Prestige

Prestige

Petroleiro con bandeira de conveniencia de Bahamas, que o 13 de novembro do 2002 se escorou fronte a Fisterra e provocou o maior desastre ecolóxico das costas galegas. Ese mesmo día decidiuse afastalo da súa posición polo risco para as costas, e afundiuse o 19 de novembro a 130 millas de Fisterra, non sen antes deixar verteduras que xa o día 16 afectaban a 190 km das Rías Altas. En pouco tempo, o fuel cubriu as costas polo que o día 24 se prohibiu a pesca entre Ribeira e Cedeira, normativa que se ampliou a toda Galicia. No mes de decembro o fuel chegou ás Rías Baixas e ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. O afundimento e posteriores verteduras afectaron a importantes sectores da economía galega. O desastre provocou un movemento de contestación social que se manifestou na solidariedade activa na limpeza da mar e a organización da plataforma reivindicativa Nunca Máis.