Porto do Son

Porto do Son


Concello da comarca de Noia, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e ao SO da provincia da Coruña, a 42° 43’ de latitude N e 9° de lonxitude O. Limita ao N co concello de Noia (comarca de Noia), ao L con Lousame (comarca de Noia), Boiro e A Pobra do Caramiñal (ambos os dous na comarca de Barbanza), ao S co concello de Ribeira (comarca de Barbanza) e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 94,6 km 2 , en que acolle unha poboación de 9.899 h (2007), distribuída nas parroquias de Baroña, Caamaño, Goiáns, Miñortos, Nebra, Noal, Queiruga, Ribasieira, San Pedro de Muro e Xuño. A capital do concello é Porto do Son, que dista 115 km ao SO da cidade da Coruña e a 52 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Noia.
Xeografía física
Divídese en dúas unidades xeográficas diferentes: unha caracterizada pola serra e outra pola ría. Esta diferenza explica a existencia dun relevo en continuo ascenso desde o nivel do mar ata o alto da serra, no límite oriental do concello, pasando, en apenas 6 km, a unha altitude de máis de 600 m. Aparecen así vertentes de carácter abrupto, só suavizadas por pequenos vales interiores que forman multitude de arroios e regatos. As maiores altitudes corresponden aos cumes da serra do Barbanza, que ocupa a metade oriental do concello: Iroite (685 m), Barazal (640 m) e Egoas (631 m) forman un continuo que contrasta coa planitude litoral. O relevo da costa é unha sucesión de praias (Aguieira, As Furnas, Arealonga) e cantís. Climaticamente forma parte do dominio oceánico húmido. As temperaturas son suaves ao longo de todo o ano. A temperatura media anual sitúase nos 12°C, cunha oscilación térmica anual baixa debido á acción moderadora do mar. As precipitacións son altas polo contacto das masas oceánicas coa serra: recóllense máis de 1.500 mm anuais. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno e un mínimo no verán. Durante os meses de xullo e agosto prodúcese un déficit hídrico estival. A superficie forestal ocupa unha proporción importante do concello pois desenvólvese principalmente nas áreas de montaña. O mato atlántico ocupa os espazos máis elevados. Os bosques fórmanse con especies de repoboación como piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A comezos do s XX contaba cunha poboación de 9.244 h. Desde entón experimentou diferentes fases de ascenso e descenso demográfico. En termos xerais, na primeira metade da centuria pasada o total de poboación medrou constantemente. No censo de 1950 acadouse o máximo histórico: 10.876 h. Nestes anos, un forte crecemento vexetativo sostido por unha alta natalidade compensou a perda de poboación pola emigración. Este feito mudou entre 1950 e 1970, cando a marcha de adultos novos cara ás rexións máis industrializadas de España e Europa superou o aumento natural e deu lugar a unha perda sostida de poboación. Cando se freou a corrente emigratoria como consecuencia da crise económica de mediados de 1970 e comezos de 1980 paralizouse esta marcha de emigrantes. Inmediatamente despois, favorecido polo desenvolvemento da vila e da súa costa baseado no turismo, o concello volveu aumentar o número de residentes. Esta etapa chegou ata 1991, pero a partir desa data pareceu estabilizarse e, incluso, volver perder habitantes. Entre o censo de 1991 e o de 2001 existiu un descenso do -5,39%. O descenso continuou nos inicios do s XXI e deste xeito, entre 2001 e 2007 cifrouse no -2,29%. O crecemento natural foi de signo negativo (2006), do -5,1‰ como consecuencia dunha taxa de natalidade baixa (6,9‰) inferior á de mortalidade (12‰). A estrutura demográfica amosa unha poboación madura, onde os menores de 20 anos supoñen o 17,2%, mentres que os maiores de 65 anos representan o 21,6%; o grupo intermedio representa o 61,2%. A distribución por sexos é lixeiramente favorable ás mulleres (50,6% fronte ao 49,39% de homes). As entidade de poboación máis poboadas son a capital e a vila de Portosín.