1 porto

1 porto

(

  1. [MAR]
    1. s m

      Abrigo natural ou, máis xeralmente, artificial, nunha costa ou á beira dun río ou lago, no que, ademais de permaneceren seguros os barcos, tamén se poden efectuar as operacións de embarque e desembarque das persoas e mercadorías, para as que conta coas instalacións necesarias. Poden ser clasificados, segundo a orixe, en naturais e artificiais; segundo a súa localización, en fluviais ou marítimos, e segundo a función, en comerciais, pesqueiros, de refuxio, militares e deportivos. O porto natural é o que ofrece abeiro ás embarcacións pola mesma disposición natural da costa, ao contrario ca o porto artificial, no que esta disposición natural foi modificada polo home coa construción de obras exteriores de abrigo, en ocasións como ampliación dun abeiro natural. O porto artificial pode ser un porto aberto se está constantemente en comunicación co mar ou un porto pechado, accesible só en intervalos. O porto fluvial é o porto situado na beira dun río, mentres que o porto marítimo ou porto de mar está na costa. O porto comercial é aquel que ten como misión fundamental a de ofrecer aos barcos as instalacións adecuadas para poder efectuar as operacións de embarque e desembarque de pasaxeiros e de mercadorías en condicións óptimas de rapidez e seguridade. O porto pesqueiro é o que serve de base a frotas pesqueiras. O porto de refuxio ten como función fundamental a de ofrecer abrigo ás embarcacións sorprendidas polo mal tempo no mar, facilitando a súa entrada e saída. O porto militar ten como misión fundamental a de servir de base aos barcos de guerra, e denomínase preferentemente base naval. O porto deportivo ha ser capaz de permitir o abrigo dunha considerable cantidade de embarcacións deportivas ou de recreo, amarradas ou en seco, e ten que estar provisto de instalacións adecuadas. As diferentes partes que constitúen un porto son, fundamentalmente, as obras exteriores, as obras interiores e as instalacións complementarias. As obras exteriores ou obras de abrigo son as que permiten obter unha superficie abrigada na que os barcos estean ao abeiro da axitación da auga do mar. As obras interiores ou obras de atracada son o conxunto de peiraos, cargadoiros e outras construcións que permiten atracar e amarrar os barcos. En canto ás instalacións complementarias, as máis importantes son os almacéns, as cubertas, as cámaras frigoríficas, os edificios de servizo, as vías de ferrocarril e as máquinas de carga e descarga, as liñas de iluminación e de fornecemento de enerxía eléctrica, as redes de fornecemento de auga potable e de combustibles e os estaleiros. O sistema portuario galego está xestionado polo ente público Portos de Galicia, creado o 1 de xaneiro de 1996 para substituír a Subdirección Xeral de Portos da Dirección Xeral de Obras Públicas, e depende da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Xestiona 122 portos e instalacións portuarias, ademais dos cinco portos declarados de interese xeral, os da Coruña, Ferrol, Marín, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Actúa sobre todos eles, nos que se desenvolven actividades pesqueiras, comerciais e naútico-deportivas, co fin de pontenciar a súa eficacia e a creación de novas infraestruturas.

    2. porto franco

      Porto que goza de determinadas exencións ou bonificacións de dereitos de aduana, ben dun xeito absoluto ou ben con relación a mercadorías determinadas. A miúdo teñen anexa unha zona franca.

  2. s m

    Poboación á beira do mar, dun río ou dun lago, con instalacións onde as naves poden cargar e descargar mercadorías.

  3. s m

    Paso entre montañas que comunica as dúas vertentes.

  4. s m

    Lugar estreito ou pouco profundo por onde se pode atravesar un río.

    Sinónimos: vao.
  5. s m [FÍS]

    Conxunto de entradas (porto de entrada) ou de saídas (porto de saída) dun dispositivo electrónico complexo.

  6. porto paralelo [INFORM]

    Medio de conexión ao ordenador de dispositivos como a impresora ou o escáner, onde a información se transfire de forma simultánea.

Palabras veciñas

Portlandiano | portlandiano -na | Portman, John | 1 porto | 2 porto | Porto | Porto