Presentación
Antropónimo feminino que evoca a festa cristiá da Presentación no Templo. Provén do latín praesentatĭo, derivado de praesentāre ‘poñer diante, á vista’. Ten como hipocorísticos Presenta e Presen. Segundo as crónicas, en 543, por orde do Emperador Xustiniano e en memoria da Presentación de María, dedicouse un templo construído sobre o pardiñeiro do antigo templo de Xerusalén. A festa da Presentación de María nace como moitas das festas da Virxe en Oriente, e dos mosteiros gregos de Italia pasa a Inglaterra. Como os evanxeos canónicos nada din deste feito e só falan del os apócrifos, Pío V suprimiu a festa, pero reinstaurouna Sisto V en 1585. Xoán XXIII mudou en 1960 a denominación da festa da Purificación de María, tamén coñecida coma Candeloria, por Presentación de Cristo no Templo. A súa festividade celébrase o 2 de febreiro (a de Xesús Cristo) e o 21 de novembro (a de María).