pronome
(
-
s
m
[LING]
Conxunto de palabras gramaticais de referencia variable que representa ou substitúe a algún substantivo ou adxectivo anunciado antes, explícita ou implicitamente, no contexto. Defínese sintacticamente por realizar funcións propias do adxectivo ou do substantivo; morfoloxicamente por admitir flexión ou non, e semanticamente porque o seu significado é relacional ou referencial: ata que non se relacionan co contexto lingüístico ou extralingüístico en que se empregan non posúen significado total.
-
pronome persoal
Conxunto pechado de formas gramaticais que equivalen funcionalmente a frases nominais. Está constituído por un conxunto de varias categorías diferentes, que non se manifestan todas de maneira obrigada en cada un deles: persoa, tratamento, xénero, número, exclusividade, reflexividade e caso. Polo trazo persoa distínguense entre primeira, segunda e terceira persoas. A P1 (eu) refírese á que no acto de comunicación actúa como ‘locutor’ e a P2 (ti) ao ‘interlocutor’; a P3 (el, ela), en cambio, ten como referente ‘nin locutor, nin interlocutor’. Polo tanto, os pronomes P1 e P2 son os únicos verdadeiramente “persoais”, pois refírense ás persoas que participan no acto de comunicación e son formas autónomas, non substitutas. Pola contra, os de P3 funcionan como substitutos e concordan en xénero e número co núcleo da frase substituída. O pronome persoal presenta variacións de número singular/plural en cada unha das persoas. Con todo esta oposición pode expresarse por medio de morfemas flexivos (nosoutros/nosoutras) ou a través de temas diferentes (eu/nós, ti/vós, che/vos); ademais a P1 e a P2 presenta dúas formas de plural con distinto significado: un plural exclusivo (nosoutros, nosoutras, vosoutros, vosoutras) e un plural non exclusivo (nós, vós). O pronome persoal ten xénero, que pode manifestar unha oposición masculino/feminino (P1 e P2) ou pode corresponder ao xénero do substituído (P3). Morfoloxicamente pode manifestarse con variación (el, ela) ou con sincretismo (eu, ti). Nas formas sincréticas, como min, ti, vostede, o xénero só se manifesta pola concordancia (min mesmo, min mesma, ti mesmo, ti mesma, vostede mesmo, vostede mesma). A P2, en oposición ao resto das persoas, presenta formas diferenciadas en relación co tratamento: as formas de cortesía (vostede, vostedes). E o pronome persoal tamén presenta formas diferenciadas como reflexivas (se, si, consigo)/ non reflexivas (che, lle). O trazo morfolóxico máis característico do pronome persoal é a variación de caso, é dicir, a existencia de formas diferentes para diferentes funcións. O galego distingue entre nominativo, complemento, acusativo e dativo, cada un deles polo menos cunha función característica. Dentro do caso complemento existen formas libres (min, nós, ti, vós, el, ela), posibles tras todos os nexos que as esixen, e formas ligadas (comigo, connosco, contigo, convosco, consigo), coa preposición amalgamada por causas históricas. As formas dos casos nominativo e complemento son tónicas , as de acusativo e dativo son átonas e deben apoiarse necesariamente nunha forma tónica do sintagma, por iso se denominan pronomes clíticos , que poden ir nunha posición proclítica (apóianse na palabra seguinte) ou enclítica (na palabra anterior).