Pontevedra, provincia de

Pontevedra, provincia de

Circunscrición administrativa de España, unha das catro en que se divide a Comunidade Autónoma de Galicia, situada no seu cuadrante SO. Integrada por 62 concellos (2001) agrupados en 10 comarcas (Deza, O Salnés, Caldas, Tabeirós-Terra de Montes, Pontevedra, O Morrazo, Vigo, O Condado, A Paradanta e O Baixo Miño), abrangue unha superficie de 4.494,6 km2, en que acolle unha poboación de 903.729 h (2001). A súa capital é Pontevedra. Eclesiasticamente, o seu territorio repártese entre as dioceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Lugo.
Orixe e delimitación da demarcación
Na xénese da provincia de Pontevedra o principal acontecemento é a constante pugna entre as cidades de Pontevedra e Vigo pola capitalidade dunha provincia que naceu como resultado da unión de territorios antes pertenecentes ás provincias de Santiago e Tui, vila esta última que perdeu a relevancia que tivo na época medieval como sé de diocese. O seu primeiro precedente é a prefectura proxectada polo goberno do Rei Xosé I Bonaparte, que coincidía en gran medida coa actual demarcación. Aínda así, non foi ata o 27 de xaneiro de 1822, coa promulgación dun Real Decreto, cando se constituíu a nova provincia de Pontevedra, con capital en Vigo. Esta última cidade, malia o seu gran dinamismo económico, quedou relegada polo maior peso dos liberais na cidade de Pontevedra, fronte ao maior peso dos absolutistas na urbe viguesa. Coa nova provincia, concibida como un instrumento de organización do Estado baixo unha ideoloxía liberal centralista e uniformizadora, o goberno preferiu premiar a Pontevedra, activo centro liberal e oposta aos poderes máis conservadores da época. Con todo, en novembro de 1823 o Rei Fernando VII, co apoio dun exército expedicionario francés dirixido polo duque de Angulema (os Cen Mil Fillos de San Luís), decretou a derrogación da Constitución de 1812 e a restauración do Antigo Réxime, co que se suprimiu a nova administración provincial. O 30 de novembro de 1833, tras un novo cambio de réxime propiciado polo pasamento do Rei Fernando VII, estableceuse definitivamente a provincia de Pontevedra, sen que desde entón se teñan producido alteracións dos seus límites: determinados ao N polo leito do río Ulla, e ao L, polo conxunto de serras da Dorsal Occidental Galega (serra do Farelo, Serra do Faro, Montes do Testeiro e Serra do Faro de Avión), polo S o curso do río Miño a separa de Portugal, e polo O os límites establéceos o Océano Atlántico. No outono de 1840, no contexto do enfrontamento civil que se vivía en España, a capitalidade retornou durante dúas semanas a Vigo para despois quedar definitivamente instalada en Pontevedra.
Xeografía física
O relevo da provincia de Pontevedra está configurado por multitude de ríos, vales e pequenas chairas. Pódense diferenciar dúas áreas ben diferenciadas: o litoral, caracterizado por un perfil recortado, integrado case totalmente no complexo das Rías Baixas; e a montaña, onde se integran as comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes. Conta cunha estrutura tectónica en bloques, escarpada, con fortes dislocacións consecuencia da oroxenia alpina. Litoloxicamente predominan as rochas ígneas, estendidas por case toda a provincia agás a comarca de Deza e algúns enclaves ao redor da Depresión Meridiana, onde se localizan rochas metamórficas. Finalmente, nas marxes do río Miño aparecen depósitos de materiais sedimentarios do Cuaternario (areas e arxilas), froito da formación de socalcos fluviais de certa entidade. Situada no cuadrante SO da Comunidade Autónoma de Galicia, posúe unha relativa homoxeneidade climática, a súa metade occidental está dentro do dominio oceánico húmido con tendencia á aridez estival, mentres que a porción L, nas terras altas do río Deza e nas serras da Dorsal Occidental Galega, están dentro do dominio oceánico de montaña, dispoñéndose unha área climática de transición entre os dominios antes mencionados. As precipitacións son moi elevadas en toda a provincia, en especial na franxa disposta de N a S nas terras altas da Dorsal Occidental Galega, con precipitacións superiores aos 1.800 mm, ao confluír as masas de aire húmidas provenientes do Atlántico e canalizadas polas rías de Pontevedra e Vigo. As áreas de menores precipitacións, con valores entre os 1.100 e 1.500 mm, sitúanse en sectores abrigados como os fondos das rías e os vales do Baixo Miño. No tocante ao réxime térmico, a principal característica é a suavidade climática froito da fácil penetración da influencia mariña a través dos vales fluviais e, sobre todo, do beneficioso efecto das rías como moderador térmico. A presenza das serras da Dorsal Occidental Galega introducen unha marcada oposición entre as terras litorais e prelitorais, con temperaturas ao redor dos 13-14°C (incluso máis no Baixo Miño e no fondo das rías), e as do interior, onde as temperaturas baixan a niveis entre os 10-12°C, ou incluso menos nas terras máis elevadas. A rede hidrográfica está conformada, de N a S, polos ríos Ulla, Umia, Lérez e Miño, que cunha dirección NL-SL drenan a totalidade dunha provincia caracterizada pola alternancia de vales e resaltes montañosos. O río Ulla serve de fronteira natural coa provincia da Coruña, desemboca na ría de Arousa e ten entre os seus tributarios máis destacados o Arnego e o Deza, que artellan a comarca de Deza ademais do río Vea. O Umia é o río do Salnés, nace nas terras altas de Forcarei e desemboca tamén na ría de Arousa. A ría de Pontevedra remata noutro río destacado na xeografía pontevedresa, o Lérez, que drena a comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Máis ao S está o sistema fluvial Verdugo-Oitavén, que desemboca no fondo da ría de Vigo. Por último, o Miño, que no seu tramo baixo baña as terras pontevedresas, delimita a fronteira portuguesa, e recibe as augas do Deva, o Umia eo   Louro.
Xeografía humana
No interior da provincia de Pontevedra aprécianse grandes contrastes territoriais e demográficos, pois, xunto a áreas intensamente urbanizadas, como o litoral das Rías Baixas, están os espazos rurais con densidades de poboación moi inferiores á media provincial (201,07 h/km2). Así, dúas grandes cidades como Pontevedra e Vigo, xerarquizan a rede de asentamentos na provincia. Todas elas deben a súa preponderancia á condición de capitalidade de diversas demarcacións así como focos destacados de industrialización. Pontevedra é capital da provincia e como tal, acolle as delegacións da administración central, así como os servizos principais da Deputación Provincial de Pontevedra; pola súa parte, Vigo é o principal centro industrial de Galicia, así como un destacado porto marítimo, que asume entre as súas funcións, a de contar coa maior parte das delegacións provinciais da administración autonómica e parte dos organismos periféricos da administración central, ademais de ser sé da diocese de Vigo-Tui. Detrás delas sitúanse unha serie de áreas suburbanas, sempre en localizacións litorais, que concentran tamén elevados continxentes demográficos. Delas destacan as comarcas do Salnés e do Morrazo, con densidades superiores ámedia provincial, 377,27 e 563 h/km2, respectivamente. Un segundo chanzo constitúeno as comarcas do prelitoral, Caldas, O Condado e Baixo Miño, con densidades entre os 100 e os 150 h/km2. Finalmente, con densidades inferiores aos 60 h/km2están as comarcas máis interiores de Deza, A Paradanta e Tabeirós-Terra de Montes. A provincia de Pontevedra é a que posúe unha dinámica natural máis positiva de Galicia; o crecemento natural foi positivo nun total de 19 concellos, todos eles litorais ou nas áreas urbanas máis relevantes da provincia (Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Moaña, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, O Rosal, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vigo). A inmigración contribuíu ao crecemento tamén nestes concellos, aínda que tamén beneficiou a outros concellos interiores, como é o caso de Lalín e algún outros do Baixo Miño, e impulsou o seu crecemento real; neste sentido, Vigo estase a converter no principal polo de atracción de inmigrantes.
Xeografía económica
A inclusión nesta demarcación de dous grandes centros urbanos contribuíu a que se configurase, en termos globais, como unha das máis dinámicas de Galicia. O efecto positivo da prosperidade desas economías locais irradiouse ao longo das súas áreas periféricas e das vías de comunicación que as conectan entre si. Aínda así, hai que facer constancia dos grandes contrastes intraprovinciais, pois xunto a estas áreas economicamente prósperas apareceron áreas moi deprimidas, afastadas dos grandes núcleos, caracterizadas por unha dotación deficiente de servizos e infraestruturas de comunicación, fundamentalmente nas comarcas situadas nos contrafortes da Dorsal Occidental Galega, afastadas dos centros máis dinámicos. O sector agropecuario é fundamental nas comarcas interiores (Deza, A Paradanta, Tabeirós-Terra de Montes), e destaca especialmente a gandaría bovina, sobre todo con orientación láctea. Nas comarcas costeiras (O Salnés, O Morrazo, Vigo e Baixo Miño), a pesca é un dos principais recursos; o propio porto de Vigo é un dos máis importantes de Europa e os de Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Marín e Cangas acollen un número importante de frotas. As actividades industriais concéntranse en especial nos hinterlands de Vigo (industria automobilística, estaleiros, industria química), Pontevedra (celulosa, madeira) e, en menor medida, Vilagarcía de Arousa. As actividades mineiras teñen o seu maior expoñente no Porriño, centradas na extracción de rochas ornamentais. O sector servizos está máis desenvolvido en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, aínda que hai cabeceiras comarcais destacables como Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Cañiza, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontecesures, Silleda ou Tui. O sector turístico goza de produtos moi diversificados, pois aos atractivos culturais, monumentais e gastronómicos de Pontevedra e Vigo, engádenselle os areais que se estenden pola maior parte da costa e que reciben unha grande afluencia de visitantes nos meses de verán, en especial nos centros turísticos de Baiona e Sanxenxo. Ademais, diversas áreas de interese natural e paisaxístico favorecen o crecemento do turismo rural.