Portomarín
Concello da comarca e da provincia de Lugo, situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, no centro-oeste da provincia de Lugo, a 42° 48’ de latitude N e 7° 37’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Guntín (comarca de Lugo), ao L co Páramo e Paradela (ambos os dous na comarca de Sarria), ao S con Taboada (comarca de Chantada) e ao O con Monterroso (comarca da Ulloa). Abrangue unha superficie de 115,1 km2, en que acolle unha poboación de 1.898 h (2007), distribuída nas parroquias de Bagude, Caborrecelle, O Castro de Soengas, Castromaior, Cortapezas, Fiz de Rozas, Gonzar, León, Narón, Nespereira, Portomarín (San Nicolao), Portomarín (San Pedro), Recelle, Sabadelle, San Mamede de Belaz, San Mamede do Río, Soengas, Vedro, Vilarbasín e Vilaxuste. A capital do concello é Portomarín, situada a 28 km ao S da cidade de Lugo e a 108 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Chantada.
Xeografía física
Sitúase dentro da área de chairas, depresións e relevos residuais da Galicia centrooriental. Está constituído por tres unidades diferenciadas: unha superficie de aplanamento, o val do río Miño e os relevos situados na divisoria entre as concas do Miño e do Ulla. Na parte máis occidental atópanse os relevos da divisoria que separa Portomarín da comarca da Ulloa, entre os que destacan o monte Narón (803 m) e a pena da Lebre (747 m). No centro do concello sitúase a superficie de aplanamento, de finais do terciario, formada por espazos chans ou lixeiramente ondulados, salpicados ocasionalmente por relevos residuais como o Castrillón (751 m) ou Cebres (472 m). O territorio ofrece un predominio de materiais debilmente metamorfizados entre os que sobresaen as lousas, as cuarcitas e os areeiros. Desde o punto de vista topográfico existe un descenso latitudinal de O a L a pesar de que a maior parte das terras están entre os 500-600 m. Climaticamente, pertence ao dominio oceánico-continental. A temperatura media anual é de 12,5°C, con invernos fríos e veráns suaves. Só os meses de decembro, xaneiro e febreiro ofrecen medias inferiores aos 8°C, mentres que xullo e agosto presentan unha media de 20°C. A oscilación térmica sitúase aproximadamente nuns 12°C. As precipitacións, que acadan uns 1.200 mm anuais, son suaves e aparecen regularmente distribuídas ao longo do ano, excepto xullo e agosto, que presentan unha certa aridez estival. A neve tamén está presente no concello, aínda que só uns días ao ano, entre xaneiro e febreiro, e especialmente nas áreas máis altas onde adoita callar. A rede hidrográfica vén articulada pola conca do Miño. Os cursos de auga presentan unha lonxitude e un caudal reducido xa que nacen nos montes da divisoria e realizan un traxecto curto, excepto o río Ferreira. O val do Miño ocupa o extremo oriental cunha dirección N-S. En xeral, o seu percorrido discorre moi encaixado e sinala o límite administrativo entre Portomarín e Paradela. A construción do encoro de Belesar augas abaixo de Portomarín, provocou o asolagamento de 300 ha de terreo destinadas ao cultivo e da antiga vila, substituída na actualidade por outra de nova planta. Na vexetación natural as especies autóctonas foron desprazadas por outras de clara vocación forestal. Aparece tamén unha degradación das áreas boscosas, e o mato pasa a ocupar a maior parte das mesmas. Tan só quedan algúns bosques residuais de carballos e castaños, mentres que abundan as extensións repoboadas con piñeiros.
Xeografía humana
A comezos do s XX tiña unha poboación de 4.697 h, máis do dobre que a comezos do s XXI. En 1910 acadou o seu máximo histórico con 5.022 h, desde entón, e salvo unha pequena recuperación demográfica polo cese da emigración e o aumento tras a fin da Guerra Civil Española, a Historia recente do concello indica unha perda constante de residentes. Portomarín está inmerso dentro da dinámica demográfica da maior parte da provincia de Lugo e da Galicia interior. A emigración e o éxodo rural foron constantes ao longo do século pasado e con eles o avellentamento da poboación, que xerou unha diminución da natalidade, un aumento da mortalidade e un crecemento vexetativo negativo. No terceiro cuarto do s XX participou na corrente xeral de emigración galega cara ás áreas industrializadas de España e Europa. Máis adiante, a causa foi endóxena pois a inundación do antigo centro municipal pola construción do encoro de Belesar reactivou o proceso emigratorio; o capital monetizado produto das indemnizacións e as oportunidades que ofrecían a cidade de Lugo e outras áreas urbanas favoreceron este proceso. Entre 1991 e 2001 a marcha de poboación continuou cunha perda do -10,24%, e, entre 2001 e 2007, situouse no -5,47%. En 2006 o movemento vexetativo acadou o -10‰ como consecuencia dunha taxa de natalidade moi baixa (3,1‰) e unha mortalidade alta (13,1‰). A estrutura demográfica reflicte o avellentamento da poboación ao acadar un 11,3%, os menores de 20 anos, e un 34,5%, os maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 54,2%. A composición por sexos está equilibrada: 50,10% de homes e 49,89% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Portomarín é do 52% (54,4% a masculina e 49,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 48,9% (50,7% a masculina e 47,2% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 5,9% (6,8% a masculina e 4,9% a feminina. A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector primario (41,8%) e o servizos (42,8%). O secundario representa o 15,4 %, onde un 6,2% representa aos ocupados na industria e un 9,2% na construción. O sector