pospretérito
(< pos- + pretérito)
Tempo verbal que expresa posterioridade con respecto ao pasado (Dixo que despois iría á túa casa). É un futuro no pasado, un tempo de aspecto imperfecto que deixa indeterminado o remate da acción, que, medida desde o momento en que se fala, pode ser pasada, presente ou futura: Aseguroume que o faría (‘que o vai facer, que o fixo ou que o fará’). No seu uso recto pode presentar un valor obxectivo, cando se refire a un feito que efectivamente tivo lugar (Coincidín con el en Viveiro e un mes máis tarde atoparíao no Cebreiro), ou subxectivo, cando o falante non se pronuncia sobre a realidade do feito (Despedino con bágoas pensando que non o volvería ver). Pode perder o significado prospectivo e adquirir o significado modal de probabilidade ou aproximación no pasado (Sería moi estudoso, pero non aprobou a secundaria; Daquela andaría eu polos vinte). Tamén pode aparecer referido ao presente con valor modal de cortesía ou modestia (Querería pedirlle un favor; Importaríache marchar canto antes?). Morfoloxicamente presenta, nos verbos regulares, un sufixo modo temporal /’ria/-/ria/ en distribución complementaria, nas tres conxugacións: /’ria/ para P1, P2, P3 e P6 (and-a-ría-º, and-a-ría-s, and-a-ría-º e and-a-ría-n) e /ria/ para P4 e P5 (and-a-ria-mos, and-a-ria-des). OBS: Tamén se denomina condicional ou futuro do pretérito.