Porriño, casa do concello do
Construción situada no Porriño. Obra de Antonio Palacios Ramilo, en que se mesturan os elementos máis característicos do románico, do gótico e do barroco, comezou a construírse en 1921 e rematouse en 1924. Destaca polas estruturas que entran e saen ou se abren a través de arcos semicirculares na planta baixa, onde forman un pórtico de entrada, e no piso superior, onde os arcos se apuntan e se adornan con tracerías neogóticas no balcón. Palacios baseouse nas catedrais-fortaleza medievais e incorporou elementos como as ameas no remate das torres e das partes altas do edificio e contrafortes na torre. Nos arcos laterais da balconada destaca o traballo da filigrana das celosías e na parte baixa dos pórticos sitúase unha decoración a base de festóns e arquiños cegos. En 1976 incendiouse e houbo que modificar todo o interior.