probiose

probiose

(< pro- +βίος ‘vida’)

s f [MICROB]

Conxunto de efectos fisiolóxicos favorables para un hospedeiro, debidos á colonización do seu tracto intestinal por unha poboación microbiana máis ou menos complexa. Entre os microorganismos causantes (microorganismos probiontes), destacan o grupo das bacterias lácticas, formado por numerosos xéneros como Lactobacillus, Lactococcus, Bifidobacillus, Carnobacterium, Leuconostoc ou Pediococcus. A súa actividade relaciónase basicamente coa mellora da resistencia á enfermidade por estimulación das defensas naturais, e pode implicar mecanismos de natureza heteroxénea, entre os que están a competencia con microorganismos patóxenos por nutrintes limitantes ou por puntos de ancoraxe nas mucosas, a produción de substancias inhibidoras destas especies (bactericinas), e mesmo a activación da resposta imunitaria. Constitúe un fenómeno que subxace ao valor dietético de numerosos alimentos levedados, non só lácticos, así como á estabilidade dalgunhas semiconservas como o chourizo. Como a actividade probiótica non exclúe a implicación de substancias antimicrobianas, como as bactericinas, poderíase considerar unha modalidade da actividade antibiótica; con todo, adoitan opoñerse, non só por tratarse dun fenómeno máis complexo, senón tamén polo feito de que as bactericinas están substancialmente libres dos efectos colaterais non desexados derivados do emprego abusivo dos antibióticos, masivamente incorporados, por exemplo, a pensos industriais. Un abuso complementario é o da crecente utilización publicitaria de nocións asociadas á probiose, que deu lugar a diversos problemas legais.

Palabras veciñas

probatorio -ria | probeta | probidade | probiose | problema | problemática | problemático -ca