predicación

predicación

(< latpraedicatĭōne)

  1. s f

    Acción de predicar.

  2. s f [RELIX]

    Anuncio público da palabra de Deus, feito en forma de discurso polos ministros autorizados, para mover aos oíntes a recibir dunha maneira consciente e libre a mensaxe da salvación e construír e edificar a Igrexa. Distínguense diversos tipos segundo a situación dos oíntes en relación coa fe e a pertenza á comunidade cristiá: a predicación misioneira ou evanxelizadora diríxese aos que aínda non cren para que se convirtan e acepten a fe; a predicación catequética expón aos crentes dun modo sistemático todo o contido doutrinal e moral da fe aceptada; a predicación litúrxica ou homilética explica a palabra de Deus proclamada na liturxia; e a predicación parenética exhorta aos membros da Igrexa a se manteren na fe e na práctica da vida cristiá. No s XVI a Reforma e a Contrarreforma déronlle primacía ao sermón, que, de acordo cos canons tridentinos se faría en lingua vulgar.

  3. s f [LING]

    Atribución dun predicado a un suxeito.

Refráns

  • Ben predica o que ben vive.
  • Facede o ben que vos digo e non fagades o mal que eu fago.
  • Facede o que eu digo e non fagades o que eu fago.
  • O predicador sementa e o confesor recolle.
  • Predícame, frade; por unha orella me entra e por outra me sae.
  • Predicar en deserto, sermón perdido.