remata co enterro do Ravachol; a Festa dos Maios; a Feira Franca, o primeiro fin de semana de setembro; a Feira de Outono, a mediados de novembro. Fóra da capital, ademais das festas patronais de cada parroquia, destacan a romaría de San Cibrao, o luns de Pascua no monte de San Cibrán de Tomeza; a romaría de San Bieito do Lérez, o 11 de xullo, declarada Festa de Interese Turístico Nacional; o Corpus Christi en Cerponzóns, Verducido e Santa María de Xeve; a Virxe do Carme en Mourente, Ponte Sampaio, Santa María de Xeve e Santo André de Xeve; Nosa Señora dos Praceres en Lourizán; a Festa do Caldo Galego en Mourente, a Festa da Anguía en Ponte Sampaio e a Feira do Canteiro en Tomeza.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Pontevedra
Extensión 118 Km2
Poboación Total 80202 h
Poboación Homes 38196 h
Poboación Mulleres 42006 h
Densidade de poboación 679.68 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias