Porqueira
Concello da comarca da Limia, situado ao S da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Ourense, a 42° de latitude N e 7° 50’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Rairiz de Veiga (comarca da Limia), ao L con Xinzo de Limia e Os Blancos (comarca da Limia), ao S co de Calvos de Randín (comarca da Limia) e ao O cos concellos de Bande e Muíños (comarca de Baixa Limia). Abrangue unha superficie de 43,3 km 2 , en que acolle unha poboación de 1.136 h (2007) distribuída nas parroquias de Paradela de Abeleda, Porqueira, Sabucedo, San Lourenzo de Abeleda, San Martiño de Porqueira e Sobreganade. A súa capital é Forxa, que se sitúa a 52 km ao S da cidade de Ourense e a 171 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Xinzo de Limia.
Xeografía física
Localizado ao S de Galicia, sitúase encaixado na vertente meridional do val do río Limia, e marca un ascenso altitudinal de N-S desde o Limia ata o inicio dos montes de Bande e a serra de Xurés. Nesta última serra é onde se atopan as maiores elevacións: o monte de Candás (1.006 m), Mazaira (982 m), Couto (973 m) e Penonzos (908 m). Climaticamente, pertence ao dominio oceánico do interior, onde os trazos climáticos se relativizan debido ao factor continental. Así as temperaturas son especialmente frías en inverno, o mes máis frío é xaneiro con 4,9°C, mentres que o mes máis quente é agosto con 16,8°C. A temperatura media anual é baixa, de 10,6°C, e a oscilación térmica sitúase nos 11,9°C. Debido a estes trazos de continentalización, as precipitacións son reducidas e moi irregulares ao longo dos anos, sen acadar os 1.000 mm anuais. O réxime pluviométrico conta cun máximo no inverno e un mínimo no verán, tempo no que se produce un déficit hídrico acusado. A rede hidrográfica está marcada polo Limia, fronteira setentrional do concello, con todo son os seus afluentes, principalmente o río Firveda e outros pequenos arroios e regatos, os que discorren polo concello; desde os montes do S, seguindo unha dirección latitudinal, perpendicular á dirección L-O do Limia. A vexetación natural ocupa boa parte do territorio. Existe unha gradación de pisos vexetativos desde as especies ripícolas da ribeira do Limia ata o monte baixo, de toxeiras e xestas dos cumes dos montes meridionais. As especies arbóreas de repoboación, piñeiros e eucaliptos, predominan sobre as autóctonas, reducidas a pequenas carballeiras.
Xeografía humana
A comezos do s XX contaba con 3.058 h e a partir de 1910 comezou un reducido descenso demográfico que durou ata a Guerra Civil. Tras o conflito bélico, e nunha primeira posguerra onde mandou a economía de subsistencia, no censo de 1940 acadouse o máximo demográfico histórico, con 3.127 h. A partir de 1950, durante toda a segunda metade do s XX e a principios do s XXI, houbo unha continua perda de poboación. Nos últimos 50 anos, o total de habitantes descendeu nun 63,14% ata acadar en 2001 a cifra máis baixa dos censos modernos, descenso que se constatou nos padróns dos anos seguintes ata chegar aos 1.136 h no de 2007 Un intenso éxodo rural deu lugar ao despoboamento do concello. Nestas condicións, en 2006 o crecemento natural foi de signo negativo (-19‰): a taxa de natalidade é do 1,4‰ e a de mortalidade, polo avellentamento, ascende ao 20,4‰. A estrutura demográfica reflicte as consecuencias destes datos: a poboación ata os 20 anos supón o 7,2% e os maiores de 65 anos case son a metade da poboación total, o 44,9%; o grupo intermedio representa o 47,9%. A distribución por sexos amosa unha maioría de mulleres (51,44% fronte ao 48,59% de homes). Os lugares máis habitados dos Paradela de Abeleda e a capital municipal. Hai un gran número de residencias secundarias e baleiras que son resultado do proceso de despoboamento.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Porqueira é do 29,9% (41,2% a masculian e 19,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 25,3% (34,9% a masculina e 16,8% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 15,3% (15,3% a masculina e 15,2% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector servizos, que emprega o 35,3% dos ocupados. O secundario ocupa o 33,5% (10,7% na industria e 22,8% na construción), seguido do primario co 31,3%. Con todo, a elevada proporción de persoas non activas, principalmente xubilados, modifica estes datos. Das 4.260 ha de superficie municipal, máis da metade están ocupadas polo espazo agrario. Nos últimos anos racionalizáronse as explotacións, cada vez máis enfocadas cara a empresas agrarias. Concentráronse numerosas parcelas que reforzaron a produtividade, a marxe inversora e a mecanización. Entre os cultivos destacan pola súa extensión o da pataca e o millo. A pataca ocupa unha gran superficie nas terras de cultivo, xa que se sitúa na zona de produción de patacas protexidas pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia subzona da Limia. A gandaría complementa este sector agrario, aínda que o número de cabezas é reducido. Os poucos traballadores empregados en actividades non agrarias exercen fóra do concello, principalmente na cabeceira comarcal, Xinzo de Limia, ou na capital provincial. Tan só nos servizos aparecen ocupados os encargados dos abastecementos e servizos máis básicos, como o propio administrativo do concello. Para as demais funcións, Xinzo de Limia atende as necesidades dos veciños. A principal vía de comunicación é a estrada OU-301.
Historia
Os primeiros datos pertencen á Idade Media, época na que existía un mosteiro e un castelo, do que só se conserva a torre da homenaxe. O mosteiro foi de carácter familiar ata que en 1127 Fernando Núñez vendeu parte ao bispo de Ourense. En 1181 Fernando II confirmou á igrexa de Ourense a terceira parte de Porqueira e en 1191 Afonso IX confirmou á mesma igrexa a doazón de parte do mosteiro de Porqueira que realizara Afonso VII. En 1204 Afonso IX vendeu ao bispo de Ourense todo o que lle pertencía en Porqueira. A mediados do s XII o mosteiro foi rexentado pola orde do Coengos Regulares de Santo Agostiño e a mediados do s XIV pola orde de San Xerome. O prior do mosteiro titulábase abade de San Lourenzo, señor de Guía e Cartelas e señor xurisdicional de Forxa; ademais tiña a facultade de nomear xuíz ordinario e escribán para cada unha das catro entidades. O párroco de Santa María a Real de Porqueira conservou o título de prior. En 1387 o castelo foi ocupado polo duque de Lancaster (Enrique IV de Inglaterra) con motivo da guerra entre Pedro I e Enrique de Trastámara. A partir da segunda metade do s XV o castelo, que entón pertencía aos Benavente, viuse relacionado coas Guerras Irmandiñas e foi abandonado ao longo da Idade Moderna. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron ás xurisdicións de Porqueira, señorío do bispo de Ourense; Rairiz de Veiga, señorío do conde de Monterrei; Xinzo de Limia, señorío do conde de Monterrei e ao couto redondo de Sabucedo de Limia, señorío do conde de Portillo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creouse o concello de San Martiño de Porqueira, pertencente ao partido xudicial de Xinzo de Limia. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se constituíu o actual concello de Porqueira.
Patrimonio cultural
Dentro da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais barrocas de Santa María a Real de Porqueira e a de San Martiño de Porqueira. Da arquitectura civil, hai que mencionar a torre de Porqueira (BIC, 1994) ou a ponte vella de Forxa na parroquia de Porqueira. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Veiga de Ponteliñares, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000 en 2001. Das festas que se celebran destacan as da Virxe do Carme, as da Virxe da Veiga e as de San Bieito en agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Limia, A |
| Extensión | 43 Km2 |
| Poboación Total | 1136 h |
| Poboación Homes | 552 h |
| Poboación Mulleres | 584 h |
| Densidade de poboación | 26.42 h/Km2 |