primario continúa a ser fundamental na súa estrutura económica, pero o modelo agrario tradicional evolucionou na súas formas e orientacións. A agricultura foi substituída pola gandaría, aumentando a importancia dos prados e diminuíndo o labradío e o monte. Isto provocou que moitos dos cultivos tradicionais se reorientasen. É o caso do liño, que pasou de ser unha planta habitual a case desaparecer, ou o viñedo, que sufriu un retroceso a causa do encoro do Belesar, pois moitos bancais foron asolagados polas augas. Tampouco o millo e o centeo teñen a importancia que tiveron anos atrás. As actuais modificacións introducidas neste sector, a través das cotas e limitacións da UE, esixiron unha recente modernización e concentración das explotacións gandeiras. As granxas modernas multiplicáronse, centradas sobre todo no gando bovino dedicado á produción de leite e, secundariamente, no porcino. O sector secundario apenas ten representación, se se exceptúa a industria da cerámica de carácter artesanal e a central hidroeléctrica de Belesar. Aproveitando o encoro de máis caudal de Galicia, construído durante o Franquismo, esta central é unha das que conta con maior potencia de todo o país e pertence a Unión Fenosa. A súa produción destínase principalmente á propia comunidade. No sector servizos destaca a vila de Portomarín, que concentra os servizos administrativos, educativos, sanitarios, comercias e de ocio. Con todo, a súa función central é compartida con Lugo, mentres que a vila de Chantada atrae certos servizos, como os derivados da súa condición de partido xudicial no que se inscribe Portomarín. A vila de Portomarín, reconstruída con nova planta, atrae unha pequena actividade turística xa que se inclúe dentro do Camiño de Santiago e dispón da posibilidade de practicar deportes náuticos no encoro. Un antigo parador nacional, remodelado como pousada, e a singularidade de Portomarín favoreceu este pulo do turismo nos derradeiros anos. A principal vía de comunicación é a estrada N-540 que percorre de S a N en dirección Lugo o sector occidental. Aínda así, é o eixe transversal da C-535 o que verdadeiramente articula o concello, a partir do que se comunica a vila coas parroquias mediante estradas e camiños locais. A estrada provincial LU-612, por outro lado, une directamente Portomarín con Lugo no extremo oriental do concello.
Historia
A antigüidade do poboamento de Portomarín constatouse coa existencia de castros e mámoas por todo o territorio do concello. Durante a ocupación romana (s II) construíuse unha ponte sobre o río Miño que foi semidestruída en 1112 por orde de dona Urraca, que tentaba evitar o paso do seu marido, que posteriormente mandou reconstruíla. Durante os ss X-XII, acadou unha grande importancia por ser paso obrigado na ruta xacobea e considerouse como un dos fitos máis importantes do Camiño de Santiago tras pasar O Cebreiro. En 1126 levantouse o hospital de Domus Dei, para atender os peregrinos, que se lle confiou á orde de Santiago e que, en ausencia desta, pasou á encomenda de San Xoán, á que tamén lle correspondía o coidado do burgo de Portomarín e o da ponte. Tal encomenda ordenou, no s XIII, a construción da igrexa de San Xoán de Portomarín, feito que explica o aspecto de fortaleza que presenta o templo. Co paso do tempo, o concello viuse poboado de grandes pazos que os señores feudais foron levantando pouco a pouco, ao mesmo tempo que establecían o seu feudo. A vila estaba formada polos barrios de San Pedro e de San Xoán. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o actual concello de Portomarín pertenceron ás xurisdicións de Portomarín (San Xoán), rexida pola Encomenda de Portomarín; Portomarín (San Pedro), señorío do marqués de Bóveda; Hospital da Cruz, señorío do marqués de Viance e dun fidalgo; Ferreira de Pallares, señorío do mosteiro de Samos; Monterroso, señorío do conde de Monterrei compartido con outros señores nunha das súas parroquias; Recelle, señorío do cabido de Santiago de Compostela; San Miguel das Penas, señorío do conde de Amarante; e o couto redondo de Caborrecelle, señorío do marqués de Campos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de San Xoán de Portomarín e San Pedro de Portomarín. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Portomarín. En 1950 comezou un novo período da Historia de Portomarín coa construción do encoro de Belesar, que entrou en funcionamento en 1963, e o traslado da vila á súa localización actual ao quedar asolagada.
Patrimonio cultural
O patrimonio histórico-artístico de Portomarín perdeu a singularidade da súa antiga e notable vila despois de que esta fora inundada como consecuencia da construción do encoro de Belesar. En 1946 o conxunto histórico artístico de Portomarín foi declarado BIC. A finais de 1950, o núcleo urbano trasladouse á actual localización e con el, os edificios máis notables: a igrexa de San Xoán ou Nicolao de Portomarín (BIC 1931), a fachada da igrexa de San Pedro de Portomarín e varios pazos, como o que ocupa a casa consistorial, o do conde de Maza, o de Berbetouros e o do marqués de Paredes, así como os restos da antiga ponte de Portomarín e a ponte nova. Portomarín celebra festas patronais como a de San Pedro ou a do Cristo da Vitoria, a Festa da Augardente, no domingo de Pascua, a Festa do Ramallo en honor a Santa Isabel, o Entroido e os domingos folclóricos.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Lugo |
| Extensión | 115 Km2 |
| Poboación Total | 1898 h |
| Poboación Homes | 951 h |
| Poboación Mulleres | 947 h |
| Densidade de poboación | 16.5 h/Km2 |