potenciometría
(< potencial + -metría)
Procedemento analítico utilizado para determinar o punto final das volumetrías, baseado na variación de potencial dun eléctrodo en función da variación da concentración dos ións do elemento que o constitúe na disolución do problema, de acordo coa ecuación de Nernst, ao longo da adición dun reactivo valorante. Ten aplicación en volumetrías ácido-base, conseguida a dependencia do potencial dun eléctrodo, como o de hidróxeno, empregado comunmente como referencia, coa concentración dos seus ións no seo da disolución que se quere valorar, e o punto final caracterízase por unha súpeta variación do potencial ao engadir unha pequena cantidade de reactivo valorante; tamén ten aplicación nas volumetrías de precipitación, e é de gran valor para a determinación de haloxenuros e de cianuro co ión de prata, Ag+. A súa aplicación fundamental está nas volumetrías de oxidación-redución, para determinar as concentracións de diversas especies oxidables ou reducibles coa condición de teren potenciais de oxidación-redución (potencial de eléctrodo) suficientemente diferenciados.