Porlier, Pronunciamento de
Conxura liberal dirixida, na noite do 18 ao 19 de setembro de 1815, polo mariscal de campo, Juan Díaz Porlier. Tiña como obxectivo restaurar a orde constitucional que daría a España as liberdades políticas. O corpo militar estaba de acordo, menos o capitán xeneral de Galicia, Filipe Saint March, que foi encarcerado. O pronunciamento foi xestado no balneario de Arteixo, onde descansaba por motivos de saúde. Na cidade da Coruña foi un éxito pero desde Santiago de Compostela, cidade cara á que se dirixiu para continualo, as institucións militares, civís e eclesiásticas organizaron a contraofensiva. O día 21, Porlier, traizoado por parte das súas tropas, foi detido no lugar de Merelle, preto de Ordes, e encarcerado en Santiago de Compostela. Foi trasladado á Coruña e permaneceu no Cárcere Real ata que foi condenado a morte e aforcado o 3 de outubro de 1815.