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Porto do Son é do 45,2% (60,7% a masculina e 30,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,1% (55,9% a masculina e27% a feminina) e a taxa de paro do 9,1% (7,8% a masculina e 11,4% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a relevancia do sector servizos, que emprega o 42,3% dos ocupados, seguido do sector primario co 24,6% (19,8% correspondente á pesca), e o secundario, co 33 % (15,8% da industria e 17,2% da construción). Porto do Son mantén a importancia do sector primario. O mar, recurso estratéxico tradicional destas terras, fai que a pesca sexa unha actividade importante que se concentra nos dous portos do concello, Portosín e Porto do Son, con capturas de baixura e mariscos, a pesar da crise de capturas dos últimos anos. A agricultura e a gandaría practícase a tempo parcial. A industria está representada por unha fábrica de conservas, varios serradoiros e pequenos talleres industriais. O sector da construción expandiuse nos últimos anos pola creación de novas vivendas e pola actividade turística. O sector servizos é o máis dinámico e, desde as últimas décadas do s XX, ocupa un papel predominante. A vila de Porto do Son fomentou as funcións urbanas grazas ao desenvolvemento económico do concello e actúa como un importante distribuidor de servizos. Aínda así, as funcións administrativas e comerciais son compartidas coa cabeceira comarcal, Noia, e coa próxima vila de Ribeira. Dentro do crecemento do sector terciario foi transcendental a posta en marcha dun turismo de sol e praia ao longo da costa do concello. A propia vila coñeceu un forte crecemento urbanístico que a converteu nun dos centros turísticos da ría de Muros e Noia. Ademais, Portosín é un dos principais portos deportivos de Galicia. O turismo estacional concéntrase nos meses de verán, transformando o concello ao multiplicar o número de habitantes estivais e fortalecendo os servizos (comercio, hostalaría, hoteis e outras formas de aloxamento) relacionados con el. A rede de comunicacións conta coa estrada provincial AC-550, Noia-Vilagarcía de Arousa, como principal vía. Discorre paralela á costa e actúa como nexo tanto entre as distintas parroquias como cos concellos veciños. Con todo, carece dunha vía de alta capacidade que facilite os accesos á rede de estradas galega. Estradas locais complementan a comunicación dentro do concello.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos conservados datan de época paleolítica, da que se atoparon útiles na cova de Fonforrón en Porto do Son (Noal). Da época megalítica destacan, entre outras, as mámoas de Cruceiro de Ramona, Montemuíño e Raña, todas elas en Baroña. A cultura castrexa desenvolveuse na área do Barbanza e pódese mencionar, polo seu notable estado de conservación, o castro de Baroña. Tamén existen outros castros como o da Illa do Mar en Caamaño, o de Miñortos, o de Foloña en Nebra e o de Nadelas en Queiruga. Os vestixios arqueolóxicos achados constataron, así mesmo, a romanización da zona, como unha ara que se encontrou no castro de Baroña e unha lápida funeraria, en Queiruga. Posteriormente, na Idade Media, foron frecuentes os asaltos dos mouros e as invasións piratas debido á situación do concello. A finais do s XVIII favoreceuse a instalación de fábricas de salgadura creadas por empresarios cataláns e desde entón activouse unha importante industria conserveira ata que decaeu a principios do s XX.Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o actual concello de Porto do Son pertenceron ás xurisdicións de Caramiñal, señorío do marqués de Parga; Noia, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; e Rianxo, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de Miñortos, Son e Xuño. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando se constituíu o concello, que nun primeiro momento tomou o nome de Porto do Son en San Vicente de Noal.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais de San Vicente de Noal, San Pedro de Baroña, Santo Estevo de Queiruga e San Sadurniño de Goiáns. Da arquitectura civil, o pazo de Nebra, situado no lugar do Pazo, na parroquia de Nebra. Tamén conta cun gran número de cruceiros, entre os que destacan os de tipo capela. Do seu patrimonio natural destacan os espazos do Complexo Húmido de Corrubedo e o Esteiro do Tambre, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran destacan as relixiosas en honor a Santa Isabel en xullo, as da Virxe do Carme en setembro e as de San Vicente o 22 de xaneiro. Ademais teñen lugar romarías como a de San Caetano en Goiáns o 7 de agosto, a da Virxe do Loreto o 9 de setembro e a de Valvanera en Nebra en setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Noia
Extensión 94 Km2
Poboación Total 9899 h
Poboación Homes 489 h
Poboación Mulleres 5009 h
Densidade de poboación 105.31 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias